“Na era do bull dog francés” – Iñaki Martínez

Os cans acompañan á humanidade dende hai a 14.000 anos, a forma en que xurdíu ese vencello entre especies non está claro, pode que fose un proceso de domesticación ou pode que a iniciativa do achegamento tivésena os antepasados lupinos dos cans. En calquera caso dende entón a humanidade usou aos cans para os máis diversos fins, esa diversidade nas aplicacións e a plasticidade xenética dos canis lupus permitiron a aparición de moi diversas variedades ou razas caninas, primeiro froito dunha selección case espontanea e, máis recentemente, xa na idade moderna, mediante unha selección máis planificada e deliberada, estandarizando as variedades espontaneas previas (caso das diversas razas de pastor, incluídos os alemáns, belgas e cans de palleiro auténticos) ou mesmo creando variedades novas con novas características e aplicacións (caso do doberman). Fóra de Europa, nos países menos desenvolvidos, aínda existen moitas variedades caninas de selección non planificada, sen estándares oficializados de referencia ou pedrigrees, cecais merecedoras de unha estandarización que as salve da extinción pola chegada das variedades caninas estandarizadas e globalizadas.

Así se seleccionaron as características físicas e psicolóxicas máis variadas para obter cans capaces de satisfacer necesidades humanas moi variadas: galgos lixeiros de patas longas para cazar lebres, mastíns pesados e grandes para enfrontarse a lobos e protexer casas, cans grandes de aspecto lupoide como o pastor alemán ou o can de palleiro para pastorear o gando, pointers que sinalan á presa, terriers e rateiros compactos e impulsivos capaces de meterse en goridas de raposos ou ratas.

Nestes últimos anos nas rúas das cidades galegas estase a ver moito unha variedade canina que hai uns anos era practicamente descoñecida, o bull dog francés. O éxito desta raza en parte pode ser produto da moda pero, como todas as razas caninas, vén a satisfacer unha necesidade ou utilidade humana específica ¿Que función cumpre este can pequerrecho, de formas redondiñas, repoludo, de cara plana, orellas pequenas, ollos grandes e carácter apracible, case pasmón, cuios donos adoitan ser de sexo feminino, sen fillos, na vintena ou na trintena? Si, os bull dog franceses son cans-bebé.

Non é de estrañar o éxito desta variedade canina nesta Galicia de demografía enfermiza. Se xa antes do dous mil oito a natalidade galega era moi reducida, agora a natalidade descende a niveis absurdos. Hai diversas razóns que potencian esta crise demográfica. Os moralistas conservadores dirán que é consecuencia do hedonismo, que para os mozos resulta moi cómodo prolongar a adolescencia indefinidamente para vivir unha vida sen responsabilidades, de consumo despreocupado, faltando á súa obriga de dar fillos á Patria. Ben, algo diso pode haber, sobre todo cando a alternativa a ser un “adultescente” escapista consiste en ser un adulto impotente, incapaz de dotarse de medios para unha vida autónoma, véndose na obriga de asumir a incapacidade para desenvolver unha vida adulta. Pero evidentemente hai motivos de natureza máis material que condicionan a baixa natalidade, como ese nivel de de paro xuvenil superior ao 50%, cuia alternativa é o emprego precario, intermitente e mal pagado. Ademais a reprodución é considerada polos empregadores como unha tara que diminúe a empleabilidade do “recurso humán”, o mercado laboral busca perfís de traballador moi dispoñible, sen cargas, como unha bariña de pescada conxelada que fai posible comer peixe sen molestarse pola pel e as espiñas.

Téñase en conta que cando se di “os novos” podería dicirse moi apropiadamente “persoas en idade de reproducirse”, porque resulta que é precisamente nesas idades nas que o paro, a precariedade e a inseguridade do proxecto laboral son máximos, nas que é normal ter fillos. A iso alguén pode obxectar que iso era antes, que agora é normal que a xente teña fillos a partir da trintena, pero esa normalidade é unha normalidade social e coiuntural, é un fenómeno usual hoxe en día pero que dende o punto de vista biolóxico é completamente anormal, en todos os milleiros de anos de existencia da humanidade foi sobre todo na vintena cando a xente se reproduciu, nesas idades nas que o sistema reprodutor funciona coma un reloxo, nas que os espermatozoides nadan a fume de carozo e nas que moitos atopan tan riquiños aos bull dog franceses. Iniciándose a reprodución na trintena non só queda menos tempo para xerar a prole se non que é moito máis doado que xurdan problemas de saúde reprodutiva. Os cans bebé dos xoves amosan que o impulso paternal está aí, agochado e reprimido, aínda que sexa un obstáculo para converterse nun consumidor de vangarda ou para dotarse dun perfil de empregabilidade.

A baixa natalidade non é un problema en si mesmo. O planeta segue estando superpoboado, a poboación mundial aínda continúa crecendo perigosamente por máis que nos países máis desenvolvidos o crecemento caese e tamén caese ou se moderase enormemente en moitos países en vías de desenvolvemento ou emerxentes. A bomba demográfica segue en marcha e é un perigo para o futuro da humanidade polo que, dende ese punto de vista, se diría que os galegos coa nosa baixa natalidade estamos feitos uns filántropos e uns ecoloxistas de pro ¡extinguímonos voluntariamente para o ben da humanidade!, polo que converter Galicia nunha sorte de sumidoiro demográfico non deixa de ser facerlle un bo favor ao planeta, se cadra dentro duns séculos agradécennos o xesto e constrúen un monumento ao extinto pobo galego, que deixou libre as súas terra para a extensión da actividade fotosintética e para desfrute dos corzos e xabaríns ou doutros pobos que eventualmente nos substitúan.

Se a baixa natalidade galega se derivase da concienciación dos galegos sobre os problemas da superpoboación mundial ou fose un acto de elección libre individual, priorizando outros modelos de vida supostamente máis hedonistas que o que conleva a paternidade, nada habería que lamentar. O problema é que a declinante demografía galega é un signo de malestar social, unha manifestación masiva de proxectos de vida truncados e limitados pola supeditación do ser humano (do “recurso humano”) e as súas necesidades e inclinacións naturais á conveniencia dunha concreta estrutura económica que non é a única posible, con poucos máis consolos que a compañía canina.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Iñaki Martínez. Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s