O  ÚLTIMO  PRODUTO  DA  FACTORÍA  VILLAREJO.-Xesús Veiga*

Transcendeu un novo episodio da serie “negra” escrita polo ex-comisario Villarejo.Nesta ocasión, os protagonistas infectados pola toxicidade do vertedoiro están situados no mundo da gran banca e no territorio da política.Máis concretamente, os nomes máis rechamantes que apareceron corresponden ao que foi, até hai pouco tempo, máximo executivo do BBVA, Francisco González, e a dous antigos responsábeis gobernamentais da equipa de Zapatero (Mª Teresa  Fernández de la Vega e Miguel Sebastián).

A secuencia é coñecida:alguén – F.González- contratou -por un bo puñado de euros- ao comisario para que nas súas horas libres utilizase os recursos públicos aos que tiña acceso para espiar ás persoas que lle permitisen elaborar os informes demandados.Todo perfectamente irregular e presuntamente delitivo.Para o banqueiro González, o fin -neutralizar un suposto plan de control por parte da empresa Sacyr- xustificaba os medios -recorrer ás “cloacas” do Estado nas que se desenvolvía con proverbial soltura Villarejo.

Ademais de constatar, máis unha vez, a existencia dun grupo de funcionarios da seguridade do Estado que actuaban á marxe dos procedementos e que non sufrían as consecuencias  penalizadoras por tal comportamento, estas revelacións poñen no escaparate da opinión pública as relacións  promiscuas entre membros do poder político e xerarcas do lobby bancario.Que se o goberno de Zapatero quería marxinar a Francisco González -ao que Aznar tiña promovido, previamente, ao cimo do BBVA-, que se a vicepresidenta Fernández de la Vega pretendía protexer ao todopoderoso Emilio  Botín nos seus preitos xudiciais…A conclusión está servida:quen siga afirmando que o intervencionismo dos gobernantes na vida económica non é propio do sistema económico realmente existente senón que constitúe un vestixio da rancia cultura comunista é un vendedor de mentiras  ou un iluso que cre nas retóricas dos ideólogos desa  autocalificada dereita sen complexos.

O que estamos a coñecer sobre a faciana agachada das décadas nas que o PSOE e o PP hexemonizaron as administracións públicas suscita serias dúbidas a respecto da calidade do sistema democrático español.O edificio constitucional está sometido a unha evidente fatiga dos materiais cos que foi  construído e xestionado.Será capaz de  metabolizar os impactos derivados dos produtos que se foron fabricando na factoría mafiosa xestionada por Villarejo?

(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC .

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.