![]() |
| José Luis Gómez |
Non o di a prensa de dereitas, senón a progresista: segundo El País, o PSOE atravesa non só unha das súas máis graves crises, senón ata ve perigar a súa propia existencia como organización capaz de vertebrar de forma crible a alternativa progresista en España. Ten a súa importancia esta interpretación xornalística, máxime cando o control que exercen os poderes políticos e económicos sobre os grandes grupos que concentran a maioría dos medios é cada vez máis sofisticado, ata en países onde hai prensa de tendencias que polo menos se libra da presión dalgunhas contornas de influencia, á conquista dun espazo propio de liberdade.
O PSOE atópase ante unha situación tan delicada que non caben experimentos con gasosa, senón solucións contrastadas. Hainas realmente? De entrada, parece que volve o discurso socialdemócrata e que España recupera o primeiro plano, de maneira que Rubalcaba é o abanderado da idea dun «partido nacional que vertebre España» e diga o mesmo «en todas partes», mentres Chacón asume o criterio de defender «o mesmo en toda España», apenas cun matiz catalanista: «en cada sitio co seu acento propio». Ambos se esquecen de que coa bandeira socialista e coa idea da España plural triunfaron en Cataluña, en Galicia e en España; outra cousa é que xestionasen mal as súas propias ideas en todas partes e perdesen o goberno en Cataluña, en Galicia e en España. Pero no canto de cambiar o seu xeito de xestionar España, parecen optar por cambiar a súa idea de fondo.
Con todo, quizá a principal novidade do PSOE estriba en que haberá primarias á francesa, abertas tamén aos simpatizantes, para designar ao candidato socialista a presidente do Goberno, que xa que logo pode non ser o secretario xeral. Moitos retos por diante e moi pouco tempo para facer tantos deberes nun partido que precisa ideas e líder para un país sociolóxicamente de centroesquerda que se quedou sen un proxecto político á súa altura.
