A crise do Partido Socialista – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA  CRISE  DO  PARTIDO  SOCIALISTA

Xesús Veiga

Cando un partido político se atopa nunha situación análoga á do PSOE resulta decisivo discutir e acordar –no seu interior- un diagnóstico solvente sobre as causas explicativas do que sucede.Sen esa análise, diminúen as posibilidades de atopar unha folla de ruta que supoña un punto de inflexión ao devalo crítico pola que atravesa tal organización.

As declaracións de distintos dirixentes do Partido Socialista non van mais alá dunha visión de curto alcance e cunha elevada dose de simplificación argumental.Ningunha figura sobranceira considera dous feitos da máxima relevancia na xestación da crise:a aceptación polo goberno Zapatero do diktat emitido pola troika no mes de maio do 2010 e a grave incomprensión a respecto do movemento de protesta que estoupou o 15 de Maio de 2011.No canto de disolver o Parlamento e convocar eleccións para que o electorado decidira sobre as pretensións de Merkel, o goberno socialista iniciou o camiño dos recortes nas prestacións de benestar e non foi quen de facer a lectura que requiría a presenza de milleiros de persoas nas rúas –nomeadamente da mocidade das áreas urbanas- para expresar a súa indignación pola deriva que presentaba o propio sistema político.

A aparición do fenómeno electoral de Podemos nas europeas de 2014 certificou que o PSOE sufría un grave déficit de identidade ante unha parte significativa do seu electorado tradicional.O panorama da socialdemocracia na UE completaba o círculo vicioso no que se movían os dirixentes de Ferraz:os “irmáns” de Berlín conformaban un goberno de coalición co partido de Merkel, os laboristas británicos seguían perdidos no deserto da oposición, o PASOK ficaba convertido nunha opción marxinal e os socialistas franceses non eran quen de traducir en políticas gobernamentais as propostas formuladas por Hollande na súa triunfante campaña electoral.O 20 de Decembro de 2015, Pedro Sánchez acadaba o peor resultado da historia e aparecía unha encrucillada inédita para a organización centenaria:ou buscaba un pacto de gobernabilidade co PP ou promovía un acordo con Podemos, IU, as confluencias de Catalunya, Galiza, Comunidade Valenciana e as organizacións nacionalistas vascas e catalanas.Despois de varios meses de dúbidas e disputas, a maioría do aparato dirixente –co apoio explícito dos lobbies empresariais e mediáticos- optou por unha liña de colaboración con Rajoy a pesar de que iso supoñía asumir a maior fractura do corpo militante coñecida nas últimas décadas.

Por outra banda, a dinámica política rexistrada en Catalunya durante todos estes anos afectou seriamente ao PSC e alterou a correlación de forzas no ámbito estatal.A debilidade socialista nas circunscricións catalanas mudou a súa anterior capacidade e credibilidade para formular alternativas acordes coa natureza plurinacional do Estado e desprazou o centro de gravidade do poder interno a favor do que representa Susana Díaz.

Neste incerto cadro xeral, o PSdG reedita as súas vellas pantasmas e ofrece un grao adicional de conflitividade.A pesar de que a indiscutíbel vitoria de Leiceaga nas primarias podería facilitar a recomposición orgánica baixo as premisas exhibidas polo profesor compostelán, a belixerancia extrema de Abel Caballero prognostica o regreso ao coñecido esquema dos reinos de taifas coa conseguinte renuncia da visión galega como idea motriz das política formuladas dende a dirección do partido.

Os meses vindeiros van ter unha transcendencia indiscutíbel na eventual reconfiguración do mapa da esquerda nos ámbitos estatal e galego.A crise do Partido Socialista abre posibilidades de reforzamento das organizacións que, na actualidade, compiten en determinados segmentos do electorado.Concretamente, En Marea e BNG teñen unha grande oportunidade para conectar con eses sectores descontentos coas decisións adoptadas no Comité Federal socialista.Para tecer esas novas complicidades deberán acertar nos contidos e nas formas.O PSdG está ferido pero non está morto.É ben sabido que, na vida política, as teóricas superioridades ideolóxicas hai que demostralas na práctica de todos os días, sendo conscientes de que os erros non son patrimonio exclusivo dos adversarios.

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.