Populismos para todos os gustos- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oPopulismos para todos os gustos

Cada quen define o populismo segundo lle encaixe no seu discurso de identificación de inimigos (ou de adversarios, nos casos máis moderados). Na súa orixe situábase máis cerca da inxenuidade voluntarista: aqueles populistas rusos decimonónicos que confiaban en que pasar unhas vacacións adoutrinando aos campesiños podía bastar para levalos á ocupación das terras dos señores. Cando desapareceu aquel movemento que inventou a denominación, foi converténdose nunha sorte de tópico de referencia negativa, non sempre ben definido, e que se utiliza para descualificar a dereita e esquerda, máis ou menos como sinónimo de irresponsabilidade ou de fraude político.

Certo que quedan dramáticos antecedentes históricos de populismos tan destrutivos como os fascismos e o stalinismo. E aínda que as circunstancias actuais non son as mesmas que fixeron posíbeis esas nefastas experiencias no século pasado, non hai que perder de vista a eses movementos que vimos avanzar nalgúns países –Francia, sobre todo– nas recentes eleccións ao Parlamento Europeo, e que volven poñer en pé unha mensaxe racista e xenófoba que, entre outras cousas, converte a colectividade de inmigrantes (como antes foran os xudeus) na causa simplista da grave crise económica e social.

Aparentemente, esta variedade máis dura de populismo é condenada pola maioría de forzas políticas, pero, na práctica, as súas teses inflúen máis do que se recoñece, sobre todo na lexislación sobre seguridade. En realidade, case todas as forzas políticas (e utilizo “case” por pura precaución formal) teñen certas doses de populismo, aínda que sexa unicamente ese punto de ilusión co que se pretende levantar o ánimo do votante. Practicamente ninguén se libra de acusacións de electoralismo (modalidade menor do populismo), tanto se inaugura un aeroporto sen avións como se promete acabar co paro na próxima lexislatura.

Para os liberais ortodoxos, calquera medida de inversión ou de incentivos públicos (por exemplo, o keynesianismo, que non pasa de ser unha leve corrección da pureza liberal) é considerada populismo intervencionista. Actualmente, para os que gobernan en Europa –a dereita, por suposto, pero tamén os gobernantes socialdemócratas tras uns meses de resistencia verbal–, xa é populismo irresponsábel o simple feito de reclamar flexibilidade no prazo para rebaixar o déficit público. Para os ministros de Economía máis fundamentalistas, case é máis grave que a xenofobia racista da extrema dereita.

Propoñer medidas “populares” (que lle gustan a unha maioría dos electores), aínda que teñan efectos negativos a longo prazo ou resulten imposíbeis de cumprir sen desestabilizar o  sistema, é unha das características do populismo (variante irresponsábel). Como a de prometer medidas “populares” que despois, simplemente, non se cumpren (variante fraudulenta). E son prácticas populistas moi habituais, das que se deberían examinar precisamente algúns dos que claman contra os populistas bolivarianos, temerosos quizais de que resulte máis convincente ese populismo utópico que o seu populismo pedestre de enxeñería contábel e de contas opacas no paraíso helvético.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.