Ás poucas horas de se coñecer oficialmente a sentenza condenatoria do Tribunal Supremo, Pablo Casado quixo poñer en valor, explicitamente, o feito de que o seu partido fora o promotor da querela presentada polo entón fiscal xeral do Estado -José Manuel Maza, falecido poucas semanas despois- contra os principais dirixentes do independentismo catalán.
Deste xeito, o actual presidente do PP despexou calquera tipo de dúbida sobre o sucedido no outono de 2017. Cando o fiscal Maza promoveu a querela polo presunto delito de rebelión ante o Tribunal Supremo, cabían dúas hipóteses explicativas sobre aquela actuación: que o facía pola súa conta, utilizando a marxe de autonomía que lle concedía o seu cargo institucional, ou ben que procedera a materializar unha iniciativa que contaba, en última instancia, coa complicidade e/ou a aprobación do presidente do goberno, Mariano Rajoy.
Casado certificou, pois, o que diversos analistas viñan afirmando nos últimos anos: a plena xudicialización do contencioso que se dilucidaba no seo da sociedade catalá e que, simultaneamente, condicionaba seriamente a vida política e social do conxunto do Estado español foi a aposta prioritaria tomada polo goberno Rajoy. Carente da vontade necesaria para formular propostas no ámbito político e convencidos de que a progresiva efervescencia independentista era un “ souflé” cunha rápida data de caducidade, os gobernantes do PP buscaron a aplicación do Código Penal nos máximos niveis de dureza posíbeis.
A acusación de rebelión foi a premisa sobre a que pivotou a deriva xudicial. Tanto a instrución do xuíz Pablo Llarena como a posterior petición do fiscal Zaragoza construíron un relato xurídico no que a violencia ocupaba un papel chave para xustificar tres decisións da máxima gravidade: a petición dunhas condenas extraordinariamente duras, a imposición dunha prisión preventiva que non encaixaba coa orixe política dos feitos obxecto da iniciativa penal e a aplicación dunha norma procesual -promovida no seu día para evitar a presenza de acusados de pertenza a ETA nas institucións que se elixen por sufraxio popular- para impedir que Junqueras e outros dirixentes ocupasen os seus escanos nos parlamentos catalán e español.
Os ríos de tinta e as horas de radio e televisión coas que se avalou semellante relato xurídico -co ingrediente engadido do uso do termo “golpistas” para descualificar aos procesados e a obscena comparación co plan deseñado por Tejero e Milans naquel inesquecíbel 23 de febreiro de 1981- ficaron desmentidos coa recente sentenza ditada polo Tribunal Supremo (sen que, por certo, a maioría dos analistas que se apuntaron con entusiasmo á teoría da rebelión recoñecesen o seu erro). Talvez por esa presión política e mediática, a Sala presidida por Marchena estableceu unha máis que discutíbel sentenza por sedición -atribuíndo unha relevancia desmesurada á violencia rexistrada naquelas semanas de 2017, incomparabelmente menor que a que se viu nos últimos días nas rúas de Barcelona- e fixou as penas de prisión na franxa máis elevada que lle permitía esa figura delitiva.
O 10 de novembro achégase cunha incógnita e unha certeza. A primeira: como vai influír a sentenza nos resultados electorais dentro e fóra de Cataluña? A segunda: de todas as formacións políticas de ámbito estatal que se presentan a estes comicios só dúas -Unidas Podemos e Máis País- propoñen fórmulas -aínda moi xenéricas- para atopar unha solución ao conflito catalán que non sexa manter o statu quo ou participar na aplicación do artigo 155.
E unha última interrogante: foi consciente Pedro Sánchez do enorme risco de facer coincidir a repetición electoral co coñecemento da sentenza ou cometeu un gravísimo erro de cálculo? Moi pronto haberá respostas a esta e a outras cuestións pendentes.
*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC.