Nós acusámosvos – Varios Autores*

Señores Castellano e González Bueno: 

Castellano e González Bueno

Os que publicamente nos diriximos a vostedes somos amigos e colegas ou simplemente avogados i economistas unidos pola tristura e a rabia que nos causa o que sucedeu con Caixanova, forzada a unha fusión coa súa irmá do norte -máis grande e máis enferma- e agora ambas transformadas nun banco a piques de ser subhastado.

O motivo que nos dirixe a vostedes é o asombro que nos causou a súa recente campaña publicitaria pedindo perdón á sociedade galega, entre outras cousas, pola comercialización das accións preferentes.

Din vostedes que comercializaron un produto complexo descoidando o perfil do investidor. É máis que iso. Sen prexuízo de que, no seu íter lóxico, o perdón está habitualmente precedido pola reparación do dano, asunto que vostedes obviaron, as preferentes son máis que un produto financeiro complexo.

No 2007 inventaron un produto financeiro moi intelixente. Obrigados a capitalizarse para elevar os coeficientes de solvencia comprometidos pola perdas incorridas nas súas perigosas apostas, deseñaron un instrumento financeiro para o aforrador que computara como neto patrimonial e non como débeda, tal como computan as obrigas bancarias. Así tomaron un Bono bancario,
instrumento paradigmático para titularizar unha emisión de obrigas e elimináronlle a data de amortización e reembolso: chamárono Obriga perpetua, ou o que é o mesmo, Acción preferente. 

Mantiveron en cambio o seu rendemento como un interese fixo, como correspondería a un bono, en lugar dun dividendo variable, como correspondería a unha acción. Iso si, subordinaron o pagamento do interese fixo do bono á existencia de beneficios, como correspondería á acción e non a tal bono: ¡Todo un éxito de transposición da enxeñaría xenética á enxeñaría financiera¡ Así, subtraéndose as entidades da obriga de devolver o préstamo recibido, non o contabilizaba como débeda e si como core capital. Así de sinxelo.

Agora, tras os acordos de Basilea III, ese truco está prohibido e as Preferentes foron catalogadas como mala praxe bancaria; as obrigas, perpetuas ou non perpetuas, computan como o que son: fondos alleos recibidos en préstamo. Iso explica por qué agora desembarázanse todos das Preferentes: coas novas normas contables convertéronselles nun traste inútil. Pero ata Setembro de 2010 non foi así. Vostedes travestizaron o bono; cambiáronlle de sexo. Puxéronlle unha perruca, unha faldra de tubo e blusa de encaixe. Logo debuxáronlle unhas longas pernas de muller que enfundaron en medias de cristal rematadas en zapato alto de plataforma. Finalmente bautizaron ese bono cun nome de muller: Unha Preferente, chamárona. Noutras palabras, con enxeñaría xenetico-financeira crearon un produto intrínsicamente enganoso i hermafrodita, muller por fóra, home por dentro, co obxecto de captar aforro que computase como capital e afastase as súas entidades da zona vermella das axencias de calificación de risco.

É hora de chamar áscousas polo seu nome. Os profesionais que subscribimos queremos dicir con toda claridade -e agora dirixímonos especialmente aos centenares de Xuíces e Maxistrados galegos que tramitan querelas e demandas contra a súa entidade- que chamar ás preferentes produto financeiro complexo resulta técnicamente inexacto e insuficiente, pois o engano é ínsito á súa natureza, en tanto que se disfrazou un produto de investimento como un produto de aforro, toda vez que só así lles resultaba útil para incrementar artificialmente os fondos propios das súas entidades relados polos seus investimentos en activos tóxicos.

Dito noutras palabras: se á Preferente se lle despoxase do elemento equívoco e do engano, se se lle arrancase a perruca, a blusa, a faldra e as medias de cristal, quedaría só o que sempre foi: un bono bancario que vostedes terían por forza que reembolsar o aforrador ao seu debido vencemento; se se lle despoxase do engano, non habería en suma nin un só deses miles de galegos arruinados e todos cobrarían o bono á data indicada no folleto da emisión.

Así de sinxelo. Por iso non resulta exacto, por iso resulta insuficiente, pedir perdón por comercializar un produto complexo só apto para expertos cando se tratou dun espellismo intencional: expertos eran vostedes que as venderon aos inexpertos que as compraron. Por iso dende aquí non podemos máis que solidarizarnos con eses miles de prexudicados: todos eles foron vítimas dun engano.

Pero con todo, resulta forzoso recoñecer que non só Novacaixagalicia vendeu preferentes: toda a banca enganou con esa artimaña. Tamén é certo que vostedes non pilotaban as caixas cando comercializaron as preferentes. Pero tamén é certo que pilotan o banco cando piden un perdón mendaz: pura cosmética e pura publicidade novamente enganosa.

Por iso quixeramos esixirlles máis severidade e menos indulxencia co seu pretérito imperfecto. Pero o que remata por causarnos estupor e que destrúe o seu propósito de emenda é a súa censura ao FARO de Vigo na súa campaña publicitaria: con diñeiro público compraron páxinas enteiras ata en xornais deportivos, pero vetaron o FARO. Non lles abondou con forzar unha fusión insensata. Cando dixemos o FARO incluído que Caixanova era pouco flotador para tanto cemento e que as dúas caixas xuntas iríanse a pique, chamáronnos localistas.

Non abondou con apañar unha falsa auditoría e aínda hoxe secreta con KPMG avalando a fusión. 

Non abondou con que o presidente Feijóo impuxese a fusión coa ameaza de vetar por Lei calquera SIP da Caixa do Sur. Todo iso, hai que dicilo, co apoio entusiasta dos membros da Dirección Nacional do BNG que, no seu delirio seudoidentitario, vían nas dúas caixas unidas o cerne dunha banca pública galega.

Non abondou, en suma, destruír e sacrificar a caixa do sur, senón que o ataque prosegue. O ataque a FARO, é un ataque a todos nós, non só aos vigueses senón á maioría dos galegos do sur, os miles de lectores do FARO. É un aviso do que nos espera de vostedes.

Sr. González Bueno: Usted es madrileño, gran ciudad por cierto, y nada tenemos en su contra; pero no se esfuerce en hablarnos en Gallego, hágalo con libertad en Castellano. Nosotros somos gente educada y nos gusta facilitarle la comunicación a quienes nos visitan de fuera. Además el Castellano €fantástico idioma y lengua gigante entre sus pares- es acervo cultural común a todos los españoles y, por tanto, patrimonio también de los gallegos. Pero háganos un favor: dedíquese a los rallyes.

Sr. Castellano: Os que asinamos esta carta sabemos que o capital non ten patria nin fronteiras. Con sinceridade, moitos mesmo opinamos que é bo que así sexa. Por ter patria o diñeiro, Europa e o mundo enteiro esgazouse causando os maiores sufrimentos que se recordan na historia do xénero humano. Por dúas veces fíxoo. Así que é bo que os bancos non teñan patria. Pero o que vostede goberna como seu, Sr. Castellanos, si que ten patria e non é Galicia. A súa patria Sr. Castellanos é a cidade de La Coruña e a súa provinciana oligarquía financeira, á que antepón sobre todos os demais galegos.

Sr. Castellano: Vostede mediunos mal e equivocouse. Cando aínda non é ninguén, nin ten o futuro do banco nacionalizado resolto, xa nos avasalou.

Xa mostrou as súas verdadeiras intencións en relación con esta cidade. Que non faría nun improbable futuro próspero, cando pagase vostede ao Estado o banco público que dirixe como seu? Tense gañado vostede que esta carta saia a luz. E tamén se merece que retiremos os nosos depósitos do seu banco e que recomendemos os nosos clientes que fagan exactamente o mesmo.

Porque a súa entidade, hostil e insolvente, non merece o esforzo solidario nin o risco que asumimos os galegos confiándolle os nosos aforros.

* Alberto Cabaleiro Figueroa, Pilar Carballo Fidalgo, María Cazorla Torrado, Ramón González Babé, Rafael López Mera, Matías Movilla García, Angel Núñez Torrón, Antonio Núñez Torrón, José Pérez Pousa, Javier Rodríguez Vázquez, Paula Táboas Suárez, Antón Beiras Cal 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s