Revolvendo as augas estancadas da política- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oRevolvendo as augas estancadas da política

Resulta incríbel a minuciosidade coa que agora sisudos analistas definen as verdadeiras  intencións que se esconden detrás de Podemos, a alternativa revelación en España nas pasadas eleccións europeas. Algo parecido ao que sucedera coa crise: despois de que estoupase, todo o mundo saía a explicar cómo se producira, pero case todos calaran antes de que rebentase (os moi poucos que falaran foron tachados de catastrofistas). E non estou a atribuír a Podemos consecuencias negativas como as da crise: son eses analistas os que pintan a esta forza política como o quinto xinete da apocalipse e son eles os que deberían explicar por qué, se estaba tan claro que é tan nefasta como agora indican e insinúan que xa o sabían, non advertiron antes do que se estaba a fraguar contra o bipartidismo, que para estes analistas que prognostican o pasado debe de ser un modelo de limpeza e transparencia.

Os que nestes días se dedican a rastrear ate as cartillas escolares de Pablo Iglesias en busca de antecedentes penais, con aires de xa-o-dicía-eu e vaticinando toda sorte de desgrazas se os electores se deixan seducir de novo (e peor se aumenta o número de seducidos) en próximos comicios, deberían recoñecer, polo menos, que nin se molestaran en valorar a comparecencia electoral de candidaturas que intentaban ofrecer unha saída política á desmoralización cidadá. Unha desas candidaturas, habitualmente desprezadas desde as alturas da opinión establecida por inútiles e utópicas, acertou nesta ocasión co ofrecemento do nivel mínimo de esperanza necesario para conseguir aglutinar unha parte importante dese electorado progresivamente desencantado polo deterioro das esquerdas anteriores.

Non sabemos ate onde pode chegar a onda expansiva de Podemos, pero, de momento, conseguiu revolver as estancadas augas do panorama electoral en España, aínda que as primeiras respostas do que eles chaman “casta” (os políticos do poder máis ou menos rotatorio) son bastante pobres. Desde a dereita fan o posíbel para que Podemos sirva de freo á difícil recuperación dos socialistas. É a única explicación da súa feroz campaña contra unha forza política que ten o seu principal viveiro de votos na esquerda e que, con eses ataques, aumenta o seu predicamento entre electores que nunca votarán á dereita (só coñezo o caso de sinceridade do presidente do PP andaluz saudando a presenza de novas forzas políticas porque contribúen a unha maior pluralidade, declaración feita despois de saber que a irrupción de Podemos nas enquisas andaluzas ven de rebaixar a vantaxe do PSOE sobre o PP de cinco puntos hai seis meses a sete décimas agora).

Polo que se refire á esquerda até agora representada, oscilan entre os que non se dan por aludidos, limitándose a un relevo xeracional no seo do aparato como se todo o problema fose a idade do secretario xeral, e os que tratan de abrir agora vías de diálogo que se rexeitaran antes da revelación (outros profetas do pasado). Sen esquecer a posibilidade de que o propio Podemos morra de éxito, se non administra axeitadamente a súa forza electoral. A esquerda, xa se sabe, ten demostrado ao longo da súa historia unha enorme capacidade de autodestrución.

Nun panorama político deteriorado pola corrupción e polo desprestixio das institucións, cos cidadáns castigados pola crise e con graves fisuras na convivencia territorial, as próximas campañas electorais poderían ser unha boa ocasión para un debate directo e sincero sobre a maneira de recuperar o pulso do noso sistema democrático. Pero xa sabemos o que dan de si as campañas, así que seguiremos a contemplar un escenario de componendas, entre medias verdades e medias promesas dos máis poderosos, mentres sisudos analistas reservarán as acusacións de populismo e demagoxia para a esquerda alternativa. Eles entenden que as forzas serias e principais non enganan aos cidadáns con promesas que non podan ou non queiran cumprir.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.