SEN AUDIOVISUAL NON HAI PAÍS.-Xoán Antón Pérez-Lema*

Carlos Ares, Presidente da Academia Galega do Audiovisual, ven de definilo moi a xeito no acto da entrega dos premios Mestre Mateo da Academia: “sen cultura non existen os países e sen audiovisual non hai cultura”. Velaí que non existirá país sen o audiovisual galego. A  forza da nosa identidade e mesmo parte da nosa prosperidade dependerá de xeito directo e substancial da saúde cultural e económica do sector audiovisual galego.

  Ares remata un mandato de catro anos que se traduciu nun grande incremento do número de persoas académicas, das actividades da propia Academia e de actuacións formativas nun sector xa caracterizado pola alta calidade técnica e profesional da súa xente. Foi, tamèn, un cuatrienio sinalado pola aposta pola igualdade. Canto aos productos audiovisuais, aumentou substancialmente a produción de longametraxes en galego, a súa variedade e máis a participación de mulleres como xefas de equipa.

 As longametraxes máis agasalladas (“A sombra da lei”, con dez premios, entre eles os da mellor película e director e “Trote“, con cinco agasallos, salientando o acadado por María Vázquez como protagonista principal feminina) definen precisamente dúas liñas de produción distintas no audiovisual galego. Por unha banda a grande coprodución industrial coordinada  por unha produtora galega (Vaca Films), con actor protagonista galego (Luis Tosar) e director galego (Dani de la Torre), contando en castelán un relato do pistolerismo barcelonés dos anos 20 do século XX. Pola outra a ópera prima nada convencional dun director (Xacio Baño), aliñado na corrente do “novo cinema galego”, contando en galego unha historia desenvolvida no noso rural que, porén, é universal.  Un film con coprodución lituana que trunfou nos festivais de Locarno e Donostia.

  Pertencen longametraxes como “A sombra da lei” ao audiovisual galego? A resposta só pode ser afirmativa, xa que foi ideada e financiada por unha empresa galega, dirixida por galego, montada polo galego Jorge Coira, cunhan directora de produción galega (María Liaño), actor protagonista galego e con galegos nos diversos traballos técnicos. Mais nesta caste de productos constitúe función esencial da axencia pública AGADIC a de garantir a produción de copias en galego e a súa distribución nun mercado interno que non discrimina negativamente os productos na nosa lingua, adoito vetados, porén, polos prexuizos das distribuidoras.

 O audiovisual galego é parte esencial da nosa cultura, mais tamèn constitúe unha industria cunha grande capacidade de crecemento e  indución doutras actividade. Integrarmos estes dous polos é a garantía da súa viabilidade económica e da súa vitalidade cultural. 

*Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.