Espionaxe con limitacións – Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño

Espíanse entre eles e espían aos cidadáns, nos seus países e, se cadra, tamén nos alleos, sexan do G-20 ou dos máis selectos do G-8. Cada un na medida das súas posibilidades e pode que algún mesmo por enriba das súas posibilidades (non en balde o país que máis espía é tamén o máis endebedado do planeta). Nada que non se fixera en todos os momentos da historia, pero agora con moita máis compulsión, grazas ás inmensas posibilidades que ofrecen unhas tecnoloxías electrónicas e informáticas en crecemento case indefinido.

Estados Unidos, por exemplo, dispón de programas que lle permiten interceptar chamadas telefónicas e comunicacións por Internet (correos electrónicos e redes sociais) en todo o mundo, segundo nos ven de descubrir Edward Snowden, empregado dunha das empresas privadas contratadas polo goberno estadounidense para eses traballos bendicidos pola lexislación antiterrorista de emerxencia promulgada como reacción aos ataques do 11-S (en Estados Unidos a irrupción das grandes empresas privadas nos servizos públicos non ten límites, desde a xestión de cárceres até, ultimamente, corpos de exército).
E o propio Snowden revelou ao xornal británico The Guardian que os servizos secretos do Reino Unido espiaran aos participantes nun cumio do G-20 celebrado en Londres no 2009. Esta revelación non foi obstáculo ningún para que estes días se reunisen en Belfast (no anaco de Irlanda que forma parte do Reino Unido) os xefes de estado e de goberno do G-8. Tanta espionaxe xunta remata por trivializar os seus resultados, sobre todo cando, no fondo, a espionaxe, como tantas outras cousas (reformas e recortes, por exemplo), sempre termina por afectar aos de sempre.


Porque pode que todos os países do G-8 dispoñan dos máis sofisticados mecanismos electrónicos e dixitais para controlar os movementos da cidadanía en xeral, invadindo privacidades e limitando liberdades para intentar garantir os máximos niveis de seguridade, pero parece que esa sorte de espionaxe universal ten excepcións importantes. Os mesmos membros do G-8, nese cumio de Belfast, veñen de expresar (unha vez máis) a súa preocupación polos efectos da evasión de impostos, e prometen (unha vez máis) dar os pasos necesarios para que se negocien medidas concretas no cumio do G-20 previsto para o próximo mes de setembro.


Como esa materia escura, que non emite suficiente radiación electromagnética para ser detectada pero cuxa existencia pode deducirse polos efectos gravitacionais que causa na materia visíbel, hai un diñeiro opaco que non se sabe exactamente cánto é, pero que, polos seus efectos “gravitacionais” no resto da economía, se calcula que pode estar xerando un burato negro fiscal en torno ao billón de dólares, o importe que as grandes multinacionais están a ocultar nas facendas nas que deberían declarar. As todopoderosas maquinarias de espionaxe detense xusto ante as operacións de enxeñería financeira que permiten tan extraordinaria evasión fiscal. E menos mal que, de vez en cando, xorde un “traidor” como Hervé Falciani (o Snowden do monstro financeiro) que filtra listas de depositantes de todo o mundo nun banco suízo tradicionalmente opaco.


Unha vez máis, os membros do G-8 mostran a necesidade de que as autoridades impositivas dos diferentes países compartan información para loitar contra a evasión fiscal, de que os países cambien as normas que permiten esa evasión e de que as multinacionais informen dos seus movementos. Unha vez máis, os do G-20 sumaranse tamén á preocupación por ese descontrol fiscal e estarán dispostos a tomar medidas para atallalo.


A letra soa desde o principio da crise, hai cinco anos, nos tempos nos que se falaba de refundar o capitalismo e acabar cos paraísos fiscais. Veremos se en setembro, con ou sen espías, son capaces de poñerlle música.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s