
1.- En 1981, o 23 de febreiro (23-F), sentín medo. Tiña 25 anos e levaba poucos meses vivindo e traballando en Valencia. Un energúmeno con tricornio de charol e pistola na man, acompañado doutros como el con metralletas, asaltaron o Congreso dos Deputados. En Valencia, o xeneral que mandaba na rexión militar decretou o toque de queda, encerrounos nas casas e sacou os tanques á rúa. Ambos os dous pretendían botar para atrás o case recente nado período democrático e voltar ao país á ditadura que encarnara ao longo de 40 anos outro militar golpista: Franco. Eles foron as caras que vimos da trama militar do golpe. Da trama civil pouco soubemos.
Eu non tiña medo por min. Ninguén me coñecía en Valencia, mais antes, desde 1971, eu estivera a militar, na Coruña, no Partido Comunista (PCG). Tiña medo pola xente que quedaba na miña cidade e o que lle podería pasar se o golpe ía adiante.
Nos días que seguiron, millóns de persoas manifestámonos polas rúas de Valencia e de toda España contra o golpe e os golpistas e a prol da Liberdade e a Democracia tanto tempo esperadas, polas que tanto loitamos e que ao fin acadamos.
Hoxe non sería imaxinable un golpe como aquel. Agora non se usan pistolas nin tanques. Agora é a trama civil a que actúa resoltamente. Os herdeiros daqueles golpistas, que pretenden os mesmos obxectivos que entón, utilizan medios de comunicación legais, redes sociais de amplo alcance, e mesmo os mecanismos da propia democracia coa que lles gostaría acabar.
Máis de 40 anos despois, non consigo comprender que moitas persoas das que entón nos erguemos para defender a nova sociedade que agromaba, estean seguindo, defendendo, e mesmo votando, aos partidos que teñen como obxectivos os mesmos que tiñan aqueles golpistas. Acaso hai una perda colectiva de memoria e de conciencia? Vox son os herdeiros daqueles militares e queren o mesmo que querían eles. O PP está a comportarse como cómplice necesario para que o acaden. Ninguén que vivira aqueles intres debería de darlles o seu voto.
Pensar que poden gañar as eleccións de xullo faime ter de novo a sensación de medo que sentín daquela. Tampouco sería medo por min, que xa teño a vida que me queda bastante resolta. É medo polo que poida vir. Pola xente nova, que non vivíu aqueles intres pero desfruta dunha liberdade que non vén de serie, que houbo que conquistar e que hai que manter e ampliar. Pola xente traballadora que ten traballos mal remunerados, abusivos, que non permiten facer plans de vida e que con moita dificultade alcanzan para ter un teito baixo o cal vivir. Polas mulleres que están a facer coa súa teimuda loita pola igualdade un mundo mellor para elas e tamén para os homes. Polas persoas pensionistas que pelexaron e conseguiron que as súas pensións medren o mesmo que medra o custo da vida. Polas persoas LGTBI que tanto sufriron e gañaron o orgullo de seren quen son. Por tanto e tanto que precisa da victoria electoral das forzas de esquerda e de progreso que nos permitan quitar o medo do corpo e seguir avanzando no camino aberto polo goberno da coalición progresista desta lexislatura que acaba.
2.- Todos os votos son precisos. Os da xente que non votou porque no seu concello non había candidatura coas súas siglas, ou que votou polo “mal menor”. Quen non o fixo decepcionado porque non se acadara unha unidade ansiada (o que na Coruña supuxo que ningunha das candidaturas afectadas acadara representación algunha, resultando que dez mil votos remataran no lixo). Os daquelas persoas que, incluso téndose chegado a un acordo, asinado voluntariamente polo máis amplo grupo de forzas políticas representativas da esquerda alternativa ao PSOE, que é SUMAR, sentíronse feridas polos debates habidos ata conquistar esa unidade e as candidaturas resultantes. Esas persoas saben perfectamente a importancia que ten o seu voto e que as feridas necesitan dun tempo para curar, mais non nos poden deter.
Mención aparte merece falar daquelas outras persoas que nesa reflexión de corazón ferido, cren que o máis acaído é votar o BNG porque está a aparecer como a forza máis coherente. Ademais de lembrar o su voto negativo, entre outras cousas, á Reforma Laboral, que estivo a piques de fracasar, a non ser polo voto dun “despistado” do PP, que non faría falta se o voto do BNG fose positivo, hai que deterse a pensar que a posibilidade de influencia do BNG, de EH-Bildu, de ERC, e outras forzas, só cabe se existe un goberno de maioría de progreso que teña nas súas mans os Orzamentos Xerais do Estado e o BOE. De non ser así, tanto terá ter un deputado que catro. O primeiro é, necesariamente, acadar un goberno progresista. Dará tranquilidade á maioría social, dará tempo para poder seguir adiante cos avances indiscutibles derivados do goberno de coalición actual e, ao tempo, tamén para curar feridas aínda sen pechar de todo.
3.- Quédame unha última reflexión. A correlación de forzas entre aquelas que miran cara adiante, ao avance colectivo en dereitos e calidade de vida, para afondar na democracia, ten que ser favorable fronte ás que miran cara atrás con desprezo as conquistas sociais que fixeron avanzar o noso mundo ata aquí. Mais tamén é moi importante a correlación interna entre os partidos que necesariamente terán que acordar un novo goberno de coalición. O peso que teña a esquerda alternativa ao PSOE nesa coalición será determinante para acadar máis avances e leis máis progresistas e, seguramente, facilitará acordos con outras forzas parlamentarias cuxo voto sexa preciso para unha lexislatura sen sobresaltos.
Demetrio Vázquez Martínez