O  26-M  E  O FUTURO  DE NÚÑEZ FEIJÓO

A pesar de non ser candidato nas eleccións do 26 de Maio, o resultado desa cita coas urnas vai ter moita importancia no futuro político de Núñez Feijoo.Por razóns directas e indirectas.

 O test principal para medir o éxito ou o fracaso do PPdG vai estar situado nas cidades e nas Deputacións.Xa sabemos que esta forza política vai ocupar o primeiro posto no ranking das concellerías e das alcaldías obtidas.A utilización desa contabilidade parcial vai ser o refuxio dos voceiros na noite electoral para agachar a dimensión real do eventual fracaso.O que haberá que mirar é se o partido de Feijoo conserva a alcaldía de Ourense e/ou acada algunha mais nas outras seis cidades.Tamén será pertinente comprobar cantas deputacións vai controlar a partir dese momento.A posibilidade de que a súa hexemonía fique reducida ás vilas medianas e cativas -complementada cunha confirmación do virreinato de Baltar- cuestionaría seriamente a viabilidade da repetición da maioría absoluta existente no Pazo do Hórreo.

 O destino do presidente da Xunta tamén se xoga alén do Padornelo.Se o PP perde o control sobre as Comunidades Autónomas que hoxe administra e non é quen de recuperar o dominio sobre os grandes concellos que perdeu no ano 2015, Pablo Casado terá que considerar a posibilidade de conxugar o verbo dimitir.Se tal cousa ocorrera, o político dos Peares recibiría unha presión moi forte para asumir a presidencia estatal e dirixir a travesía do deserto desta formación nos vindeiros catro anos.Podería respostar cunha negativa semellante á que formulou no mes de xuño do ano pasado? Nesta ocasión sería moi complicado repetir aquelas argumentacións a menos que Núñez Feijoo teña pensado retirarse da primeira liña política cando remate o seu mandato en San Caetano ou ben -circunstancia certamente inimaxinábel- manexe o proxecto de reconvertir o PPdG nunha sorte de forza rexionalista (como pode ser, na actualidade, a UPN).

 A política galega pode vivir un punto de inflexión a partir do vindeiro 26 de Maio.Un motivo adicional para agardar, con expectación, as cifras que proporcionen as urnas.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.