A “Baraka” de Feijoo – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA  “BARAKA”  DE  FEIJOO

Xesús Veiga

Liortas no PSdG pola elaboración das candidaturas, desencontros entre algúns dos vectores integrantes das Mareas, nova demostración de disidencia no seo do BNG e práctica desaparición da delegación galega de C’s: supoño que Alberto Núñez Feijoo nunca imaxinou –nas súas fantasías mais optimistas- unha situación coma esta a poucas semanas da celebración das eleccións galegas.A coñecida frase do “capo” Andreotti –“o poder desgasta só a quen non o ten”- semella reaparecer na política galega para arrefriar as expectativas xeradas pola acumulación de frustracións rexistradas dende o 2009:grave deterioro das condicións de vida dunha parte relevante do corpo social por mor das políticas practicadas dende San Caetano, aceptación submisa das dinámicas recentralizadoras promovidas dende a Moncloa, tolerancia coa corrupción detectada nas estruturas estatais e galegas do PP, deficiente xestión ordinaria das competencias dispoñíbeis na arquitectura institucional da Xunta…

A pesar desta vantaxe imprevista coa que sae Feijoo na carreira electoral, a dúbida segue instalada nos propios dirixentes do partido:a obtención dos 38 escanos está menos asegurada que hai catro anos e, xa que logo, o futuro político do actual presidente está no gume da navalla.Acadar unha cifra menor da que proporciona a maioría absoluta sería un fracaso indiscutíbel que non se podería agachar na vella leria da lista mais votada.A pesar da coñecida fortaleza do aparato organizativo do PPdG, hai síntomas evidentes de fatiga nos materiais humanos que posibilitaron as vitorias de 2009 e 2012.A grande implantación territorial e a consistencia dos mecanismos clientelares non aseguran, automaticamente, o volume de apoios necesarios para obter unha maioría absoluta no Hórreo.

Os conflitos internos que afectan a PSdG, Mareas e BNG non obedecen a discrepancias sobre a necesidade de artellar un goberno de coalición alternativo ao que ven existindo nos últimos anos.A diferenza do que sucede no ámbito estatal non se formulan liñas vermellas que atrancan a viabilidade dun entendemento futuro.Se os resultados das urnas son propicios deberán acordarse, nas semanas seguintes, dúas cuestións básicas:o programa común de goberno e o reparto das responsabilidades executivas no gabinete.Para enfrontar ambos asuntos pode ser aproveitada a experiencia da coalición entre PSdG e BNG no 2005.Salvando as diferenzas entre ambos momentos históricos e corrixidos os erros e deficiencias rexistradas naquela ocasión, hai suficientes elementos que poden axudar a resolver a inevitábel complexidade de semellante tarefa.

As forzas que configuran a actual oposición a Feijoo deberían reducir ao mínimo as diverxencias asociadas ás disputas polo poder interno.Aceitando a lexitimidade e mesmo a normalidade desas confrontacións resulta pertinente constatar a pedagoxía negativa que proxectan fora das súas fronteiras organizativas.Se unha forza política que aspira a gobernar a partir de Novembro non é quen de xestionar a heteroxeneidade do seu propio universo humano está perdendo credibilidade para administrar maiores niveis de conflito no conxunto do corpo social.Velaí a gravidade do que está a pasar nestes días.Feijoo non debería ser a reencarnación de Fernando VII.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.