A piques de se cumprir un ano dende as eleccións ao Parlament de Catalunya celebradas o pasado 21 de Decembro, tivo lugar o primeiro encontro convocado polo actual presidente da Generalitat para comprobar as posibilidades de acordo entre as formacións políticas que compoñen a Cámara lexislativa catalá.
A propia demora rexistrada na convocatoria e a renuncia para participar na mesma por parte de C’s, PP e as CUP revelan as grandes dificultades que rodeaban unha cita destas características.A conclusión constatada ao final da xunta entre os representantes de JxC, ERC, PSC e Catalunya en Comú completa o prognóstico pesimista que se formulou dende o primeiro momento:non existe unha saída política ao actual conflito que conte co apoio dunha ampla maioría do Parlamento catalán.
Era sabido que, agora mesmo, están presentes nesa institución forzas políticas que postulan a independencia de Catalunya, outras que defenden o mantemento do vixente statu quo e unhas terceiras que apostan por unha reforma do marco estatutario e/ou constitucional que permita establecer un novo encaixe desa nación histórica na arquitectura institucional española.Non se tiña testado, formalmente, a disposición ao diálogo e á negociación dos distintos actores que concorren no mapa político catalán.O punto de partida non permite, certamente, posuir moitas esperanzas de cara ao futuro.
En diversas ocasións, insistiuse que o centro de gravidade do problema catalán debería ser situado no disenso existente no seu corpo social -e no seo da elite política- e non tanto na confrontación entre as institucións de autogoberno e as de ámbito estatal.En realidade, ambos fenómenos están entrelazados fortemente:as divisións perceptíbeis a respecto dos sentimentos de pertenza e as discrepancias sobre o escenario desexábel para a construción nacional de Catalunya explican a polarización e o bloqueo que presiden a vida política nos últimos anos.
Quen queira buscar fórmulas de entendemento para atopar a saída do labirinto actual deberá ser consciente que o posíbel punto de encontro non se atopará nas propostas máis perfiladas que están sobre a mesa:a independencia de Catalunya ou a continuidade da actual configuración territorial do Estado.O denominador común -no seu caso e froito dunha negociación referendada, obviamente, polo corpo electoral- situarase en espazos intermedios que resulten cómodos para amplas maiorías políticas e sociais.Estamos, sen dúbida, ante o maior desafío ao que se enfronta o sistema político español nado coa Constitución de 1978.
(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC