Maior esperanza de vida para os que xa viven mellor – Xosé A. Gaciño

Incompetencia, ridículo e cinismo - Xosé A. Gaciño

Despois das súas conversacións sobre o futuro, que inauguraran o adestrador Josep Guardiola e o cineasta Fernando Trueba, as mensaxes publicitarias do Banco Sabadell –envoltas desde entón nunha certa imaxe de seriedade intelectual– pregúntanse estes días cánto imos vivir e reproducen fragmentos dun ciclo de conferencias impartido por médicos e investigadores científicos de prestixio que coinciden nas súas expectativas optimistas respecto á ampliación das esperanzas de vida da humanidade.

Naturalmente, o optimismo dos conferenciantes parte dos grandes avances presentes e previsíbeis no tratamento de enfermidades, sobre todo pola vía da rexeneración e reposición de órganos a partir das células nai, unha liña de investigación que abre un enorme espazo de posibilidades de curación de doenzas hoxe consideradas incurábeis e de corrección de determinados desgastes causados polo envellecemento. Desde a actual media de idade en torno aos oitenta anos (nos países desenvolvidos, claro), o tope pode situarse nos cento vinte anos, pero un dos expertos aventúrase a prolongalo vinte ou trinta anos máis en canto sexa posíbel obter “pezas de recambio” do propio organismo de cadaquén. Por suposto, non só falan de vivir máis senón de vivir mellor (que é cando o banco aproveita para ofrecer os seus plans personalizados de futuro, que non todo vai ser divulgación científica).

Perspectivas optimistas, como de ciencia ficción a punto de cumprirse, pero previsibelmente moi limitadas na súa aplicación. Limitadas, primeiro, aos países desenvolvidos: no 2007 non chegaba ao vinte por cento da poboación mundial o número de habitantes dos países onde a media de idade estaba en torno aos oitenta anos e, naturalmente, non toda a poboación deses países gozaba do mesmo índice de lonxevidade. E limitadas, en segundo termo, pola cobertura sanitaria nos diferentes países e nos diversos estratos sociais en cada país. Por falar só da asistencia sanitaria: as limitacións medran a medida que se teñen en conta outros factores (hixiene, alimentación, accidentes laborais e de todo tipo… ) que aumentan os índices de desigualdade.

Nestas perspectivas optimistas parecen crer profundamente, por exemplo, os inspiradores da reforma do sistema de pensións en España, que estableceron un ritmo de prolongación da vida laboral, en función dun calendario sorprendentemente preciso sobre a progresión implacábel das esperanzas de vida nas próximas décadas. O goberno aceptou o calendario que retrasa a incorporación dos traballadores á categoría de pensionistas, recortando así por diante o tempo no que se cobra a pensión, á vez que intenta recortar o tempo de cobro tamén por detrás coa contención das retribucións moi por debaixo de calquera previsión de inflación (co que iso vai representar de deterioro na calidade de vida dos pensionistas).

Recortes nas pensións e nos salarios en xeral, recortes en sanidade con todo tipo de pagos suplementarios e recortes nas dotacións para asistencia a persoas dependentes, entre outros recortes destinados a alixeirar o gasto público en partidas sociais (para que non falte nunca o diñeiro para axudas aos banqueiros incompetentes e irresponsábeis), son maneiras indirectas de recortar as esperanzas de vida da maioría. Sen esquecer que a investigación científica pública (incluída a biomédica) é outro dos apartados orzamentarios máis recortados, nun país no que a iniciativa privada non se distingue precisamente polo seu apoio á ciencia.

Claro que sempre haberá clínicas en Estados Unidos (privadas, naturalmente, que ate Obama tivo que aplazar a súa democratización da sanidade) para o tratamento rexenerativo dos corpos privilexiados de calquera parte do mundo. Vivir máis, vivir mellor, pero só ao alcance dos que xa viven máis e mellor.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.