Toques de atención en Europa sen cataclismos- Xosé A. Gaciño

Incompetencia, ridículo e cinismo - Xosé A. GaciñoToques de atención en Europa sen cataclismos

Menos bipartidismo, pero aínda o suficiente para seguir marcando as pautas. Avances de euroescépticos e antieuropeos –situados maiormente entre a dereita e a extrema dereita–, pero seguen a predominar os que se consideran europeístas (afortunadamente, non todos da fracción austericida). Os resultados das eleccións ao Parlamento Europeo dan pistas sobre diversos toques de atención dos diversos electorados, na maior parte dos casos en clave doméstica, pero non rexistran os cataclismos que algunhas sondaxes prognosticaban, para ben ou para mal.

Parecen conterse os altos índices de abstención, aínda que nalgún país do Leste chegan a superar o oitenta por cento. En liñas xerais, as dúas formacións europeas máis importantes (os populares e os socialistas) baixan en votos e escanos (os socialistas baixan menos) e ningún deles ten moitas posibilidades de configurar alianzas suficientes cos seus correspondentes afíns para promover a elección do novo presidente da Comisión, sobre todo se teñen que prescindir (como parece lóxico) dos apoios dos extremistas eurófobos. Parece que os dous grandes están condenados a entenderse supostamente para protexer as institucións europeas dos embates das forzas disgregadoras.

A propósito de forzas disgregadoras, antieuropeas e xenófobas, abondan máis nos países menos castigados pola crise (Reino Unido, Francia, Dinamarca, Austria, Finlandia…), como se reaccionasen contra a hipotética solidariedade interestatal que cabería esperar dunha Unión Europea en proceso de acadar algún día a unidade económica e política que nunca chega (nin a unidade nin a solidariedade), como se as medidas adoptadas presuntamente contra a crise non tivesen procurado a protección dos intereses dos grandes (países, empresas, bancos… ) e o castigo dos pequenos, como se todo o disparate da economía especulativa tivese a súa orixe na man de obra inmigrante. Non chegan ao 13 por cento dos escanos do Parlamento Europeo, pero, aínda que os dous grandes rexeitan o seu contacto, algunhas das ideas da extrema dereita levan tempo contaminando os criterios dos gobernos europeos e da propia UE, sobre todo precisamente en materia de inmigración, un fenómeno tan vital para o futuro dunha Europa envellecida como mal xestionado en todos os seus aspectos.

Esa contaminación ultradereitista serve tamén para manter o papel preponderante dos Estados (uns máis que outros, naturalmente) fronte á visión dunha Europa federalista, onde algunha vez o Parlamento cumpra con plenitude o seu labor lexislativo e de control dun goberno federal verdadeiramente executivo. Todo iso seguirá a esperar tempos mellores. De momento, haberá que conformarse con que un previsíbel consenso europeo entre populares e socialdemócratas (xa en marcha na poderosa Alemaña) sirva para atenuar os rigores dunha economía recortada a maior gloria dos acredores financeiros. E confiar en que a recuperación de diversas opcións de esquerda, iniciada en Portugal, Reino Unido, Italia e Grecia, contribúan a restablecer no futuro algúns dos equilibrios sociais que foron parte da identidade común europea.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.