CARLOS GURMÉNDEZ E CÁNDIDO FERNÁNDEZ MAZAS.-Germán Castro*

Da relación que o xornalista e filósofo Carlos Gurméndez (Uruguay, 1916-Madrid, 1997) tivo cunha parte importante dos intelectuais galegos da época (preferentemente cos irmáns Dieste) Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902-Ourense, 1942), pintor, escritor e ilustrador, é cualificado polo pensador como un amigo especial. De feito dedicoulle un ensaio  publicado por Ediciós do Castro en 1981, primeira edición. A segunda edición, no 1997.

“Con él -escribe Carlos Gurméndez-  podía conversar libremente de cuanto me preocupaba”. Lembra que Mazas faláballe da turbiedade sentimental que domina aos seres, aínda os máis intelixentes e alertábao contra o imperio das emocións escuras “que nos clausuran e impiden la comunicación lúcida”, salientaba o pintor e escritor ourensán.

Fernández Mazas aconselláballe  A Gurméndez que non se abandonara a “seducción panorámica” das cousas e os seres. “Debes pensar con calma, si quieres llegar a conclusiones positivas”, recomendáballe. Gurméndez sinala que grazas a Fernández Mazas comenzou a interesarse pola razón pura que lle axudaría a sintetizar as impresións que lle chegaban do mundo exterior.

Este home, Cándido F. Mazas, é definido por Gurméndez como “un personaje solitario, orgulloso, sediento de amor y amistade, pero incapaz de salir de su ensimismamiento”. Agrega no seu relato que o pintor, a pesar da súa lucidez racional e crítica, padecía unha crecente teima persecutoria. Con todo, desde as fronteiras pechadas do seu ego  puido escribir unha obra dramática, Santa Magorí, historia-soño dun amor romántico inasequible, á que seguiron Cuernos disparatados sobre uns potentados e ridículos personaxes provincianos que coñecera no seu Ourense natal e Los estados mentales y los hechos de Estado, un orixinalísimo ensaio.

Conta Gurméndez que ao estalar a Guerra Civil alistouse voluntario na defensa aérea. Os franquistas collérono prisioneiro en Valencia e un tribunal militar condenouno á morte. O seu pai, militar xa retirado, salvoulle a vida e levouno con el a Ourense. Durante os crueis anos  que seguiron, a pesar de que as etapas de delirio eran cada vez máis, pintou moito, sen descanso. “Murió solitario como vivió”, recalca Gurméndez.

Deixou  inacabados diversos escritos literarios, dos que destaca “Novela de Tierras de Señorío”. Tamén unha das producións plásticas máis importantes -e decoñecidas- da Galiza anterior á Guerra Civil.

Carlos Gurméndez foi na última parte da súa vida un amigo e valioso colaborador do Club de Prensa de Ferrol, entidade que, precisamente, dedicará o “Día da Ilustración” a Cándido Fernández Mazas.

  • Cándido Fernández Mazas nace en Ourense no 1902. Iniciase no debuxo co profesor Fernández Xesta e nas técnicas da pintura con Virxilio. Fai dúas viaxes a París, 1925 e 1927, pensionado pola Deputación de Ourense, onde toma contacto coa vangarda europea. Colabora no diario ourensán “La Zarpa” e leva a dirección artística de “Gaceta de Galicia”, de Vigo. Colabora tamén como crítico ou debuxante, en outras publicacións galegas e madrileñas: «El Pueblo Gallego, de Vigo, «Ronsel», de Lugo, «Nueva España» e «P.A.N», de Madrid, nesta última a partir de 1935, etc. No 1930 publica a obra teatral «Santa Margorí» e no ano seguinte remata a farsa «Los cuernos disparatados2 (ambas editadas por Ediciós do Castro, 1981). Participa nas «Misiones Pedagógicas» desde 1933. Expón na Coruña, Santiago e Madrid. Ao estalar a Guerra Civil colabora en diversas publicacións e loita na fronte, sendo detido en 1939 en Javea (Valencia) ao rematar a contenda. Posto en libertad condicional uns meses despois, volta a Galicia e retirase a Pedrouzo (Castro Caldelas) onde morre.

*Germán Castro, xornalista e coordinador de «Contraposición. República de las Ideas».

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.