Os reflexos do espello de Escocia- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oOs reflexos do espello de Escocia

Como se dunha compañía de telefonía móbil se tratase, o goberno do Reino Unido fai a oferta de reforzar as competencias de Escocia agora que as sondaxes rexistran a posibilidade de que a opción independentista gañe o referendo. Naturalmente, a oferta, como nos casos das vantaxes que che ofrecen as telefónicas cando lles avisas de que te vas cambiar de compañía, é para convencer aos votantes escoceses de que sigan como usuarios británicos e rexeiten a independencia.

Cando chegaron ao pacto para celebrar este referendo, hai case dous anos (en outubro do 2012), o primeiro ministro británico non aceptou a proposta escocesa dunha dobre pregunta, que permitise aos votantes elixir entre a posibilidade da independencia ou a ampliación das competencias do goberno autónomo. Daquela, as sondaxes reflectían unha ampla maioría a favor do que chaman devo-max (a devolución máxima de competencias, coas únicas excepcións de Defensa e Exteriores), pero só un 35 por cento a favor da independencia plena. Cameron confiaba en que cunha sola pregunta sobre a independencia (si ou non, sen máis matices) bloqueaba tanto o camiño cara a independencia como a reivindicación de maior autonomía.

Unha sondaxe dos últimos días, que coloca por primeira vez o si á independencia por diante do non (51 por cento, fronte ao 49 por cento), parece truncar as expectativas que Cameron se prometía tan felices. A reacción das forzas unionistas aparece tinguida de pánico e precipitación e resulta difícil avaliar as súas consecuencias, entre outras cousas porque parece demostrar, a posteriori, que se estaban tomando moi pouco en serio un referendo que daban por gañado sen apenas moverse. Baixo a síndrome da compañía telefónica con baixas na súa lista de clientes, o propio Cameron afirma agora que o voto polo “non” significará votar por maiores competencias de Escocia no seo do Reino Unido. A súa xogada de trilero centralista pode estouparlle nas mans.

Naturalmente, nada disto ten que ver con España e Cataluña, como veñen repetindo os máis estritos intérpretes dos nosos textos constitucionais. Para empezar, porque o goberno central se limitou a rexeitar a celebración mesma dun referendo, unha consulta ou como se lle queira chamar a recoller a opinión dos cidadáns cataláns sobre unha proposta de independencia. E limítase agora a esperar a que se promulgue a lei de consultas catalá e a posterior convocatoria da consulta independentista para presentar os correspondentes recursos de inconstitucionalidade, que, unha vez aceptados a trámite polo Tribunal Constitucional, paralizarán a lei e a convocatoria. Despois, a velas vir, posíbel desobediencia civil incluída (xa ven, como a resistencia pasiva de Gandhi ou como o movemento dos dereitos civís de Martin Luther King, santificados agora a título póstumo, pero tan reprimidos e combatidos polos correspondentes poderes no seu tempo, como volverá a suceder cos posíbeis desobedientes de agora: o de santificalos máis adiante xa é outra cousa).

A lei catalá de consultas aprobarase o 19 de setembro, ao día seguinte da celebración do referendo escocés (18 de setembro). Naturalmente, seguirase a insistir en que non ten nada que ver unha cuestión e outra, aínda que a ninguén se lle oculte que os reflexos do espello de Escocia animarán ou desanimarán a uns ou a outros (e falo de gobernos e de políticos, coa nada firme esperanza de que a libre convivencia dos pobos ibéricos non se vexa alterada por estes xogos de bandeiras).

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.