A herdanza de cacharro- Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA  HERDANZA  DE  CACHARRO 

Mais alá das habituais honras fúnebres,hai unha coincidencia básica sobre Cacharro Pardo:o nivel de poder acumulado durante 25 anos na provincia de Lugo é o maior que se pode constatar no postfranquismo.Existen sucesos e testemuñas concretas que acreditan o control absoluto que exercía sobre o seu partido e, polo tanto, sobre as institucións que ocupaban os seus subordinados.Nin o propio Fraga foi quen de modificar o statu quo cacharrista.Eran os termos contractuais típicos dunha relación clientelar:o ex –presidente da Deputación aseguraba a continuidade da hexemonía electoral do PP na circunscrición lucense a cambio dun virreinato territorial non sometido a interferencias alleas.

Quen non aceitaba a lóxica de Cacharro pagaba unha forte peaxe.Se os votantes da segunda vila da provincia –Monforte de Lemos- teimaban no apoio a un alcalde –Celestino Torres- que non figuraba na nómina do patrón, ficaban sen os recursos precisos para infraestruturas e dotacións que recibían os concellos submisos.Se eses mesmos votantes decidían, no ano 2003 e despois de 8 anos de maioría absoluta do PP, promover ao nacionalista Severino Rodríguez á presidencia dun goberno de coalición, Cacharro respostaba coa contundencia habitual:pechar as portas da Deputación a calquera entrevista co novo rexedor.Se o alcalde da capital –Joaquín García Díez- movía os marcos implícitos marcados polo padriño, non saía na foto dos seguintes comicios aínda que iso propiciara a chegada de López Orozco á presidencia da Corporación local.

A lembranza do poder absoluto de Cacharro Pardo suscita unha pregunta relevante:cal foi o balanzo do seu mandato medido en termos de progreso económico e de benestar social da provincia de Lugo?Onde están os cambios estruturais que permitan mirar con certa esperanza o futuro do tecido social dese territorio?A cuestión demográfica estivo algunha vez na axenda política da máquina de recadadores de votos creada por Cacharro?

As mesmas preguntas podían ser formuladas mudando o escenario e os protagonistas:Ourense e a familia Baltar.As respostas serían moi parecidas.

Núñez Feijoo presume do que carece.Cando chegou á presidencia da Xunta, a herdanza cacharrista presentaba importantes vías de auga e non tivo que aturar os desplantes que coñeceu Fraga nas décadas anteriores.Con Baltar podía demostrar a verosimilitude  da súa presunta lóxica “moderna” na gobernanza do partido e das institucións.Se algunha vez existiu tal pretensión o fracaso é indscutíbel.Hoxe por hoxe non foi quen de modificar  o troco tradicional: votos para a sigla a cambio de manter a continuidade do virreinato provincial.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.