OS SUMIDOIROS DO ESTADO.-Xoán Antón Pérez-Lema (*)

Téñome por persoa de lei. Ou, como diría a finada da miña aboa Antonia, por un home de orde. Velaí que cando foi o 11-M, no xa lonxano 2004, acreditase no relato do ministro do Interior polo menos durante as primeiras tres ou catro horas, até que ben clariño ficou que mentía. Como mentira o seu Goberno todo poucos meses antes, canda a catástrofe do Prestige. Dende entón sigo a defender aos policías, mais desconfío sempre dos seus mandos políticos, que cren só responder perante a Historia.
Existen xa probas de cargo abondas que demostran a conspiración delictiva, cando non a autonomía de actuación á marxe de calquera control democrático, de unidades policiais. A chamada Policía Política ou Policía Patriótica, creada polo anterior ministro do Interior, semella unha realidade acreditada. Unha Policía usada fraudulentamente para combater o independentismo catalán. Arrepíamos coas gravacións onde o ministro animaba ao xefe da oficina Anti-fraude catalá para espiar parentes de Homs, Mas ou Junqueras, prometéndolle apoio aberto dende a Fiscalía e gabándose ambos os dous de terlles “desfeito a sanidade catalá”.
Que dicir do comisario Villarejo, sospeitoso de ferir a coitelo a unha doutora supostamente acosada polo Presidente de Ferroglobe, Javier López Madrid e de usar os medios da Administración en beneficio da súa axencia de información? Ou das interferencias a respecto das pescudas policiais sobre o duplex do ex presidente madrileño, Ignacio González, na Costa do Sol? Ou do absoluto ridículo de lle atribuir ao entón alcalde barcelonés, Xavier Triàs, a titularidade dunha conta falsa en Suiza?
Pois ben, até de agora só o Parlament catalá abriu unha pescuda oficial sobre estes feitos delictivos, mentres que PP, C’s e, até de agora, o PSOE (boa oportunidade para que Pedro Sánchez amose a remuda de paradigma) bloquearon até de agora calquera investigación a serio dende o Congreso dos Deputados.
Nunha democracia só nos poden investigar por orde xudicial. O outro chámase Estado policial ou Estado autoritario.

(*) Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.