A FUNCIÓN SOCIAL DA PROPIEDADE.-Xesús Veiga

O pasado mes de Abril, transcendía unha nova relevante para a vida de Compostela: o histórico café Derby pechaba as súas portas, despois dunha intensa vida de varias décadas, por mor da xubilación da persoa que rexía a administración diaria deste simbólico establecemento. A partir dese momento, sucedéronse os comentarios sobre o importante papel desempeñado polo Derby como lugar de encontro das elites culturais galegas durante o pasado século e a consecuente preocupación pola eventual desaparición definitiva de semellante referente.

Poucos días despois sóubose que os propietarios do local ofrecen o aluguer do mesmo a cambio dunha renda mensual de 5.500 euros. Seguramente sen pretendelo, esta circunstancia suscita unha interrogante desacougante: estamos no terreo dunha anécdota particular ou podemos falar dun exemplo categórico dos serios problemas que se prantexan no ámbito dos negocios de hostalaría e do comercio no contexto da actual situación de grave crise económica derivada da pandemia? Moito mais, cando -como é sabido- o goberno da Xunta ven de pechar ese tipo de locais durante un mes no ámbito territorial dos concellos galegos con mais poboación.

Non está en causa o recoñecemento legal do dereito de propiedade. Tampouco se trata ignorar o funcionamento da lóxica mercantil e a súa capacidade para contrarrestar as pretensións que formulen os oferentes coas propostas que sexan quen de formular os eventuais demandantes. O que se coloca enriba da mesa con este caso -e con outros acontecidos durante as semanas de duración do estado de alarma- é a existencia -ou non- do esixíbel criterio de responsabilidade social ás persoas físicas ou xurídicas que participan nas relacións económicas. As autoridades políticas e sanitarias afirman, habitualmente, que o éxito na loita contra a pandemia require -ademais do cumprimento da normativa legal vixente- un compromiso activo da cidadanía con aqueles códigos de conduta que resulten funcionais para neutralizar os efectos mais nocivos do virus. Por que non incorporar a esta lóxica de comportamento as prácticas dos propietarios de locais á hora de fixar os prezos dos alugueres para o uso habitacional ou produtivo dos mesmos?

Os impactos da crise sanitaria na vida económica van ter unha duración prolongada. Semellante feito vai requirir cambios significativos nas políticas gobernamentais e no contido das regulacións -por exemplo, dos alugueres dos locais comerciais afectados polas restricións- mais tamén sería preciso promover novos criterios na actuación dos distintos actores que participan no escenario. Xa que logo, non ten sentido que alguén utilice o dereito de propiedade para pedir alugueres astronómicos. Hai algo que se chama función social da propiedade. E que por certo figura no actual texto constitucional.

Xesús Veiga

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.