Esta Europa, non. – Antonio Campos Romay

Antonio Campos Romay

Europa, berce de dereitos e liberdades, de solidariedade e de conquistas  sociais cada día que pasa mostra un presente máis túzaro e anuncia ás  xeracións que haberán de seguirnos un escenario de inxustiza e penuria que criamos xa resolto tras centenarias e cruentas vicisitudes. Tanto coma a suicida irracionalidade cíclica dunha Alemania que produce desconcerto e desacougo.

Un escenario empedrado polos efectos perversos da burbulla inmobiliaria, os danos ao ecosistema para beneficio privado, o empobrecemento crecente, a fractúra no acceso ao saber e o coñecemento, a insolidariedade norte sur que descontáramos superada,  o esquecemento do compromiso social dunha economía sumisa ao ditado de cacareados  indicadores económicos e gurús de poderosos lobbys de investimento…Tras a venda dunha tremoia de credibilidade, tecnocracia e profesionalidade atrincheiranse estafadores, caloteiros e farsantes que amparados nunha economía globalizada de xeito temerario son quen de someter ao continente nunha operación concordada sen precedentes.

A Europa que forxou soños e esperanzas, segue desnortada nun interminable proceso de construción que cada vez mostrase mais espurio e carente de coherencia coas expectativas espertadas. As perdas de soberanía dos estados membros non foron para amalgamar socialmente o proxecto senón para abrirlle as portas aos manexos das grandes corporacións globalizadoras da man dos seus lacaios locais. O poder real aglutinase en círculos escuros alleos ao control cidadán convertido en mera caricatura do estado de dereito. Lonxe quedan verbas coma as do presidente Franklin D. Roosevelt “debemos escoller o camiño da xustiza, o único que pode conducirnos cara a unha mellora permanente da nosa civilización, a senda que habemos de mostrar aos nosos fillos”. E desde logo as súas reflexións ante “A Gran Depresión”: “A magnitude da recuperación depende da medida en que apliquemos valores sociais máis nobres que o mero beneficio económico”.  Pola contra, cando na Europa merkeliana e o seu portavoz particular, o Sr. Rajoy, alporizanse clamando contra o déficit como cancro da moi utópica unión, faise máis  sonoro o seu silencio ante o déficit democrático que asoma descarnado segundo profúndase a crise actual.

Temos un Europarlamento cuxa actividade máis significativa foi votar por unha maioría impúdica de conservadores de dereitas (“populares”) e conservadores de esquerda (“socialdemócratas”) que os seus membros sigan viaxando en clase preferente. Unha Cámara cuxa biografía mostra non só a súa ineptitude para controlar o que  presumese o goberno comunitario, a Comisión Europea, senón que é cómplice da ausencia dunha Europa social capaz de contribuír á supremacía dos cidadáns ou evitar o monopolio do capitalismo especulador e as multinacionais sobre a Unión. As súas euroseñorias, – pouco señorío e moita desvergoña-, son convidados de pedra ante a crise profunda dunha Europa que degrada o acerbo social que imprimiu carácter a súa fundación ante os intereses da Europa dos feirantes.  Nos seus fuciños perpétrase o latrocinio e a depredación de especuladores que cabalgando a lombos dunha  crise xerada por eles mesmos dinamita os alicerces do estado de benestar alegando unha carencia de recursos, que foron devorados pola súa cobiza insaciable…

Hipotecase o futuro. A educación e a cultura. A sanidade. As prestacións sociais.  Dereitos, ilusións e esperanzas sacrifícanse na pira dun capitalismo salvaxe florecido dunha desregulación delictiva e dunha ideoloxía ultraliberal que creba a cohesión social que proporciona  a clase media e o mundo do traballo engulidos por unhas medidas que á vez que calamitosas son insolidarias. É un golpe de estado perfectamente orquestrado, aforrando o mal gusto dos tanques nas rúas, utilizando a economía para impoñer a dictadura ideoloxíca dun modelo de sociedade alleo ás nosas tradicións e conquistas sociais. 

Falecen baixo as súas botas os principios  de Liberdade, Igualdade e Fraternidade, que son columna vertebral da democracia. Que se reflicten no artigo 1º da Declaración Universal dos Dereitos Humanos cando proclama  “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros”. 

A situación actual suscita unha severa esixencia de rediseñar eticamente o  sistema económico e a democracia común. Urxe recuperar os valores esenciais que lle deron razón ser.

About Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en Antonio Campos Romay, AUTORES. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario