Fondos de Inversión – Iñaki Martínez

Fálase nos medios de comunicación de tres candidatos a compradores das antigamente nosas caixas de aforros galegas, fusionadas en Novagalicia Banco, os principias aspirantes parecen ser o BBVA, o Santander, CaixaBank e o fondo Guggenheim Partners.

Os tres bancos son axentes financeiros “de toda a vida”, o candidato que nos rompe un pouco os esquemas ós cidadáns legos na materia é o fondo Guggenheim Partners. Porén non é o primeiro fondo de inversión ou empresa de xestión de activos que adquire empresas galegas, antes do Guggenhem xa vimos como o fondo británico ou pan-europeo CVC Capital Partners mercaba a empresa R Cable (en cuia creación investíronse tantos cartos e esforzos públicos) e como o fondo estadounidense Apollo Management International adquiría o banco EVO. Xa vemos que a compra de empresas financeiras e industriais por fondos de inversión é unha tendencia forte nesta etapa de desenrolo do sistema económico, non se trata de ningunha curiosidade. Nun mundo globalizado xa non é de esperar que a dirección da vida económica galega pase por Madrid (que non acaba de consolidarse como metrópoli global), os centros de produción e financeiros galegos poden estar controlados directamente por axentes económicos globais. As referencias e taboleiros de xogo estatais esvaécense, xa nolo dixeron hai tempo pero agora xa non é unha reflexión sociolóxica, é unha realidade palpábel.

Sen que nos désemos de conta os fondos de inversión están a acadar un forte protagonismo na vida económica global, tenden a ser os propietarios das empresas productivas e é previsibel que este papel de propietarios globais de empresas industriais e financeiras vaia a máis. Ata agora non nos decatamos moito do fenómeno porque estas entidades son máis discretas que as tradicionais grandes corporacións industriais e financeiras, que son entidades con moita proxección pública e que ainda son as entidades que “dan a cara”, as corporacións privadas que semellan ser o chanzo superior da pirámide económica, aínda que moitas veces os accionistas principais destas corporacións clásicas son precisamente os fondos de inversión. Estes fondos de inversión son os discretos propietarios das multinacionais.

¿Quen é Robert Kapito? Os lectores de Contraposición sodes xente sinaladamente informada é sabida, mais aposto a que poucos de vos sabedes quen é ese home. O Sr. Kapito é o presidente de Blackrock, unha empresa novaiorquina de xestión de activos que é a máis grande accionista do Deutsche Bank e que tamén teñe importantes participacións en grandes bancos españois e empresas industriais coma Telefónica ou Repsol. A pesar do inmenso poder económico global de Blackrock, é unha entidade descoñecida para o gran público. Cando nos falan de “os mercados” poucas veces lles ponemos nome, parte do poder destes axentes económicos, propietarios globais de recursos productivos, maniféstase na sua case invisibilidade.

Así que así é o mundo económico neste século vinteún. Hai grandes e discretas empresas de xestión de activos que tenden a ser as propietarias das grandes empresas tradicionais, tanto produtivas como financeiras, empresas tradicionais que pasan a ser activos rendibles e intercambiábeis nas mans destes protagonistas do xogo económico global. Os fondos pasan a ser grandes propietarios das empresas produtivas, non producen por si mesmos pero son os donos das empresas produtivas, un pouco coma os antigos terratenentes, como moita antiga fidalguía galega, que vivían nas vilas ou nas capitais de provincia, deixando o coidado das súas propiedades, foros e terras en arrendo en mans de un administrador, ese si situado no agro, que lle facía chegar os beneficios das súas propiedades. A diferencia dos antigos terratenentes, os fondos de inversión se cadra non teñen vocación de permanencia como propietarios, as empresas que posúen poden ser activos intercambiables, nun xogo móbil que pode ser incluso especulativo.

O poder real destes foros no está nas mans dos seus depositantes, sexan grandes fortunas ou pequenos inversores, seducidos polo “capitalismo popular”, senón nas dos seus directivos e xestores, que como calqueira outro grupo de poder se coidará ben de protexer os seus intereses por riba dos intereses dos seus clientes. A dúbida é se serán bos xestores das empresas que controlan, as empresas propiedade dos fondos, ou se serán un pouco como aqueles propietarios absentistas tan criticados no seu día. Polo que atinxe ó futuro da banca galega, á dúbida é se será mellor que quede en mans dos grandes bancos españois vigesimónicos, se se quere “o malo coñecido”, ou se será mellor incorporar á banca galega ás formas máis recentes de capitalismo global, eliminando chanzos intermedios na cadea da propiedade e aprendendo o antes posible, para ben ou para mal, como se funciona nunha economía globalizada, sen retrasar ese mergullarse na xélida economía do século vinteún.

A outra cara dos fondos de inversión son os fondos soberanos, eses fondos de inversión propiedade de estados que os utilizan como forma de aforro para cubrir continxencias futuras e/ou como mecanismo de acción político-económica. Os fondos soberanos frecuentemente están vencellados ós beneficios da explotación de materias primas, como os minerais en Chile e Australia ou o petróleo nas monarquías wahabíes do Golfo Pérsico e en Noruega, titular este último país do segundo fondo soberano máis importante do mundo. O primeiro fondo soberano do mundo é, adiviñastes, da República Popular China, e posúe boa parte da débeda de Estados Unidos. Hai tamén fondos soberanos non vencellados ós beneficios de materias primas, como o que montou Sarkozy en Francia, de carácter máis estratéxico, para investir na propia industria francesa. En España non temos fondos soberanos, ó máis parecido é o fondo de reserva da Seguridade Social, que é unha cousa distinta. A inexistencia de fondos soberanos españois ou galegos non é de estrañar dada a inexistencia de políticas económicas dignas de tal nome dende o plan de converxencia que nos conduciu á moeda única. Dende entón semella que España como Estado deixou de ter máis estratexia económica que a do beneficio a curto prazo que nos levou impasiblemente á burbulla inmobiliaria. Porén, os fondos soberanos son ferramentas moi útiles, das poucas que lles quedan, para os estados (e incluso para as comunidades autónomas) que non renuncien a priori a ter algo que dicir na vida económica global, que aspiren a facer algo máis polo seu futuro que deixarse levar por intereses alleos, tanto para estimular á estrutura económica interna como para incidir na economía global en defensa dos intereses dos seus cidadáns.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Iñaki Martínez. Guarda el enlace permanente.