O DEBATE ECONÓMICO QUE NON EXISTIU.-Xesús Veiga*

Cando comezou o curso político, no pasado mes de Setembro, existía un prognóstico case unánime nas análises mediáticas: a situación económica ía ocupar o lugar dominante no debate público e nas estratexias dos principais actores políticos. Semellante conclusión era consecuencia dunha dupla consideración: a evidencia dunha grave incerteza no marco económico internacional por mor da persistencia da guerra en Ucraína e a deliberada opción tomada polo novo presidente do PP estatal para colocar a economía como o asunto prioritario na súa axenda de oposición ao actual goberno de coalición.

Esta decisión de Feijoo derivaba da súa convicción de que tal estratexia podía acadar dous obxectivos simultáneos: captar o apoio dun segmento do electorado socialista proclive a pensar que o PP ten mais capacidade para xestionar eficazmente unha crise económica e curtocircuitar as pretensións de Vox para establecer como centros de atención os temas que habitualmente figuran no seu catálogo de axitación e propaganda (Cataluña, inmigración, violencia de xénero, memoria histórica…). Para vehicular este plan, o principal partido da oposición escolleu a política fiscal como o principal reclamo para construír o seu relato e fixo das rebaixas impositivas a tentadora ferramenta populista para acadar potenciais complicidades sociais.

Hoxe, tres meses despois, mantéñense importantes incógnitas sobre a evolución das variábeis económicas pero teñen mudado dúas circunstancias significativas. Por unha banda, o goberno de coalición ten promovido distintas medidas que posibilitaron un menor impacto negativo nas condicións de vida dos sectores mais vulnerábeis do tecido social. Ao mesmo tempo, a liña principal deseñada pola equipa de Alberto Núñez para combater as políticas gobernamentais fracasou até un punto non previsto polos seus promotores. O sucedido co executivo conservador do Reino Unido -encabezado por Liz Truss- desmantelou a credibilidade das propostas formuladas polo PP: foron os propios operadores financeiros privados os que penalizaron a pretensión dos conservadores británicos en favor dunha redución fiscal indiscrimada acompañada dun incremento do gasto público. Se iso non funcionou en Londres onde, neste momento, existe unha maioría absoluta parlamentaria administrada por unha forza que comparte familia política con Feijoo, resultaba imposíbel convencer a moitos electores do Estado español -entre eles unha parte dos votantes da esquerda- da pertinencia dese tipo de fórmulas para saír da crise. Moito mais cando se ten constatado que, polo momento, non hai fendas insalvábeis entre o goberno de Pedro Sánchez e as autoridades de Bruxelas. Esta situación ten descolocado notabelmente aos dirixentes do PP por canto a súa retórica incendiaria («executivo socialcomunista e bolivariano») non encaixa coa boa interlocución demostrada coa presidenta da Comisión -Ursula von der Leyen-, coñecida integrante da CDU alemá, forza de referencia prioritaria para a dereita europea.

Despois de comprobar que o tema económico non ten as potencialidades previstas para multiplicar o desgaste do goberno, a dirección do PP buscou unha substitución pouco orixinal: o contencioso catalán e a suposta subordinación aos designios das formacións independentistas (isto último, ademais, sen introducir os matices esixidos pola circunstancia de que Junts e as CUP non comparten habitualmente os acordos do PSOE e de UP con ERC). O ex-presidente da Xunta carece dun interlocutor político representativo no ámbito do nacionalismo catalán (aquelas vellas relacións entre Aznar e Pujol fican hoxe no territorio da melancolía histórica) e segue instalado na lóxica aplicada por M. Rajoy: non buscar  un acordo de mínimos entre os distintos sectores que actúan no escenario catalán e manter unha liña de máxima dureza no ámbito xurídico. Con eses vimbios, e de cara aos vindeiros meses, semella asumir un status electoral moi minoritario en Cataluña a cambio dun hipotético reforzamento noutros territorios.

Nos últimos días, Feijoo ten manexado dous argumentos especialmente graves dende o punto de vista da lóxica democrática. Un: que a súa negativa a cumprir coa obriga constitucional de renovar o CXPX ten como fundamento a defensa do Estado de dereito fronte ás supostas pretensións de asaltalo dende a actual maioría parlamentaria . Outro: que Pedro Sánchez carece de lexitimidade para facer propostas de modificación do Código Penal porque non estaban no catálogo dos compromisos adquiridos nas eleccións de 2019. A conclusión está, pois, servida: só o PP posúe a capacidade para establecer a bondade e/ou lexitimidade das iniciativas dos seus adversarios. Se a isto engadimos a iniciativa adoptada para que o TC -con 4 membros que teñen o mandato caducado- impida preventivamente o labor lexislativo das Cortes, disporemos dun cadro completo da deriva tomada por un dirixente -Alberto Núñez- que supostamente chegaba para mudar a traxectoria de Pablo Casado e para facer da economía o núcleo duro da súa actividade opositora.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en O DEBATE ECONÓMICO QUE NON EXISTIU.-Xesús Veiga*

GRAVE CRISE CONSTITUCIONAL.-Xoan Antón Pérez-Lema*

As institucións estatais están a vivir quizais a súa peor crise dende a aprobación da Constitución no 1978, quitando a xerada pola rebelión de Tejero, Miláns e Armada o 23-F de 1981. As actitudes da dereita e extrema dereita españolaa e tamén  da propia esquerda española semellan reflectir que xa non hai consenso sobre as regras de xogo que rexen a elección e funcionamento das principais  institucións do Estado. Do Tribunal Constitucional (TC), do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e das Cortes Xerais.Prodúcese así unha grave crise que xa se desenvolveu entre 2010 e 2018 canto á Constitución territorial , coa sentenza que declarou parcialmente a nulidade dun Estatut xa plebiscitado pola cidadanía catalá e coa definición maximalista dun artigo 155 con potencial para limitar substancialmente o dereito á autonomía constitucional, cesando  Gobernos e disolvendo Parlamentos autonómicos, fronte á interpretación dos xuristas coetáneos da Constitución (como Gil Robles y Gil Delgado ou García de Enterría) de só poder limitar determinadas accións deses Gobernos.

   PSOE, UP e Más País coñecen perfectamente a xurisprudencia constitucional que prohibe introducir emendas no trámite lexislativo de proxectos e proposicións de lei cando nada teñen a ver esas emendas coa materia da proposta. É dicir, introducir emendas con regras sobre a elección e asunción do cargo de persoas maxistradas do TC ou sobre como ha debater o CXPX a elección dos seus dous representantes no TC, como se está a facer, é inconstitucional. Por certo, cómpre lembrar que a primeira vez que tal se fixo foi por parte do PP no 2003, durante o aznarato, cando se quixo introducir na Lei de Arbitraxe unha emenda para crear o delicto de convocatoria de referéndums ilegais, dirixido contra a iniciativa de novo Estatuto de Estado asociado do lehendakari Juan José Ibarretxe.

     Mais a reacción do PP, Vox e Cs sobarda con moito a gravidade das condutas da esquerda española, ao recorrer non leis xa aprobadas , senón querer parar os trámites de aprobación desas leis. A actuación parlamentaria hase mover nos marcos do Estado de Dereito, mais o control sobre os seus actos e leis ha ser a posteriori, logo de que estes actos e normas nazan á vida xurídica e nunca antes. A gravidade desta pretensión aínda é máis notábel se nos decatamos que vai ser decidida por maxistrados co cargo constitucional caducado, caducidade directamente vencellada coa decisión da dereita española de boicotear calquera anovamento do TC e CXPX que pense lle pode prexudicar.

    En calquera caso, a esquerda española está a sofrir as resultas da doutrina do “a por ellos” desenvolvida no procès catalán, cando o TC interrompeu varias veces procesos parlamentarios sen agardar a que se adoptasen as correspondentes decisións pola Cámara catalá. Calaron daquela e agora veñen por eles.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en GRAVE CRISE CONSTITUCIONAL.-Xoan Antón Pérez-Lema*

OS DELICTOS DE MALVERSACIÓN.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 Até o 1 de xullo de 2015 o noso Código Penal (CP) só coñecía o delicto de malversación por desfalco, é dicir, cando unha autoridade ou empregado público  faise con fondos públicos para o patrimonio proprio ou o de calquera terceiro. Na reforma do CP de 2015 a maioría absoluta do PP de Mariano Rajoy  introduciu un novo delicto, o de administración desleal, que pena a xestión dun patrimonio alleo sobre o que se teña capacidade de administración de xeito que se lle produza un prexuizo económico, xerado das resultas desa xestión. Esta mesma conduta foi penada no ámbito público, como unha segunda tipoloxía da malversación, a malversación por administración desleal. Ambas as dúas tipoloxías da malversación teñen a mesma pena: 2-6 anos de cárcere e inhabilitación especial para todo cargo ou emprego público por tempo de 6-10 anos, que poden chegar a 4-8 anos de cárcere e 10-20 de inhabilitación absoluta se a malversación por desfalco ou por administración desleal supera os 50.000 € e a 6-12 anos de cárcere se sobarda os 250.000 €.

         A razón desta ampliación punitiva no eido da malversación era o procès catalán. O PP quería punir ao president Artur Màs e ao conseller Francesc Homs pola convocatoria da consulta cidadá catalá de novembro de 2014 e decatáronse co CP na mán que só o podían facer por desobediencia. De todos os xeitos obtiveron despois unha sentenza do Tribunal de Cuentas que lles obrigou pagar unha moi alta indemnización. Mais para o PP estatal cumpría unha reforma “ad hoc” que cualificase o destino de fondos públicos para finalidades de consulta cidadá por parte dun goberno soberanista nun delicto “ex novo” con castigo semellante aos homicidios e violacións.

           Temos, pois, dous delictos de malversación, a que se fai por desfalco e o que se fai por unha xestión discutíbel do patrimonio público. Punidas as dúas coas mesmas penas, que se cualifican pola cantidade atinxida que sempre tenderá ser superior no contexto da xestión discutíbel ca no de encher directamente o peto propio ou alleo, o que explica que os antigos presos soberanistas cataláns fosen condenados coa gravidade xa coñecida. Só a malversación por desfalco constitúe un delicto de corrupción, na normativa xurídica internacional (Convención das Nacións Unidas contra a corrupción de 2003). 

           Xa que logo, cómpre rebaixarmos substancialmente as penas por malversación por administración incorrecta e non por desfalco. E, ao mesmo tempo, rematar con fórmulas xenéricas incompatíbeis co Dereito Penal das democracias europeas e definir dun xeito concreto e limitativo as condutas que han ser penadas por este delicto e polo seu correlativo no ámbito do Dereito civil e mercantil, o delicto de administración desleal.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en OS DELICTOS DE MALVERSACIÓN.-Xoan Antón Pérez-Lema*

CERTEZAS E INCÓGNITAS DA CITA ELECTORAL MUNICIPAL.-Xesús Veiga*

Hai uns meses especulouse coa posibilidade de que Pedro Sánchez adiantase a convocatoria das eleccións xerais para facelas coincidir cos comicios locais previstos para o último domingo do vindeiro mes de Maio. Falábase de que tal opción podería maximizar os resultados do PSOE nas urnas. Dado que nesa mesma cita primaveral van ser elixidas as Cámaras lexislativas dalgunhas CC.AA., a eventualidade de semellante coincidencia suscitou unha notábel preocupación naqueles baróns socialistas que dispoñen dunha influenza importante nos segmentos do electorado mais reticentes aos acordos parlamentares con forzas como ERC ou Bildu.

Finalmente, tal hipótese non vai ter lugar. Como ocorreu no ano 2019, a convocatoria local e autonómica ficará singularizada, permitindo comprobar a maior ou menor vixencia da tradición que sinala un comportamento diferencial dos votantes cando se trata de elixir a representación nos concellos e nas Cortes estatais. No territorio galego existen diversos exemplos que certifican esa dualidade electoral. Por citar dous moi relevantes: a prolongada hexemonía da candidatura nacionalista encabezada por Lores na cidade de Pontevedra e a hiper-maioría absoluta acadada por Caballero na cidade de Vigo. En todos estes casos, non se deu unha translación automática ás cifras rexistradas nos comicios estatais e galegos, demostrando a consistencia da especificidade de certas dinámicas políticas locais e o fracaso das pretensións uniformizadoras á hora de captar os apoios electorais.

No ámbito galego, a convocatoria do vindeiro mes de Maio permite adiantar algunhas certezas pouco discutíbeis: a forza política con maior número de votos e de representantes nas corporacións municipais será o PP; o PSdG manterá unha maior presenza da que, en termos relativos, posúe hoxe no Parlamento do Hórreo; o BNG seguirá conservando unha ampla representación espallada por todo o territorio do País e as Mareas que agromaron no ano 2015 confirmarán o devalo constatado hai catro anos.

Neste momento, as incógnitas principais radican na composición final dos concellos das sete cidades e nas maiorías resultantes nas Deputacións provinciais. En ambos casos -e coa única posíbel excepción ourensá- o PP necesita acadar unha maioría absoluta dos escanos para asegurar o goberno desas institucións. Semellante obxectivo presenta un elevado nivel de dificultade dados os precedentes das últimas consultas. Por citar catro exemplos significativos: dende hai 30 anos, o partido de Feijoo e Rueda apenas gobernou en Vigo, A Coruña, Santiago e Pontevedra. Todos os indicios apuntan a que, nesas cidades, seguirá na oposición a partir de Maio. A súa esperanza está depositada en Ourense e Ferrol.

Mais unha vez, asistiremos á combinación da falta dun debate serio e sistemático sobre o papel das Deputacións co desenvolvemento de campañas intensas para acadar aqueles resultados que posibiliten o control desas entidades durante os vindeiros catro anos. A reconsideración do funcionamento destas institucións ou a súa refundación nun cadro administrativo substancialmente diferente carece, hoxe por hoxe, dos apoios políticos e sociais que serían necesarios para acometer semellante tarefa.

Polo demais, a recente designación de Manuel Cabezas e Francisco Rodríguez como candidatos do PP e do Partido Socialista á alcaldía de Ourense revela a dificultade que padecen estas dúas formacións para ofrecer novas caras ao corpo electoral da terceira cidade galega. A situación atípica vivida por mor da presenza dun populista como Jácome no cumio do concello non foi capaz de propiciar unha renovación nas propostas dos partidos que desempeñaron, no pasado, importantes responsabilidades de goberno. Con todo, este é un problema que vai mais alá dos limites territoriais da cidade das Burgas. Só no 2015 tivo lugar un cambio relevante na dinámica de acceso de novas persoas aos postos de goberno nalgunhas das cidades galegas. A inexperiencia, os erros na xestión e as divisións internas neutralizaron as potencialidades xeradas naqueles comicios municipais e propiciaron o retorno aos escenarios políticos habituais rexistrados nas últimas décadas.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en CERTEZAS E INCÓGNITAS DA CITA ELECTORAL MUNICIPAL.-Xesús Veiga*

DESCRIMINALIZARMOS A PROTESTA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O Congreso aprobou ter en consideración unha proposición de lei orgánica que reformará o Código Penal (CP) suprimindo os delictos de sedición e modificando o réxime dos delictos de desordes públicas. Tamén modificará o réxime dos delictos de calote (estafa), desfalco (apropiación indebida), falsidades e administración desleal para incorporar os conceptos comúns europeos na incriminación do uso fraudulento de cheques de viaxe e cartóns de crédito e adebedamento. 

      Xa dixemos hai poucas semanas nestas páxinas que a derrogación dos delictos de sedición era obrigada á vista do Dereito penal comparado dos demáis Estados da Unión Europea e USA, que descoñecen a sanción penal de condutas políticas non violentas nin intimidatorias, mesmo as incompatíbeis coa legalidade constitucional. Esta derrogación suporá a imposibilidade de seguer a reclamar xudicialmente por este delicto (si por malversación impropia- que é a que non se fai no proveito de seu- de diñeiro público)  a Carles Puigdemont e aos seus conselleiros e conselleira Toni Comín, Clara Ponsatí e Lluis Puig. Porque de ningún xeito pódese tipificar a súa conduta constitutiva de desordes públicas nin doutros delictos alternativos. Xa que logo, a “boutade” do Goberno de Pedro Sánchez fachendeando de que esta reforma habería traer Puigdemont perante a xurisdición española cualifícase por si propia e non fai máis que afortalar a estratexia procesual do xironés e dos seus conselleiros e conselleira perante os Tribunais europeos de Luxembourg ( UE)  e de Dereitos Humanos en Strasbourg.

 Agora ben, a reforma dos delictos de desordes públicas mantén un artigo no CP  que segue a punir condutas non violentas nin intimidatorias como delictos de desorde pública, cando un grupo de persoas ocupe sen permiso do seu titular locais, escritorios ou oficinas públicas ou privadas, mesmo as que estiver abertas ao público na altura. Trátase de condutas que non haberían constituir delictos, agás que se dean quer o elemento de violencia (vis absoluta) ou o de intimiddación (vis intimidatoria).

   Sen dúbida a maioría da investidura, que quitou adiante esta proposta no seu debate limiar, habería suprimir este delicto residual de desordes públicas sen violencia, como tamén facer cumprir a este Goberno as súas promesas incumpridas na derrogación da chamada lei mordaza e máis dunha pena incompatíbel coas finalidades constitucionais de rehabilitación, como é a prisión permanente revisábel. Pena que constitúe a máxima expresión dun populismo punitivo que sobrancea na dereita española e comeza sobrancear en amplos sectores da esquerda española.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en DESCRIMINALIZARMOS A PROTESTA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Una decadente Europa agoniza a la espera del funeral.-José Luis Ortiz Güell

Europa se muere, ya está agonizando esperando defunción y funeral. No alarmo, reconozco y asumo la verdad. Hace un siglo Argentina y Venezuela estaban entre los países más ricos y hoy la realidad es muy diferente. En la actualidad países como Lituania, en 10 años, ya ha alcanzado el nivel de España. Francia, antes líder y entre los grandes, según el 75 % de su población piensa con dolor que está en declive y sufre un descontento social que pone en serio peligro su estabilidad política. Aunque aún se mantiene entre los diez países más importantes del mundo, en breve será superado por México.

Europa está muerta y no es consciente de ello. En el año 2040 sólo dos países seguirán estando entre los 10 más importantes, Alemania y Reino Unido y este no está en la Unión Europea y entre los 20 primeros se mantendrá Francia España e Italia estará cerca de los 40 países destacados del mundo. ¿Qué ha ocurrido si hasta hace poco tiempo se estaba entre los nueve países más grandes?

España un país en el que seis de cada diez jubilados cobra menos de mil euros. Estos siguen creciendo y con retribuciones futuras más deficientes. España con más 30 % de las pequeñas y medianas empresas a las puertas de la quiebra.

En estos momentos los países que lideran el mundo realmente son, en este orden: China, Estados Unidos, Japón, Alemania, India, Rusia, Reino Unido, Corea del Sur, Francia, Canadá y Australia. De entre todos esos países políticamente están más cercanos a China tanto India, Rusia, Corea del Sur y no olvidemos que el 45 % de la deuda de Estados Unidos está comprada por China y el que debe, nunca es independiente y por lo tanto siempre pierde. Eso puede darnos una idea de la evolución no sólo económica sino política que espera a Europa.

Lamentablemente podremos dar las gracias de convertirnos en el patio de recreo del resto del mundo siendo totalmente irrelevante. Hablo con claridad para concienciar del futuro que nos espera. Para ese momento en 2050 yo sólo seré, si vivo, un anciano de 83 años que la acompañará en su agonía a la espera del funeral. ¿Piensas que tenemos aún capacidad de reacción?, entonces ¿a qué esperamos? Reaccionemos si aún tenemos alternativas….

José Luis Ortiz Güell, funcionario

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en Una decadente Europa agoniza a la espera del funeral.-José Luis Ortiz Güell