O BNG ante o reto da súa refundación – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaO  BNG  ANTE  O  RETO  DA  SÚA  REFUNDACIÓN

Os chamados “contrafactuais” están sendo moi utilizados en determinados ámbitos mediáticos. Certamente, constitúe un exercicio intelectual estimulante imaxinar qué tería ocorrido se a historia, persoal ou colectiva, tivera seguido unha traxectoria diferente á que, finalmente, se rexistrou.

Qué pasaría, por exemplo, se no ano 1989 Fraga non tivera acadado unha mínima –e legalmente discutida- vitoria nas eleccións ao Parlamento galego? E se o bipartito PSdG-BNG fora quen de repetir mandato no ano 2009?

Os 40 últimos anos da historia do nacionalismo galego tamén poden suscitar atractivos interrogantes:qué tería acontecido se Esquerda Galega conseguira consolidar a condición de principal forza nacionalista acadada nos comicios de 1985? E se X.M. Beiras tivera optado por formar parte dese proxecto no canto de encabezar o novo BNG conformado no outono de 1982?

Hai un posíbel contrafactual mais recente:qué tería sucedido se hai catro anos, na Asemblea do BNG celebrada en Amio, houbera un consenso entre as distintas correntes presentes no Bloque que permitira manter unha andaina unificada entre elas?

Resulta pertinente recoñecer que a frustrada unidade nacionalista non era condición suficiente para resolver o desgaste electoral que viña padecendo a fronte nacionalista dende o comezo do novo século.Mais, na altura do ano 2012, sectores determinantes do BNG presentaban síntomas preocupantes de incapacidade para comprender os cambios que estaban agromando na sociedade galega e no escenario estatal.A aparición do movemento do 15-M na primavera do ano 2011 foi recibido cunha mestura de ignorancia e desprezo que imposibilitou un achegamento e diálogo cos sectores –principalmente xuvenís- que se mobilizaban nas prazas contra un sistema político que presentaba indicios evidentes de esgotamento.As dificultades para ler adecuadamente as variábeis presentes na realidade continuaron ate datas mais recentes.Considerar que o nacemento de Podemos é consecuencia dunha operación deseñada polos poderes fácticos para neutralizar aos movementos nacionalistas existentes no Estado español constitúe unha simplificación analítica moi semellante á que se formulaba hai poucos días nun editorial de “El País” atribuíndo o xurdimento da devandita formación a unha manobra dos terminais mediáticos da dereita para minorizar a influenza do PSOE.Se fose certa a tese dos dirixentes do BNG non se entendería a contundente belixerancia (sen escrúpulos:financiados por Irán e Venezuela, acólitos de ETA…) que están empregando contra o partido que encabeza Pablo Iglesias.

A recuperación do BNG como ferramenta útil para a transformación da nación galega require, entre outras cousas, substituír os preconceitos e os falsos principios por un mellor coñecemento da sociedade realmente existente.A primeira condición para quen pretenda mudar a realidade é acertar no diagnóstico da mesma.E despois é preciso non construír valados ou liñas vermellas que non se compadecen coa lóxica dun grupo político que pretende seducir á maioría social.De non mediar semellante rectificación, o actual BNG non será quen de mudar a situación na que se atopa:unha forza cunha evidente fortaleza organizativa e capacidade mobilizadora mais cunha gravísima debilidade electoral (só corrixida parcialmente pola presenza relevante en certos concellos e pola participación nos gobernos das Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo).

 En toda organización política que pretenda funcionar cunha democracia de calidade, a última palabra correspóndelle ás persoas que forman parte dela.Semellante obviedade debe ir acompañada dunha consideración non menos relevante:contar co aval da maioría outorga a lexitimidade esixida para executar as decisións acordadas pero non garante o acerto e a oportunidade das mesmas.O sucedido nas dúas últimas Asembleas Nacionais do BNG certifica a veracidade de semellante afirmación.Cando hai diverxencias de envergadura, o mais adecuado é buscar un consenso integrador que permita reconstruír os mínimos comúns denominadores sen reducir a democracia interna a unha pura contabilidade aritmética.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.