CASADO ATRAPADO NO SEU LABIRINTO.-Xesús Veiga*

Poucos analistas dubidan do feito de que a convocatoria anticipada das eleccións ás Cortes de Castela e León non foi a consecuencia directa dunha crise grave de gobernabilidade nesa Comunidade Autónoma senón que foi unha decisión adoptada por Fernández  Mañueco para facer realidade o dobre obxectivo estabelecido por Pablo Casado desde a rúa Xénova: amortecer o papel relevante que vén desempeñando Isabel Díaz  Ayuso e alimentar a idea dun cambio de ciclo electoral que debería finalizar co desexado acceso do líder máximo do PP ao Palacio da Moncloa.

Semellante estratexia supoñía alterar a lóxica que inspirou o nacemento e posterior funcionamento do Estado das Autonomías. As Asembleas lexislativas e os gobernos das CC. AA. teñen como función prioritaria exercer con eficacia e con eficiencia as competencias que foron asumindo ao longo das últimas décadas. Subordinar tal finalidade á consecución dunha vantaxe partidista a curto prazo non se  compadece co respecto que debería existir ás regras non escritas dun sistema democrático de calidade.

Os resultados desta operación electoral non se corresponderon, finalmente, coas pretensións de  Mañueco e Casado. O PP ficou atrapado nunha dependencia plena de  Vox se quere asegurar unha mínima estabilidade gobernamental. Obviamente, esta opción terá consecuencias importantes na dinámica futura da política española e suscita explícitas inquedanzas entre os socios europeos do PP. Os primeiros indicios apuntan a que Pablo Casado non é capaz de atopar unha saída do labirinto no que se meteu.

Algunhas voces están a defender a comenencia dun acordo político entre PP e PSOE que impida a presenza, directa ou indirecta, de  Vox no goberno de Castela e León. Trataríase de aplicar a mesma estratexia que se vén utilizando en Alemaña e Francia durante os últimos anos (e que, por certo, non coincide coa que se practicou en Austria, Italia ou Finlandia). Ocorre, con todo, que, no caso español, non se dan as condicións necesarias para facer viábel tal posibilidade. Nin o PP nin o Partido Socialista serían capaces de asumir o custo dun cambio tan importante porque os datos existentes sobre o estado de opinión actual no seo dos seus respectivos electorados non lles permitirían dispoñer da capacidade de manobra requirida para tal xiro. Circunstancias como o recente intento do PP para impedir a aprobación da reforma laboral do goberno ou o mantemento do bloqueo da renovación do  CXPJ ilustran sobre o clima de máxima tensión que se rexistra entre ambas formacións políticas.

Polo demais, as urnas do pasado domingo permitiron constatar dúas realidades relevantes. Por unha banda, a forza electoral demostrada por algunhas plataformas provinciais ( singularmente “Soria Ya”), confirmando que a vella estrutura  bipartidista segue padecendo unha seria fatiga de materiais. Por outra banda, as malas cifras acadadas por Unidas Podemos semella indicar un certo esgotamento da formación cuxa aparición -fai sete anos- alterou notabelmente o taboleiro político do Estado español. O anunciado e aínda non explicitado proxecto de Yolanda Díaz enfróntase á urxente e incerta tarefa de  refundar o que no seu día espertou grandes expectativas en amplos sectores sociais.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.