Extraños en Madrid- Xóan Antón Pérez Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE 

O Madrid da postmovida era aberto, acolledor e liberal. Chamarse Roser, Koldo ou Xoán era un plus para gañardes a curiosidade amábel da contorna. Cando no teléfono do pasillo dun colexio maior falabas en galego, euskera ou catalán coa túa familia ou con amigos da terra, os teus compañeiros da Castela ou Extremadura  ollaban con complicidade e simpatía. Gostaban as letras en galego de Antón Reixa cos Resentidos e as de Serrat en catalán e o cinema e as equipas futbolísticas vascas. Políticos nacionalistas como Pujol, Roca, Garaikoetxea, Mariñas, Bandrés ou C.Nogueira eran respectados e escoitados.

Esta realidade mudou totalmente nestes 20 últimos anos. Falar galego polo móbil nun taxi ou nun bar madrileño é unha experiencia que se desenvolve moitas veces nun clima de silente extrañeza e hostilidade. Cos antigos compañeiros de carreira e amigos dalí xa non se pode falar de política nin de temas conexos. Todos profesionais ben formados, asumiron porén o discurso unánime dos seus “media” e acreditan que aquí non se pode estudar case en castelán, que o hino galego é inxurioso ou que falamos galego por amolar.

Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE  e desenvolvido polos seus voceiros mediáticos e políticos para concentrar en Madrid  o poder económico e político, converténdoa na  única capital financeira do Estado e do seu Ibex 35, dotándoa dun aeroporto que se pretendía única porta co exterior e dun AVE radial, que condenaba á secundarización dos eixos ferroviarios naturais atlántico, cantábrico e mediterráneo. Son estas elites as que definen os chamados intereses de España. Intereses nos que non entran nunca os intereses galegos na agrogandería, pesca, construción naval, sector enerxético ou novas tecnoloxías.

Fronte este discurso dominante, o galego, catalán ou vasco que defende a súa identidade propia e os intereses económicos de cadanseu país percébese como un “Outro”. Son-somos- os “Extraños en Madrid” , dos que escrebiu Iñaki Anasagasti nun libro editado hai xa tres anos e que, porén,  mantén  grande actualidade.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.