Quen vai gañando a batalla mediatica? – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaQUEN  VAI  GAÑANDO  A  BATALLA  MEDIATICA?

Xesús Veiga

O responsábel de organización do PSOE, César Luena,  botou man dunha coñecida metáfora histórica para culpabilizar a Rajoy do estancamento da situación política e afirmou que o presidente en funcións pretendía dispor das mesmas facilidades que posuía Felipe II cando xogaba ao billar.O erro cometido por Luena –confundir a Felipe II con Fernando VII- pode ilustrar o caos dominante na equipa dirixente que preside Pedro Sánchez.

Polo momento, o PP vai gañando a batalla da opinión pública a respecto do que debe suceder para desbloquear o enguedello derivado das eleccións do pasado 26-X.Utilizando o amplo desacougo que provoca unha eventual repetición das eleccións, os dirixentes da rúa Génova proxectan o dedo acusador sobre Rivera e Sánchez e, implicitamente, propoñen un contrato de adhesión que permita, inmediatamente, a investidura do seu candidato no Congreso dos Deputados.Nesta estratexia conta co apoio explícito ou tácito de moitos analistas mediáticos que prefiren insistir nas incoherencias e/ou nas ambicións esaxeradas dos dirixentes de C’s e do PSOE para non ter que criticar o intolerábel despropósito que supón a candidatura do presidente dun partido que está imputado –como tal organización- pola comisión de importantes delitos.Rajoy é intocábel porque encabezou a lista mais votada e os demais deben acatar semellante designio das urnas ou abandonar a primeira liña da vida política.Velaí a sentenza que domina na maioría das columnas de opinión.

Os dirixentes socialistas teñen bastante responsabilidade na xestación deste clima favorábel ás teses dos “hooligans” marianistas.Queren fuxir dos custes asociados a unhas terceiras eleccións e, ao mesmo tempo, renuncian á construción dunha alternativa gobernamental ao PP a través dun acordo con Unidos Podemos, as confluencias e as formacións nacionalistas de Euskadi e Catalunya.Mais aínda:tratan de presionar ao actual inquilino da Moncloa mediante o argumento de que hai grandes denominadores comúns entre PP, C’s, a vella CDC, PNV e Coalición Canaria.Tal e como está a situación política catalana, que alguén sosteña a tese de que resulta verosímil un pacto de investidura ou de gobernabilidade entre Rajoy e os discípulos de Artur Mas pode ser tomado como un insulto á intelixencia e constitúe unha coartada moi deficiente para xustificar a falta de vontade que habita na sede socialista de Ferraz.Pedro Sánchez debería saber que o vello bipartidismo xa non existe e que hoxe é precisa outra lóxica pactista para resolver a complexidade da nova realidade parlamentaria.Podería, en todo caso, recuperar unha experiencia moi valiosa daqueles tempos de González e Zapatero:para enfrontar a gobernabilidade deste Estado é necesario contar coa colaboración de forzas como o PNV, o partido sucesor de Convergencia e ERC.Se non o fai, a súa derrota estratéxica está servida.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.