Os dias de Feijoo – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaOS  DIAS  DE  FEIJOO

Alberto Núñez Feijoo leva mais de 2000 días como máximo responsábel executivo do goberno galego.A pesar do balance mediocre que pode presentar despois dun período temporal tan prolongado –e quen desexe comprobalo, polo miúdo, pode consultar os DOG dos seis últimos anos-, non dubida en formular fortes descualificacións da xestión dos 100 primeiros días dos gobernos municipais presididos pola oposición, sobre todo daqueles que dirixen as cidades de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Os 100 días constitúen unha convención fixada para recoñecer un tempo de proba aos gobernos xurdidos dun proceso electoral.Obviamente, as situacións non se poden comparar de xeito insdiscriminado.Non cabe analizar do mesmo xeito o caso dos alcaldes ou alcaldesas que repiten mandato daqueles que chegan por primeira vez ás corporacións.Para quen leva catro, oito ou unha ducia de anos dirixindo un concello non ten sentido reivindicar a marxe de tres meses.

O presidente da Xunta non fixo semellante distinción e descargou as súas baterías, precisamente, sobre aqueles que teñen menos pasado como xestores municipais.Ademais, fixo un novo exercicio de dupla moral.Cando el, Rajoy e outros dirixentes do PP, chegaron aos despachos gobernamentais invocaron rapidamente a “herdanza recibida” para xustificar a transgresión das súas promesas electorais ou a notoria ineficacia da súa xestión mentres que agora desaparece calquera alusión á situación que se atoparon os novos executivos de Coruña, Compostela ou Ferrol.Por citar só un exemplo revelador:tal e como figura no informe dos servizos económicos do concello de Santiago, os anteriores gobernos de Conde Roa, Currás e Hernández incumpriron o teito de gasto (coas importantes hipotecas que tal circunstancia orixina de cara ao inmediato futuro).Pero iso non conta para Feijoo.Se fora o BNG o causante de tal anomalía, xa estaría establecido o guión para toda a lexislatura:non se pode facer o que queriamos porque nos deixaron esta “herdanza”.

A pesar das falacias habituais que difunden os propagandistas do PP, os gobernos municipais que non dispoñen de maioría suficiente nas corporacións carecen da estabilidade requirida para enfrontar os retos mais relevantes da lexislatura.Tal circunstancia –evidenciada, mais unha vez, nestes cen días- interpela directamente a tres actores políticos concretos:as Mareas –por utilizar esta denominación xenérica-, o PSdG e o BNG.A pesar das diferenzas programáticas existentes ou das feridas abertas por pasadas militancias compartidas, entendo que é posíbel acadar pactos de gobernabilidade se hai unha decidida vontade de facelo.As Mareas son conscientes dos atrancos derivados de non ter maioría absoluta e PSdG e BNG coñecen os graves riscos de compartir oposición co PP.Pasadas as elección xerais de decembro e debuxado o novo mapa político estatal, semella que as condicións poderían ser apropiadas para buscar fórmulas de colaboración –como, por certo, xa se atoparon nas deputacións de A Coruña, Pontevedra e Lugo- que aseguren a boa gobernanza e transmitan unha mensaxe de esperanza para milleiros de persoas que desexan derrotar ao Partido Popular nas eleccións galegas do outono de 2016.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.