Medio ambiente, unha vez ao ano- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oMedio ambiente, unha vez ao ano

Unha vez ao ano fálase dos temas importantes baixo o patrocinio das Nacións Unidas, convertidas nunha sorte de plataforma universal da sensibilidade ética e social da humanidade. Nenos, mulleres, homosexuais, minorías étnicas, enfermos de enfermidades diversas non rendíbeis para as multinacionais farmacéuticas… Cada un destes grupos de discriminados en maior ou menor grao son recordados nun día internacional no que se concentran informes de denuncias e mensaxes de boa vontade, que polo menos serve para manter esporadicamente a memoria sobre problemas sociais permanentes, pero sen apenas consecuencias prácticas na súa resolución.

Sucede tamén co medio ambiente e todos os seus detalles adxuntos (contaminación, biodiversidade, cambio climático… ), sobre o que se veñen celebrando cada ano unha ou varias reunións de diferentes niveis, desde comisións científicas até cumios internacionais (como o último celebrado en setembro na sé central da ONU), con especial intensidade desde que, no 1992, se celebrou en Rio de Janeiro o chamado Cumio da Terra, do que saíu a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, que no 1997 subscribiu o coñecido Protocolo de Kioto, que marcou uns modestos obxectivos de control de emisións contaminantes que vai custando un mundo desenvolver. Até o 2005 non foi posíbel acadar o mínimo de estados que ratificasen o protocolo para poñelo en marcha e como os obxectivos marcados para o 2012 non se cumpriron, no 2013 prolongouse o prazo até o 2020. E así, entre reunións rituais, até a catástrofe final.

No 2007 foi un momento dourado da concienciación polo medio ambiente, en torno ao informe do Grupo Intergobernamental da ONU sobre o Cambio Climático, que ratificaba o consenso da comunidade científica internacional sobre a repercusión das actividades humanas no quentamento global e a necesidade de reducir drasticamente as emisións de gases de efectos contaminantes para frear un proceso que pon en perigo a supervivencia da especie humana. Aos científicos integrantes dese grupo concedéronlles ese ano o Premio Nobel da Paz, xunto co ex vicepresidente estadounidense Al Gore polo seu labor de divulgación sobre o mesmo asunto. Por un tempo, os medios de comunicación prestaron atención a un dos problemas máis serios e universais.

Pero a non menos universal crise financeira cruzouse inoportunamente (ou oportunamente, segundo quen o considere) no palmarés das prioridades. Desde o 2008, todo deixou de ser importante, coa excepción da crise e das súas consecuencias, que pasaba a ser o máis urxente e relegaba a segundos ou terceiros planos as cuestións importantes. Mesmo empezaban a considerar esas cuestións pouco ou nada importantes. Así, con maior ou menor intensidade en cada país, non só van desaparecendo dereitos laborais e servizos sociais (onde os había, claro, porque unha gran maioría da poboación mundial pode que non chegue a coñecelos nunca), senón que van diminuíndo as posibilidades de supervivencia humana a golpe de dilapidacións de recursos e de crecementos irracionais.

E xa sabemos quen resultan sempre máis prexudicados, nas crises e nas posibilidades de supervivencia. Iso si, a falta da súa capacidade para controlar conflitos ou para marcar pautas racionais na explotación dos recursos do planeta, polo menos as Nacións Unidas servirán para manter a memoria das causas nobres non atendidas e das medidas de corrección do desastre que só se poñerán en marcha cando os índices de deterioro empecen a afectar ao famoso 1 por cento da poboación que concentra o 46 por cento da riqueza do mundo.

(A menos que algo se mova entre o 99 por cento restante para establecer novos equilibrios e proxectar futuros con máis esperanzas a compartir)

 

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.