A «KALE BORROKA» DE ENCE.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Só a medio da represión (ducias de mariscadoras foron prendidas e algunhas botadas ao cárcere) e da vía de feito propias da ditadura franquista foi posíbel a ocupación  no 1958 de grandes e moi produtivas extensións de terreo de dominio `público marítimo-terrestre na ría pontevedresa para construir unha celulosa promovida por unha empresa pública, despois privatizada.Esta celulosa fornecía e fornece dunha primeira transformación ao eucalipto galego, sen que nunca se construise unha integración produtiva con ulteriores transformación que lle desen valor á cadea, como si fixeron outras madereiras. É dicir, os gaños para ENCE e as perdas para os pontevedreses, tanto a xeito dos  gravísimos custos ambientais que xera a celulosa como da servidume de non poder usar estes terreos públicos para outras finalidades social, ambiental, urbanística e económicamente máis úteis.

Dende 1999 Miguel Anxo F. Lores (BNG) é alcalde de Pontevedra, desenvolvendo un proxecto de cidade exitoso. O peche da actividade industrial de ENCE no seu emprazamento actual foi e é parte esencial deste proxecto e da axenda política e social do alcalde, do goberno local e da ampla maioría da ciudadanía pontevedresa que ven anovando o amplo apoio ao BNG e aos seus socios de goberno dende 1999.

Velaí que ENCE declarara a guerra á Cidade de Pontevedra, producíndose nestas últimas datas accións violentas abertamente delictivas que chegaron á agresión física ao Alcalde Lores e outros cargos municipais. Accións que contaron coa comprensión e falla de condena do PP e, quizais, cunha tolerancia policial que adoitamos non ver noutros conflitos.

O goberno Rajoy, de xeito abertamente ilexítímo por estaren en funcións, aprobou hai agora cinco anos unha prórroga até 2073 da concesión de ENCE a respecto dos terreos de dominio  público que ocupa, que ía rematar no verán de 2018. O artigo 18 do proxecto de lei estatal para a Transición Enerxética quere reducir a un máximo de 75 anos as concesión desta caste de terreos de dominio público, co que a concesión de ENCE remataría no 2033.

ENCE tenta estas semanas confundir á opinión pública comparando o seu caso co doutras empresas galegas que si precisan do acceso ao mar e, xa que logo, da supresión deste malfadado artigo 18 deste proxecto lexislativo. Mais ENCE pode trasladar a súa actividade a outro lugar. Outra cousa é que prefira seguer a chuchar sen causa dos recursos públicos e non enfrontar unha lóxica de mercado na retribución dos seus factores produtivos.

ENCE quere tamén asociar o seu problema ao de desinvestimentos que atinxen actividades que si son estratéxicas, como a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao ou a de ferroalacións de Ferroatlántica en Cée. A actividade de ENCE é viábel fóra da Ría de Pontevedra e, no nunca demostrado suposto de non selo, o que cumpriría é un rigoroso plan público-privado para a desmontaxe da factoría, rexeneración dos terreos e desenvolvemento das novas actividades produtivas que enfrontasen os efectos no emprego do eventual peche da factoría de Lourizán.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.