Vitoria agridoce de Syriza – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaVITORIA  AGRIDOCE  DE  SYRIZA

O resultado das elección gregas celebradas o día 20 de Setembro admite varias lecturas posíbeis.Cabe pensar, por exemplo, que esta  vitoria de Syriza representa, ao cabo, un triunfo da “troika” despois da dura batalla desenvolvida a partir do sucedido nos comicios do pasado mes de Xaneiro.Os compromisos programáticos asumidos polo candidato Tsipras foron a derivación lóxica do axuste acordado entre os poderes de Bruxelas e o goberno grego.Nestes nove meses rexistrouse unha mudanza substantiva nos dirixentes de Syriza –e case ningunha nos seus interlocutores da UE- que levou aparellada a escisión dunha parte da organización e a conformación dunha oferta electoral alternativa (a chamada Unidade Popular).

Mais, tamén, pode ser formulado un relato diferente.As urnas non avalaron o conxunto das pretensións da “troika”.Aínda que os defensores das posicións mais antitéticas aos designios dos poderes fácticos europeos (KKE, Unidade Popular e, noutro plano, a extrema dereita de “Aurora Dorada”) ficaron en posicións nidiamente minoritarias, nos despachos de Berlín desexaban que o goberno de Grecia estivera nas mans dos partidos (“Nova Democracia” e PASOK)que teñen acreditado unha absoluta fidelidade aos plan trazados nas chancelerías europeas mais determinantes.O ministro Margallo, con esa incontinencia verbal que o caracteriza, confesou a súa decepción pola continuidade de Tsipras.

Por qué os votantes descontentos coa nova orientación de Syriza ficaron na abstención  e apenas reforzaron ao grupo escindido que ficou sen representación parlamentaria?Qué motivos explican o mantemento dun importante nivel de confianza nun líder que renunciou ao núcleo duro da alternativa coa que fora elixido no comezo do presente ano?A falta de datos suficientes para respostar, con total rigor, a semellantes preguntas, pódese pensar que unha parte relevante do electorado outorgou unha nova oportunidade a Tsipras por dúas razóns:a inexistencia, polo momento, de prácticas corruptas na traxectoria da organización que preside e o talante democrático que practicou nestes meses.Se comparamos a recente experiencia grega co que vivimos no Estado español no ano 2010, a diferenza resulta evidente: Zapatero modificou radicalmente os seus compromisos electorais sen convocar novas eleccións que permitiran o pronunciamento expreso do corpo social.

Na grande maioría dos comicios está presente a lóxica do mal menor.Nesta ocasión, semella que Syriza foi o principal beneficiario dese comportamento.Seguramente operou un derradeiro mecanismo de defensa ante o eventual avance dos partidos tradicionais e o que iso significaba:o regreso indiscutíbel aos comportamentos políticos que propiciaron a desfeita que está padecendo a sociedade grega.

 

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.