A viaxe a ningures de Pedro Sánchez – Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE 

O pacto do PSOE con C´s que aprobou este sábado a afiliación socialista, malia a abstención dunha metade da mesma, constitúe máis un sinal ca un camiño de goberno, xa que está condenado á derrota parlamentaria. A investidura de Pedro Sánchez non será posíbel, ao só votar a prol os 131 deputados laranxas, socialistas e os dous canarios de CC e NC.  Abrirase, entón, o sábado un periodo de dous meses para acadar outro candidato, que semella moi difícil de xurdir. Despois, habería eleccións o 26 de xuño.

Máis o pacto é sinal de cousas que están a pasar. Curiosas, cando menos senón moi significativas. O PSOE emenda de totalidade o seu programa electoral socialdemócrata e asume propostas nidiamente de centro-dereita, renunciando a medidas (revisión das contrarreformas local, laboral, educativa e de seguranza cidadá do PP) que son de amplo consenso nos ámbitos políticos progresistas de todo o Estado. Deste xeito, recoñece nidiamente que son os das portas xiratorias, os Felipes, Guerras e Rubalcabas, as persoas que mandan no partido. Seica o PSOE renuncia definitivamente á socialdemocracia.

Para máis, o PSOE ratifica de vez a súa inanidade fronte ao problema da plurinacionalidade de España e lle merca a C´s a súa visión centralista ,  como sempre tendeu mercárllela ao PP. O PSOE amosou non ter alternativa ao xacobinismo paifoco do PP e de C´s. Velaí a participación tan baixa que a consulta socialista obtivo no PSC.

Canto a Pedro Sánchez, é evidente que se reforzou no curto prazo. Mesmo garantiuse ser o candidato nunhas cada vez máis probábeis eleccións no verán. Mais deixar o amplo espazo do centro-esquerda a outros vaille custar, ao mellor de xeito definitivo, o carácter de referente dese espazo político, onde se sitúa a meirande parte da cidadanía, que  refuga frontalmente das resultas da lexislatura do PP.

Ese amplo espazo cidadán pedía un Goberno de progreso. E Pedro Sánchez non soubo, non quixo ou non puido dárllelo. De aquí a xuño Pedro Sánchez gastará o crédito que  gaña estes días e o PSOE ficará máis preto de ser secundario nas preferencias dos sectores sociais progresistas.

            

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.