XULGAR DENDE A ESPAÑA PROFUNDA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

A medida cautelar adoptada por unha xuiza de Marbella privando da custodia dunha cativa dun ano á súa nai, unha cidadá galega, causou grande anoxo no noso País, pois que se alicerzaba parcialmente en que a nosa compatriota marchara coa crianza a Torea, no  concello de Muros, supostamente na “Galicia profunda” deixando a cidade andaluza onde até entón vivía. Porén, compre recoñecer (aínda que non veña ao caso do que estamos a escrebir) que existían uns outros motivos na decisión xudicial, algúns moi díscutíbeis e quizais algún outro  digno de certa consideración. En calquera caso é moi grave que esta maxistrada, como cualificada funcionaria investida dun importante poder, amose a súa ignorancia, desleixo, supremacismo e desprezo en doses tan elevadas.

       Amosou a súa ignorancia ao descoñecer que Torea-Muros está a 10 minutos dos bos colexios e Institutos de Muros, comercio de proximidade, centros de saúde  e áreas comerciais de Muros, 20 dos de Noia, 40 de dous campus da terceira Universidade en calidade do Estado (a USC),  e  dos moi ben dotados hospitais do CHUS e a 45 do aeroporto internacional  compostelán  Rosalía de Castro.

       Manifestou o seu evidente desleixo pola pluralidade de camiños vitais dentro dunha sociedade moderna e evoluída ao desprezar a potente rede familiar e amizades de apoio á nai nun habitat como o do rural galego, así como as vantaxes ambientais, culturais e educativas da vida no rural.

        Expresou o seu supremacismo a respecto non só da cidadanía galega, nomeadamente da Galicia rural, senón a respecto das nais-e pais- que escollen, nuns intres vitais tan concretos e especiais como a crianza dunha filla nos seus primeiros meses un réxime de dedicamento preferente ao menor, que subordine os proxectos profesionais a épocas posteriores e multiplique o tempo de atención á cativa durante os primeiros anos da súa vida. Proxecto moito máis viábel a carón dos coidados e axuda material da familia e amizades e nunha contorna cunha vida máis económica e sinxela.

         E  ditaminou o seu desprezo-un desprezo impropio dun alto funcionario dun Estado  democrático- por un obxectivo fundamental europeo, como é dignificar a vida no rural e fixar poboación no territorio non urbano, para acadar un meirande equilibrio enerxético e un desenvolvemento económico sostíbel.

        Son éstas actitudes que os servidores públicos ( e con moitos máis motivos as persoas que ocupan a macistratura) han evitar e para iso, canda os estudos xurídicos, compre abrirse ao coñecemento doutros países, realidades e maneiras de vivirmos a vida.  Doutro xeito seguerán a xulgar, seguerán a xulgarmos, dende a España profunda.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.