VENCER E CONVENCER.-Xesús Veiga*

A hexemonía do PP no Parlamento galego dende 1990 (15 anos de maioría absoluta con Fraga e 10 con Feijóo) ten provocado efectos moi negativos sobre a calidade democrática presente no funcionamento das institucións. Os dous exemplos mais recentes están situados na Valeduría do Pobo e no Consello Económico e Social.

 

Milagros Otero presentou a dimisión do seu cargo pola existencia dunha sentenza xudicial que estableceu a comisión de irregularidades nun determinado nomeamento realizado no seu ámbito competencial. A decisión de asumir responsabilidades políticas demorouse mais do razoábel porque o PPdG -promotor, xunto co PSdG que encabezaba Pachi Vázquez, do nomeamento da Valedora dimisionaria- está instalado na inercia de non conxugar o verbo dimitir a menos que se abra unha crise política de certa envergadura.

 

Corina Porro abandonou o CES para dedicar a maioría do seu tempo a reconstruír o PP de Vigo, moi afectado pola desfeita electoral sufrida nas recentes eleccións municipais. No canto de asumir esa tarefa sen ocupar un novo posto institucional, o goberno de Feijóo decidiu que fose a titular da delegación da Xunta na primeira cidade de Galiza, mixturando perversamente o cargo institucional coa función partidaria. Fica pendente a designación da persoa que vaia asumir a presidencia do CES (competencia que lle corresponde ao presidente do goberno galego).

 

Nos últimos anos do mandato de Manuel Fraga, estableceuse un precedente relevante: a elección do Valedor -e de tres vicevaledores- por acordo entre as tres formacións que daquela conformaban a Cámara do Hórreo (PP, BNG e PSdG). Coa chegada de Feijóo instaurouse unha lóxica diferente: o pacto entre populares e socialistas para acadar a maioría cualificada que se require na lexislación vixente (3/5 partes das 75 persoas integrantes da institución parlamentar) substituíu ao desexábel intento de consensuar unha figura desta importancia, na que se puideran sentir representados todos os grupos políticos. Pasou así con Milagros Otero e repítese agora coa nova Valedora elixida. Mais alá da cualificación e talante das persoas seleccionadas, debería primar un criterio pedagóxico sobre a constitución e funcionamento das institucións que configuran o autogoberno galego.

 

O sucedido con C. Porro certifica que o PP carece da vontade rexeneradora precisa para evitar a percepción de que a consecución dunha maioría absoluta lexitima calquera actuación posterior da mesma. Non se quere asumir que vencer -na aritmética parlamentaria- non é o mesmo que convencer.

 *Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.