Multinacionais lonxe de calquera esixencia ética – Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño

Normalmente, cando xurde un caso de corrupción –e levamos unha racha abundante en España–, a indignación popular recae sobre o político corrompido. Reacción lóxica, porque o cidadán mostra en primeiro lugar a súa desafección contra quen está obrigado a defender os intereses xerais. Menos atención presta a opinión pública ao empresario presuntamente corruptor, salvo que se trate dun cómplice directo, que actúe a medias co político sospeitoso de utilizar os recursos públicos en beneficio propio (como sucede co caso Gürtel, por exemplo). 

Nestes días, coñeceuse a noticia de que o goberno da República Democrática Alemá (a Alemaña comunista), nos anos oitenta do pasado século, permitira a varias multinacionais farmacéuticas do mundo capitalista realizar experimentos con novos medicamentos entre pacientes de cincuenta hospitais daquel país. As multinacionais pagaron xenerosamente a autorización deses experimentos, que non podían realizar nos países occidentais. Naturalmente, a noticia serviu para engadir un motivo máis de condena a un sistema totalitario e policial que necesitou levantar un muro físico entre 1961 e 1989, con vixilancia contundente, para impedir que unha boa parte dos seus cidadáns fuxisen en busca de mellores horizontes.

Menos reproches dedicáronse ás multinacionais farmacéuticas que se aproveitaran da falta de escrúpulos dun réxime ditatorial para saltarse os límites á experimentación médica con seres humanos establecidos nos seus países de orixe, en decisións adoptadas por gobernos e parlamentos elixidos democraticamente. Como se, polo feito de ser empresas privadas con ánimo de lucro (do máximo lucro), estivesen eximidas de calquera esixencia, non xa ética (que é unha linguaxe que non manexan), senón simplemente legal.

De feito, soen xogar –estas e case todas as multinacionais– coas normas legais dos diferentes países para establecer as súas fábricas, por exemplo, nos lugares cos salarios máis baixos e as condicións laborais con menos dereitos (se pode ser sen ningún, mellor), ou para amañar o pago de impostos en paraísos fiscais. Premen todo o que poden, e nalgúns países contan con mecanismos legais como os lobbies, para que non prosperen leis de protección do medio ambiente, de maiores esixencias de seguridade, de regulación da actividade especulativa ou de control de armas, por poñer algúns exemplos de certa actualidade. Ou para que non prospere a comercialización de medicamentos xenéricos, por volver ao protagonismo das multinacionais farmacéuticas.

De vez en cando, a repercusión dalgunhas persistentes campañas de activistas sociais conseguen que, polo menos, sintan que un certo deterioro da súa imaxe pública poida repercutir nas súas ventas e aceptan, por exemplo, entrar en pactos de melloras laborais nos talleres case escravistas que confeccionan as súas roupas en países que aspiran a emerxentes (ou fan xenerosas doazóns millonarias a Cáritas). Non parece que haxa outra maneira de que as consideracións éticas ou humanitarias teñan algún efecto, aínda que sexa indirecto, na dinámica implacábel da economía de mercado, cuxos defensores levan como dous séculos predicando que non pode ser xulgada pola súa adecuación a fines de carácter moral ou social, e que hai que deixar so ao mercado que, se non ten interferencias, remata por enriquecer a todo o mundo. Debeu de haber moitas interferencias ou falta moito para o remate, porque un ten a sensación de que a deriva deste sistema aumenta a riqueza en poucas mans e aumenta a pobreza nas masas desprovistas de dereitos, é dicir, de poder.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s