MARCHO, QUE TEÑO QUE MARCHAR.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Na lea ésta do Emérito, dos Borbóns e da Coroa haberán concordar comigo que todo  está moi mal organizado. O xefe do estado e o presidente do goberno central sabían dende marzo de 2019 o da comisión dos 100 M€ do rei saudí e ninguén reaccionou até a pandemia, cando Borbón e Grecia  lle quitou ao seu pai a súa participación no orzamento da Casa Real e renunciou a unha herdanza aínda xurídicamente irrenunciábel. Despois, o 18 de marzo último, o xefe do estado declamou un discurso difuso e  baleiro, onde nada dicía da conduta do seu pai.

Pasou o peor da pandemia e Pedro Sánchez pediulle un aceno á Casa Real sen facer, pola súa banda, o que lle cumpría, que era modificar o Real Decreto 368/1987 suprimindo o tratamento vitalicio de Rei (non Rei Emérito) do Borbón e Borbón. Borbón e Grecia executou despois unha tournee territorial deseñada polo seu peor inimigo e, rematada ésta, Borbón e Borbón escríbelle dicindo, en síntese “Filipe, maxestade: marcho que teño que marchar”. Nin pagou o que adebedaba ao Fisco, nin nos  escrebiu, desculpándose,  á cidadanía nin aos  representantes parlamentarios. Despois lisca, porque seica é o que lle cómpre arestora e  aterra en Abu Dhabi (Emiratos Arabes Unidos), famoso polo seu respecto á democracia e ao Estado de Dereito e pertencente ao ámbito territorial de onde-disque- viñeron boa parte das achegas á fortuna presuntamente ilegal do Emérito.

Pregúntolle aos que saben de política se todo este balbordo non será un gravísimo erro dos que dirixen a Casa Real e a Moncloa e un referente galeguista e moderado, con moi importantes responsabilidades pasadas na Xunta respóstame “ Xoán, a fuxida do Borbón , máis que un erro político da Coroa é unha evidencia da incapacidade do Estado español para evolucionar cara fórmulas máis democráticas. É a mafia madrileña. Si o Emérito quixera salvar á Monarquía permitiría que o seu fillo o matara políticamente con honra. Mais dí que non, convencido de que as súas trapalladas eran coñecidas por todos. Velaí que lisque cos honores todos e os demáis a calae, mentres o propio Pedro Sánchez di que non sabe onde está…incríbel!”.

Resólvense deste xeito as diferenzas entre o xefe do estado, o xefe da Casa Real e o presidente do goberno do estado. Mentres, o Tribunal Supremo paralisa a pescuda xudicial a respecto do Borbón e Borbón e usurpa as funcións dos xulgados de vixiancia penitenciaria deixando sen efecto permisos, traballos exteriores e terceiros graos dos presos políticos soberanistas cataláns e a Audiencia Nacional investiga á líder do BNG, Ana Pontón por inxurias á Coroa.

Xa que logo, haberán convir comigo na falla absoluta de transparencia e exemplaridade na Coroa e nas Institucións centrais do Estado español. Unha falla de transparencia e exemplaridade que haberán condenar á Monarquía, máis cedo ca tarde, ao ostracismo. Mais, polo de agora, o Goberno central vai no lote, polo menos da  falla de transparencia.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.