A crise e os seus efectos colaterais – Antonio Campos Romay

A estas alturas descubrir que a crise na que estamos mergullados ten unha globalidade que supera as nosas fronteiras ou as continentais é unha obviedade. Do mesmo tenor que no caso español, afrontamos unha severa crise política e social máis aló da catastrófica situación do desemprego enseñoreándose dun 27% da poboación laboral, o que requirirá chegar a 2018 ó 2020 para reducilo polo menos en cinco ou seis puntos.

A pregunta dramática que cabria facerse é si no deseño de saída da crise acéptase por quen a xestiona, que unha franxa moi ampla da poboación dese por amortizada, abandonándoa á súa sorte ou condenándoa á marxinalidade permanente. Ou si a erosión da solidariedade que se fomenta sibilinamente desde o poder actual permitirá tal aberración.

A orixe das actitudes ante a crise quizais atope resposta na fractura da alianza das correntes socialcristiáns e socialdemócratas que foron a xénese da Unión Europa post bélica. Unha unión centrada en orixe no Estado de Benestar. Un modelo característico do espazo europeo, xurdido cunha perspectiva de economía social de mercado. A metamorfose sobrevenida no interese dos sectores conservadores por manter os dereitos políticos, sociais e civís logrados, asoma ao mostrarse esta opción política permeable á involución ideolóxica de novo cuño, en grande medida de orixe transatlántico. Propícianse doutrinas desreguladoras, a precarización do estado e en definitiva rómpense as regras de xogo previas. O que devén no retroceso de dereitos e na ampliación espectacular da brecha social. De xeito secundario, pero non menos preocupante, crece o cuestionamento da razón europeísta.

O froito máis envelenado da crise é a deslexitimación profunda da política. E a crecente aparición dunha tendencia (eficazmente orquestrada) cara a un apoliticismo perigosamente próximo ao que imperaba entre os bempensantes do franquismo, obedientes a consigna do «caudillo» que encomendaba ter a gala non meterse en política. Os apóstolos disto, son os tecnócratas devotos. Tecnócratas que no seu día, foron os nenos consentidos  dos réximes totalitarios. Para tales apóstolos é pernicioso e xa que logo obxecto da súa cólera, calquera contrapeso, cortapisa ou proceso transaccional que impoña unha democracia de razoable calidade como freo a súa avidez.

A deslexitimación da política para ser efectiva, necesita dunha crítica corrosiva dos seus actores. A clase política. «A casta», segundo sinónimo moi utilizado entre os sectores mais reaccionarios. Os mesmos que aos catro ventos proclaman que a política «é o apousento dos mediocres», «que todos son iguais», e «que só se vai a ela para medrar». Conceptos cos que se sentía moi cómodo o fascismo, que consideraba perniciosos aos políticos, deixando o mester da cousa pública en mans de técnicos, como protestatarios únicos da probidade. Esquecían citar, que utilizaban a súa posición e dependencia, coma material fráxil e maleable nas mans do poder totalitario.

A invasora involución ideolóxica que padecemos non é improvisada. Leva larvándose décadas, planificada con esmero nos espazos do neoliberalismo máis agresivo. De aí xorde con poderosos padriños e potentes altofalantes. E con poderío suficiente para poñer en xaque o modelo de sociedade existente. A súa mellor arma é a transmisión de medo e inseguridade de xeito sistemático. Os seus efectos, a demolición metódica dun modelo baseado na confianza e certeza de valores que  dábanse como afianzados. A educación, a sanidade, o sistema de pensións, a estabilidade no traballo, a igualdade de oportunidades, os dereitos da muller, a remuneración apropiada…Un a un son dinamitados deliberadamente para deixar á poboación vulnerable en mans dos poderes económicos transnacionais e locais.

Fronte a iso a esquerda convencional perdeu as súas enerxías en acomodos institucionais de curto percorrido. De costas á cidadanía enfrascouse en xestionar, suavizándoos levemente, os intereses do capital e con iso distanciouse do interese do común. Postura temeraria que ignora que o cidadán necesita saber que é protagonista da súa propia historia e anda farto de interlocutores revestidos de falsos roupaxes democráticos.  No seu autismo foi incapaz de prever a dimensión do tsunami reaccionario que invadía a sociedade coa coartada dunha crise que tampouco interpretou. Non percibiu a súa natureza e menos o seu alcance. Un estrepitoso fallo político que puxo en evidencia a súa extenuación ideolóxica e a súa pobreza estratéxica. Cunha miopía alarmante non allea de nostalxia aférrase a respostas e modelos de acción política propia de décadas anteriores cando os seus servizos aínda eran necesarios. Incluída na crise do sistema de partidos, o seu liderado  derrubase cando seria máis urxente. No seu debe compre imputar a desmobilización da cidadanía, -domesticada desde a propia esquerda institucional-, e con iso desposuída da súa capacidade de presión. Tal comportamento alfombrou o camiño cara á hexemonía sen trabas do capitalismo, tanto na súa faciana industrial como  financeira. O triunfo é de tal calibre, que os interesados xa non se molestan en disfrazar o seu asañamento. Por vía de exemplo a impune laminación de dereitos sociais históricos tan penosamente conquistados.

Como remate, non parece ocioso albiscar, non soamente unha agresión frontal ao estado de benestar ou á calidade de vida coñecida ata a data, senón tamén un grave risco para  unha democracia cunha saúde moi deteriorada.

About Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en Antonio Campos Romay, AUTORES. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario