A caida dos mitos – Xesús Veiga

Xesús Veiga

Dende hai tempo, a dereita política e mediática ten construído diferentes ideas-forza que veñen actuando como mitos consagrados na opinión publicada e nos argumentarios que se exhiben no debate político.Os poucos meses de goberno Rajoy teñen cuestionado seriamente a credibilidade da maioría desas referencias mitolóxicas.

A primeira premisa dese relato feliz era que o PP estaba mais capacitado para resolver a crise económica que calquera outra forza política.A proba do nove de semellante tese radicaba na xestión do goberno Aznar a partir de 1996.Como sucede moitas veces, a memoria é selectiva:os narradores do éxito na redución do déficit practicada antes da entrada do euro agacharon o papel fundamental desempeñado pola venda do patrimonio empresarial público e ignoraron os cambios normativos que multiplicaron os efectos nocivos da burbulla inmobiliaria. Agora, sen cumprir un ano do seu mandato, Rajoy está superado polos problemas da economía española e vai por detrás dos acontecementos, suplicando que interveña o BCE e alimentando a incertidume sobre a evolución das principais variábeis macroeconómicas.

Vinculada con esa presunta superioridade do PP, existían outros lugares comúns:Rajoy inspiraba a confianza necesaria diante dos mercados e do goberno de Angela Merkel e tiña, ademais, unha equipa gobernamental dotada dunha capacidade contrastada para manexar a nave dos asuntos públicos na treboada que estamos a vivir.Aseguraban que o contraste con Zapatero ía ser radical:seriedade fronte a frivolidade; rigor e planeamento fronte a improvisación.O tempo transcorrido reduciu á mínima expresión semellante axenda argumental. Mariano Rajoy semella carecer de crédito en Berlín e Bruxelas mentres o dúo Montoro-Guindos inspira unha insoportábel sensación de caos.

Outro dos grandes mitos estaba localizado no eido fiscal:o PP era incompatíbel coa suba dos impostos.Semellante dogma durou poucas semanas:primeiro foi o incremento do IRPF e do IBI; despois tamén lle tocou ao IVE a pesar de todas as promesas formuladas en sentido contrario.O simplismo argumental que pretendía identificar toda suba impositiva coa posta en práctica de políticas de esquerda e toda rebaixa fiscal coa lóxica dos partidos conservadores ficou aniquilado por este goberno. A partir de agora, a credibilidade neste terreo haberá que gañala con feitos e non con proclamas electorais.

As pensións, a sanidade, o ensino e a dependencia formaban farte dun catálogo de prestacións presuntamente intocábeis para o novo executivo. Os restos do naufraxio son visíbeis:por primeira vez na historia recente os pensionistas teñen que pagar unha parte dos seus medicamentos, a maioría dos dependentes non poderán ver satisfeitas as súas necesidades e os recursos orzamentarios en materia educativa e sanitaria están instalados nunha perigosa tendencia descendente.

Despois do sucedido no caso Gürtel, o PP colocou nun lugar discreto do seu programa as propostas relativas á rexeneración democrática.Aínda así, o abuso do decreto lei como instrumento normativo e a negativa á constitución dunha comisión de investigación sobre o caso Bankia teñen provocado que a calidade democrática da vida parlamentaria se atope no nivel mais baixo dos últimos anos e que medre de xeito preocupante a desafección de partes importantes da poboación a respeito da elite política.

A masiva participación nas protestas convocadas unitariamente polas organizacións sindicais o 19 de Xullo certifica o notábel illamento social que padece o goberno.Dispón da lexitimidade de orixe derivada da contundente vitoria electoral do pasado 20 de Novembro mais está perdendo aceleradamente a necesaria lexitimidade de exercicio para desenvolver as súas políticas.

About Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario