A NOVA VERSIÓN DA VELLA BATALLA FISCAL.-Xesús Veiga*

Non é a primeira vez que se desenvolve un debate sobre o sistema fiscal. Nin tampouco será a derradeira. Tanto no ámbito académico coma no político. En todo caso, as diferenzas son notábeis: no primeiro caso as respectivas posicións deben estar avaladas polo rigor derivado do contraste entre as proposicións teóricas e os resultados empíricos. En troques, no territorio da política vale case todo: mentiras, falacias, superficialidade, curtopracismo… Certamente, a calidade argumental non figura no libro de estilo das equipas asesoras daqueles dirixentes políticos que están obsesionados por atopar a ruta mais rápida para chegar ao poder. Sen escrúpulos.

Despois de que Ayuso e Moreno Bonilla eliminaran, na práctica, o Imposto de Patrimonio e tamén o de Sucesións e Doazóns, Alberto Núñez Feijoo difunde diariamente a boa nova de que a baixada de tributos é a solución para todas as desgrazas que padecen amplos sectores do corpo social. Curiosamente, durante os 13 anos que presidiu o goberno da Xunta non quixo facer o mesmo que agora aplaude: reduciu algo a contía deses gravames pero non os suprimiu. Outra peza analítica adicional para construír o retrato da coherencia política do aspirante a ser futuro inquilino da Moncloa.

O deliberado reducionismo argumental dos dirixentes do PP non se compadece coa seriedade requirida para achegarse a esta temática. Un sistema fiscal é un conxunto de figuras tributarias que pretende acadar un volume suficiente de recursos para que unha determinada Administración Pública sexa quen de prestar un abano de servizos que aseguren un nivel digno de benestar para as persoas integrantes dese tecido social. Hai que respostar, por tanto, a dúas preguntas básicas: cal debe ser a dimensión, a calidade e, xa que logo, o custe dos servizos públicos que se queren ofertar (sanidade, ensino, dependencia, seguridade…) e cómo debe ser repartida esa carga fiscal entre os distintos segmentos da cidadanía.

Ao cabo, baixar ou subir impostos, crear novas figuras tributarias ou suprimir algunhas das existentes son ferramentas para conseguir determinados obxectivos. Poden ser utilizadas complementariamente para posibilitar aquel horizonte de benestar público previamente definido. No ámbito das investigacións académicas tense demostrado dende hai tempo a falacia de quen sostén que unha baixada sistemática de impostos proporciona unha maior recadación fiscal. Poren, o que asegura tal estratexia é o debilitamento da capacidade das Administracións públicas para asegurar e ampliar a carta de dereitos sociais.

A situación fiscal no ámbito do Estado español presenta determinadas características singulares, algunhas delas moi diferentes ás que rexen na meirande parte dos países da UE. Por exemplo: hai unha menor presión fiscal relativa que minoriza as aportacións de recursos ás Facendas públicas. Ou tamén: a distribución do esforzo tributario penaliza aos perceptores de rendas do traballo -sobre todo nos sectores medianos e baixos- en favor de quen disfruta dos rendementos proporcionados pola súa riqueza patrimonial e dos beneficios das grandes corporacións empresariais. Ademais do anterior rexistrase un elevado e persistente nivel de fraude que dana gravemente a saúde das finanzas públicas. Esta seria anomalía deriva de dúas causas concatenadas: o mantemento dunha excesiva dimensión da economía mergullada e os buratos que ofrece a lexislación tributaria para agachar unha parte do que debe ser obxecto de tributación.

Para completar o cadro das sombras existentes no sistema, hai que sinalar a presenza -en amplos sectores da cidadanía- dunha cultura fiscal pouco compatíbel coa viabilidade dun Estado de benestar de calidade comparábel ao dos territorios mais desenvolvidos da contorna europea. Dende hai tempo, está instalada unha certa conciencia proclive a demonizar o pago de impostos e a desconectar o esforzo tributario do afortalamento dunha rede de prestacións públicas que garanta maiores niveis de igualdade no acceso aos dereitos establecidos nas lexislacións estatais e internacionais.

Dende hai moitos anos, está pendente unha revisión estrutural do sistema fiscal vixente no Estado español. Están elaborados varios informes -o último solicitado polo actual goberno de Pedro Sánchez- nos que expertos e técnicos formulan diversas propostas de cambio. A chave está na existencia dunha maioría parlamentaria que teña a vontade política necesaria para establecer un novo cadro legal con vocación de permanencia temporal que permita achegar un duplo obxectivo: obter os recursos financeiros suficientes para asegurar a sustentabilidade dun Estado de benestar de calidade contrastada e mellorar substantivamente os niveis de xustiza distributiva, facendo realidade  a progresividade proclamada nos textos fundacionais do sistema democrático vixente. Na conformación deste novo marco regulatorio deberán contemplarse as novas realidades presentes no universo económico: a capacidade de xeración de riqueza asociada á dixitalización e outras formas produtivas -coa conseguinte formación de grupos de poder que antes non existían-, a capacidade de evasión das grandes corporacións tecnolóxicas, a nova pobreza orixinada polas dificultades do mercado de traballo para sectores relevantes da mocidade…

O debate sobre a fiscalidade está atravesado por outra circunstancia que provoca mais complexidade analítica (e que tamén proporciona mais combustíbel para as cerimonias populistas): a descentralización territorial de certas figuras tributarias. Concretamente: no vixente modelo de financiamento autonómico -pendente de revisión dende hai case 10 anos-, as CC.AA (agás o Pais Vasco e Navarra que dispoñen, dun singular réxime do concerto económico) teñen capacidade para fixar normas propias sobre o Imposto de Patrimonio, o de Sucesións e Doazóns e unha parte do IRPF. Ademais, poden establecer figuras tributarias específicas para atender as súas necesidades financeiras. Este nivel de autonomía fiscal -polo demais, non especialmente elevado- cabe utilizalo cunha lóxica federal cooperativa ou, como está sucedendo dende hai tempo, pode formar parte dunha estratexia de dumping desleal para buscar réditos electorais mais ou menos inmediatos.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en A NOVA VERSIÓN DA VELLA BATALLA FISCAL.-Xesús Veiga*

ESPAÑA NUNCA CUMPRE CONNOSCO.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 Nas democracias liberais teñen unha  nomeada trascendencia os debates e aprobacións, no seu caso, das leis fiscais e de orzamentos, porque esta caste de actos parlamentarios representan a decisión da cidadanía a respecto dos tributos que se lle van esixir- como se distribúe o esforzo cidadán  a respecto do ingreso público- e de como se vai gastar ese diñeiro que ven da cidadanía.

 Porén, hai bastante tempo que na limitada democracia española o debate orzamentario non fixa as prioridades de gasto, tendo en conta as amplas facultades do Goberno do Estado para decidir con ampla marxe de discrecionalidade o destino de determinados fondos  públicos. E a cuestión faise aínda máis grave no que atinxe ao efectivo investimento dos fondos estatais destinados a Galicia. En realidade, a historia dos sucesivos orzamentos estatais coñece anos nos que os investimentos reais na Galicia acadaron mesmo menos do 50% dos fondos legalmente orzamentados, como escrebiu a xeito Afonso Eyré a primeiros de 2019, cando alcumou de “estafa”  esta práctica orzementaria.  A situación dende aquela non mudou. De feito, no exercicio 2021 a liquidación efectiva dos investimentos estatais na Galicia acadou só un 67%, fronte ao 184%!!!! de Madrid.

Cómpre, entón, mirarmos máis á lúa da liquidación efectiva ca ao dedo do xogo orzamentario que ano a ano nos enlea e entretén, do xeito que se prioriza e atende nas Administracións locais, que aproban cada ano unha conta xeral de liquidación que esixe aos gobernos locais dar conta do efectivo cumprimento dos orzamerntos perante o mesmo Pleno que os aprobou. Xa que logo, constitúe unha prioridade de hixiene democrática unha reforma do Dereito Financeiro Público que esixa debater nos Parlamentos estatal e galego a liquidación do exercicio ou exercicios (no caso de prórrogas orzamentarias) pendente/s antes do debate do novo Orzamento.

 No 2007 e 2008 o BNG, foi consciente do valor dos seus dous deputados para que R. Zapatero puidese aprobar cadanseus Orzamentos. Mais tamén foi consciente das grandes diferenzas entre orzamentar investimentos  e liquidalos. Velaí que o seu líder nacional daquela, Anxo Quintana, e o voceiro no Congreso, Francisco Rodríguez, esixiran unha comisión de seguimento para garantir a axeitada liquidación dos investimentos estatais en Galicia legalmente orzamentados. En abril de 2009 accederon Núñez Feijóo á Xunta e José Blanco (PSOE) ao Ministerio de Fomento. Dous meses despois, logo dunha xuntanza privada no Hostal dos Reis Católicos, ambos os dous desactivaron esta Comisión de Seguimento substituíndoa pola súa “relación e sintonía persoal”.

 É certo que España nunca cumpre connosco. Mais tamén é verdade que nunca faltan políticos galegos que fan o imposíbel por agochar esta falla de cumprimento.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en ESPAÑA NUNCA CUMPRE CONNOSCO.-Xoan Antón Pérez-Lema*

PORTUGAL XA DECIDIU.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O primeiro ministro portugués, António Costa (PS) ven de presentar a alta velocidade ferroviaria que unirá Lisboa co Porto, Braga e Valença do Miño, proxecto que se vai desenvolver entre 2026 e 2030. Deste xeito Portugal prioriza a súa conexión atlántica co noso País por riba da súa conexión con Madrid, que é o proxecto polo que optou o Goberno do Estado de Pedro Sánchez no cumio luso-español de outubro de 2020.

 Portugal xa decidiu elixir a complementariedade econömica e cultural coa Galicia para potenciar ese grande eixo Ferrol-Sétubal, que calquera observador dende a altura pode albiscar como unha das principais concentracións humanas non só da península ibérica, senón do propio oeste europeo. Ten moi claro que iso é o que lle cómpre e non   potenciar a radialidade española a prol do hipertrofiado Madrid,  porque non quere que Portugal se convirta no burato negro no que se convertiu a Meseta castelá nin outros territorios da periferia española.

 Semella que nesta andaina tanto o goberno como todas as forzas políticas e axentes sociais, sindicais e empresariais do noso País concordamos co proxecto dos nosos irmáns portugueses. Mais temos de ser conscientes da frialdade e mesmo oposición do Madrid político, empresarial, mediático, profesional  e vencellado ao deep state que inclúe  aos grandes corpos funcionariais do Estado.  

 Galicia terá de desenvolver unha grande campaña de información, unha ampla operación de lobby (tamén perante unha Comisión Europea que aposta por e financia aqueladamente esta caste de proxectos de integración interestatal) e unha potente, teimuda e sostida mobilización cidadá que esixa a programación e execución da saída sur de Vigo e dos menos de 30 kms que o Estado ha garantir para a conexión galego-portuguesa da alta velocidade ferroviaria.

 Unha simple rolda de chamadas entre persoas con responsabilidades empresariais e políticas en Madrid e o enxergamento dos comentarios nas redes sociais nos achega a idea de que este proxecto non gosta ao centralismo madrileño, a esa España uninacional e  radial que defenden, si, Abascal, Aznar e Díaz Ayuso, mais tamén Villar Mir ou Florentino Pérez. Velaí a importancia de amosar proactividade e unidade de País. Porque os proxectos comúns á Galicia toda (como adoita dicir Anxo Quintana) son case sempre imparábeis.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogadp e analista político 

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en PORTUGAL XA DECIDIU.-Xoan Antón Pérez-Lema*

UN PUNTO DE INFLEXIÓN NA HISTORIA DO NACIONALISMO.-Xesús Veiga*

A importancia do nacemento do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Setembro de 1982 residiu na súa condición de acontecemento fronteirizo entre dúas épocas da historia do nacionalismo galego contemporáneo. Antes desa data, xa existían diversas organizacións políticas nacionalistas (PSG, UPG, ANPG…) e, posteriormente, tamén se mantiveron vivas outras expresións partidarias (EG, UG, FPG…). Foi na década dos 90 cando se rexistrou unha converxencia orgánica substancialmente diferente ao que se tiña coñecido anteriormente: daquela, o proceso iniciado no outono de 1982 acadou unha dimensión inédita coa presenza activa dun abano plural de colectivos e persoas.

Entre 1975 e 1982, o nacionalismo galego non foi quen de proxectar nas urnas o seu inequívoco compromiso de ruptura co franquismo e a súa indiscutíbel fortaleza organizativa. A pesar de que no ano 1976 conformouse o Consello de Forzas Políticas Galegas (PSG, UPG, PGSD, MCG e Partido Carlista), as disputas pola hexemonía no seo desa plataforma imposibilitaron a comparecencia electoral desa alianza coa conseguinte fragmentación da oferta ao corpo social galego. Nunca saberemos que tería ocorrido se o CFPG concorrese como tal ás eleccións xerais de 1977 e de 1979. No ámbito da presenza nas institucións parlamentarias estatais, o nacionalismo galego atravesou un longo deserto que só rematou no ano 1996 coa obtención de dous deputados no Congreso por parte do BNG.

Neste primeiro período da transición posfranquista, a febleza electoral do nacionalismo foi unha evidencia. A pesar dalgúns éxitos destacados nos primeiros comicios municipais de 1979 (alcaldía da Coruña e presenza significativa nas cidades e nalgunhas vilas referenciais), os resultados rexistrados na primeira cita ao Parlamento galego no remate de 1981 (3 escanos para o Bloque-PSG e 1 para EG) defraudaron as expectativas xeradas nos meses anteriores. Esta minorización institucional propiciou unha reacción defensiva (afirmación prioritaria da propia identidade programática) que dificultou a elaboración de tácticas dirixidas a unha ampliación da influenza existente. O proceso de fundación do BNG representou un punto de inflexión significativo nesa dinámica, a pesar de que, naquel Setembro de 1982, aínda pervivían diferenzas relevantes a respecto do novo marco creado polo Estatuto de Autonomía e seguía pendente a unidade organizativa das distintas ponlas nacionalistas (singularmente coa EG que encabezaba Camilo Nogueira).

Nos seus dez primeiros anos de vida, o BNG non conseguiu neutralizar as diverxencias que atravesaban o universo nacionalista (e que mesmo provocaron a escisión do que logo sería a FPG) aínda que si acadou a hexemonía no seo dese espazo electoral (pasou de 1 a 5 deputados no Hórreo entre 1985 e 1989, mentres EG baixaba de 3 a 2). O que proporcionaba a nova organización era unha maior potencialidade integradora das correntes preexistentes: por unha banda, pretendía ir configurando un ideario programático baseado nos denominadores comúns e, ao mesmo tempo, establecía unha inédita estrutura organizativa que permitía combinar a unidade da fronte coa diversidade derivada da presenza de grupos e colectivos que posuían un nivel de autonomía que aseguraba a continuidade da súa identidade.

Coa entrada de Unidade Galega nos anos 1994-1995 (e as previas incorporacións do PNG e de Inzar) completouse o camiño iniciado no acto fundacional. A partir dese momento, o BNG viviu unha década chea de acontecementos destacados: «sorpasso» ao PSdG nas eleccións galegas de 1997 e 2001; alcaldías de Vigo, Pontevedra e Ferrol nos comicios locais de 1999 (ademais de compartir o goberno nas cidades de Lugo e Santiago); obtención dun escano no Parlamento europeo nese mesmo ano de 1999; chegada ao goberno da Xunta no 2005 a través dunha coalición co Partido Socialista…

Co remate da experiencia do bipartito no ano 2009, agudizouse a confrontación interna que tivo na Asemblea de Amio (xaneiro de 2012) o punto de máxima división e que derivou, como é sabido, no abandono dunha parte do corpo organizado e na conseguinte perda da pluralidade interna previamente conseguida.

Teño escrito, nesta mesma páxina, algúns artigos sobre esta última e turbulenta década na historia do BNG e, xa que logo, evito reiterar argumentos que figuran desenvolvidos nos mesmos. En calquera caso, se tivera que sinalar algunha aportación singular desta forza na vida política galega sería o seu modelo organizativo, a mistura ordenada de unidade e diversidade. O paso do tempo demostrou as fortalezas dese formato e, tamén, as dificultades para realizar unha administración acaida do mesmo. Ao cabo, a chave decisiva residiu na vontade e nas habilidades das persoas que actuaron no seo desas estruturas. Algo que xa sabiamos pola experiencia dos partidos tradicionais. Por iso, e a pesar de que, durante moitos anos, existiu a convicción de que a condición necesaria para superar esas eivas herdadas radicaba na estrutura frontista que abandeiraba o BNG, finalmente constatouse que tal premisa non era suficiente.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en UN PUNTO DE INFLEXIÓN NA HISTORIA DO NACIONALISMO.-Xesús Veiga*

INCLUSIÓN VS DIVISIÓN.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 O BNG enfronta este 25-S o seu 40 aniversario  no momento no  que se lle albiscan, interna e externamente, as mellores expectativas, sendo cada vez máis xente a que pensa que Ana Pontón pode presidir o goberno que saia das vindeiras elección nacionais. Unhas eleccións, porén, que poderían coincidir coas estatais na fin do 2023, o que , con todas as reservas, semella un elemento que podería favorecer ao PP .

        Mais o primeiro chanzo a enfrontar pola organización liderada por Ana Pontón é o de consolidar os seus gobernos locais e avanzar substancialmente nas cidades e vilas galegas nas eleccións municipais do vindeiro maio. E isto vai depender de varios factores, algúns alleos ás soberanistas. No que éstes si poden coadxuvar é en ofrecer alternativas urbanas  de goberno progresista que teñan capacidade de integrar parte substancial do voto socialista e do devalante voto mareante, ademáis de seducir aos sectores tradicionalmente abstencionistas. Nun conxunto de vilas medias e concellos pequenos o BNG habería integrar, quizais con fórmulas variábeis e axeitadas a cada territorio, grupos e sensibilidades que operan no mesmo ámbito do galeguismo progresista. E non só por maximizar as súas posibilidades de obter concelleir@s, senón para non perder opción ningunha cara a obter a máxima representatividade nas catro Deputacións. Deputacións que haberían desaparecer nunha Galicia ordenada institucionalmente a xeito,  mais que no curto prazo constitúen un contrapoder a respecto da parcialidade do trato do Goberno da Xunta cos gobernos locais progresistas.

       O momento político e económico é moi grave, para Galicia e para a Europa toda, coa guerra de Ucrania, a inflación e a recesión ás portas e coa extrema dereita ás portas de obter o Goberno italiano. Cómpre entender a conxuntura. Non é que a Galicia e a Europa de hoxe sexan moi distintas ás do 1982, senon que son  distintas ás do 2005, 2009 ou mesmo 2011. Unha proposta soberanista, progresista, interclasista e transversal ha ofrecer uns valores e un programa distintos. Valores de inclusión, comunitarismo, integración e participación social e cidadá fronte á división, pasividade e individualismo desmobilizador no que se basean as propostas da dereita española.

       Esta proposta esixe dun discurso dirixido á razón , convencendo da necesidade de novas políticas de defensa dos servizos públicos, de reindustrialización, reagrarización e resocialización, de dirección estratéxica canto á xestión da enerxía, auga e alimentos e ao ordenamento do medio rural. Mais tamén dun discurso dirixido ao corazón, que inspire, anime e motive. Que non agache os riscos, mais sinale alternativas e poña en valor ese valores da inclusión e integración con Galicia como referencia. Semellante ao que anima as exitosas experiencias de goberno de Euskadi ou Escocia.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en INCLUSIÓN VS DIVISIÓN.-Xoan Antón Pérez-Lema*

AGOCHARON A NOSA HISTORIA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Cara mediados do século XIX, suprimidos o Reino de Galicia e o Principado de Catalunya no 1833 a medio de cadansúas divisións tetraprovinciais e suprimidos os foros navarros e vascos (1840) despois da guerra carlista,  consolidada Isabel II como raiña, bótanse os alicerces dun Estado centralista que reivindica a  organización política dunha única Nación. Promúlgase en 1851 a primeira lei de educación (a Lei Moyano) e, comeza desenvolverse unha historiografía que tenta explicar España como realidade unitaria con 2.000 anos de historia, agochando a substancial pluralidade política, lingüística e cultural que definiu a historia da península ibérica.

 Deste xeito, priorízase o reino visigodo como precedente do actual Estado, subordinando o reino suevo de Galicia, primeira entidade política ou “regnum” da Europa postromana (409). Considérase a chegada dos muslmáns como unha invasión árabeafricana que cómpre reverter a medio dunha longa Reconquista, agochando que na meirande parte dos case oito séculos de presenza musulmá na península ibérica existiu boa convivencia entre xudeus, cristiáns e musulmáns e alianzas entre Estados cristiáns e musulmáns. E avalíanse como positivos e moi españois fenómenos de imposición militar e expansionista como a doma e castración do reino de Galicia (1479-1486) desenvolvida pola raíña de Castela, Isabel a Católica e a supresión manu militari das liberdades dos reinos de Valencia (1707), Aragón (1711), Mallorca (1716), do Principado de Catalunya (1714) e do reino de Navarra e dos territorios históricos vascos (1840).

   O primeiros destes historiadores casteláns foi Modesto Lafuente coa súa “Historia general de España”(1850) na que inventou un reino de Asturies despois transladado a León dende o absurdo da tradución do termo árabe “Jalikiah” (Galicia)  das crónicas musulmanas por León, descoñecendo que Paulo Orosio a respecto da provincia romana de Gallaecia e o bispo Isidoro de Sevilla a respecto do reino suevo de Galicia afirmaban que Asturies e Cantabria eran parte da Gallaecia. Constrúese, entón, un relato asturleonés para agachar a realidade da potencia do reino de Galicia construtor da identidade europea a medio do Camiño xacobeo.

 Non fomos os galegos os únicos prexudicados por este roubo da memoria. Porque esta historiografía española defendeu tamén un rol subordinado de Catalunya a respecto de Aragón, esquecendo que a Coroa catalá-aragonesa era unha confederación de catro territorios na que sobranceaba o Principado catalán, que foi o que se abriu ao Mediterráneo conquistando Sicilia, Sardeña e Nápoles. E a mesma historiografía agachou sempre que o reino de Pamplona fundado por Eneko Aritza era un reino vascón que falaba euskera e que se espallaba entre os ríos Garona e Ebro.

 Agocharon a nosa historia. E aínda tentan agochala.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en AGOCHARON A NOSA HISTORIA.-Xoan Antón Pérez-Lema*