Redución de gastos e democracia – Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño

Baixo o réxime de Franco, os políticos falsamente representativos non cobraban soldo. Non había partidos políticos, claro, nin, por suposto, comunidades autónomas cos seus respectivos parlamentos. A presidenta manchega (e secretaria xeral do Partido Popular), tan preocupada por recortar gastos a costa da democracia, podería profundar no estudo dos mecanismos institucionais da ditadura, para ampliar criterios sobre o aforro aparente nos custos da representatividade.

Baixo o réxime de Franco, concelleiros, procuradores en Cortes ou conselleiros nacionais do Movemento só percibían dietas (nalgúns concellos especialmente desasistidos, nin sequera iso). Tampouco se gastaba moito en campañas electorais. Nos concellos e nas Cortes Españolas, só un terzo dos seus membros eran elixidos (o terzo familiar, que se dicía) e, nesas eleccións, só participaban, como votantes, os cabezas de familia e, como candidatos, persoas afectas a algunhas das poucas “familias” do réxime. O resto de “representantes” procedían dos sindicatos verticais de domesticación obreira (o terzo sindical) e de institucións e entidades de funcións variadas (terzo corporativo), pero coa característica común do nomeamento directo dos seus compoñentes por parte da Xefatura do Estado (é dicir, o ditador).  


Baixo o réxime de Franco, nas Cortes, a inmensa maioría dos “representantes” de figurón da “democracia orgánica” (como se definiu aquel réxime despois de culminar as súas leis fundamentais coa Lei Orgánica do Estado de finais do 1966, en cuxa elaboración participou o entón ministro Manuel Fraga) non necesitaba cobrar soldo porque xa o tiñan, abundante, no cargo previo que lle daba aceso a figurar na farsa parlamentaria.


Coa recuperación da democracia, abriuse paso o criterio de que os políticos debían recibir unha remuneración digna, para que se dedicasen exclusivamente á súa función pública e como xeito de garantir a súa independencia ante presións externas. As prácticas corruptas fan cambalear o criterio, porque as ambicións humanas, soas ou en partidos organizados, parecen non ter límites, pero ninguén pode negar que, nunha democracia, hai máis posibilidades de detectar a corrupción e, sobre todo, hai máis posibilidades de denunciala.


Coa recuperación da democracia, temos vivido tamén un proceso de profesionalización da actividade política e unha transformación progresiva dos partidos en puras maquinarias electorais, nas que o debate ideolóxico foi substituído polas pugnas internas para controlar o aparato. Paralelamente, e como consecuencia dunhas leis electorais preconstitucionais (os retoques feitos despois de aprobada a Constitución non modificaron a súa finalidade inicial), dous grandes partidos dominan a representatividade e impiden, na práctica, as posibilidades de renovar as alternativas partidistas.


En plena desmoralización cidadá ante a incompetencia dos gobernantes (estes e os anteriores, cada un cos seus matices e os seus graos de desprezo aos votantes) para facer fronte á crise causada pola especulación financeira, a ofensiva contra os políticos en xeral ten audiencia. E, dentro da disparatada carreira de austeridade compulsiva, xorden iniciativas como a de Dolores de Cospedal para reducir á metade o seu parlamento autonómico e suprimir os soldos dos parlamentarios, que ven sumarse ás insinuacións previas de Esperanza Aguirre para facer desaparecer as autonomías ou ao intento de Alberto Núñez Feijoo de alixeirarse o Parlamento Galego á medida das súas posibilidades electorais.


Recortes democráticos xustificados pola necesidade de reducir o gasto público, como antes se recortaron dereitos laborais ou servizos sociais pola mesma necesidade. Pero o gasto público segue vivo, e subindo, no Ministerio de Defensa, por exemplo. E sempre está dispoñíbel para cubrir os buratos que se van descubrindo en Bankia, tamén por exemplo.


Coa prioridade posta en salvar a incompetentes banqueiros (algúns deles tamén políticos incompetentes), non resulta estraño que algúns, algunhas, busquen reducir gastos na propia democracia. As ditaduras pode que resulten máis baratas en nóminas parlamentarias (deixando máis diñeiro público para os bancos), pero resultan ruinosas (para o conxunto da cidadanía) en materia de desigualdades e, por suposto, de dereitos humanos. 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s