O CATIVO BALANCE DE NÚÑEZ FEIJÓO.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Rematou abril coa demisión do presidente da Xunta, que racha deste xeito o compromiso asumido perante a cidadanía galega no verán electoral de 2020, naquela campaña sen siglas do PP, a do “Galicia, Galicia, Galicia”. Foron trece anos e algúns días e deixa tras del catro maiorías absolutas, mais tamén  unha Galicia máis dependente, menos equitativa e máis pobre.

   Núñez Feijóo, como xa teño escrito, asistiu pasivo dende o 2009 ao proceso de deconstrución do subsistema financeiro galego, composto na altura por Caixa Galicia, Caixanova, Caixa Rural Galega e polos Bancos Gallego, Pastor, Galicia e Etcheverría. Asistiu pasivo á merca do Pastor polo Popular  e á merca do Gallego polo Sabadell. Non foi quen de evitar a destrucción das Caixas e mesmo fixo posíbel unha malfadada fusión que contribuiu en parte ao  imparábel proceso de exclusión financeira das nosas empresas e consumidores, que nace do crecente oligopolio bancario e recentralización das decisións de financiamento en Madrid e ao que o Presidente galego asiste dende a total pasividade.

   Malia sermos menos galegos, por mor da falla de resposta reindustrializadora, hoxe hai máis pobres ca no 2009. O 25,7% da poboación estaba en risco de pobreza ou exclusión no 2020. Dende 2017 a pobreza medra no noso país máis ca no conxunto do Estado. No 2008, gobernando PSde G e BNG acadamos o índice de desigualdade máis baixo da historia (0,284 no índice de Gini), mentres que no 2020 este índice era do 0,42. É dicir, durante o tempo de goberno de Núñez Feijóo e malia a redución da poboación en termos absolutos, medrou a desigualdade case nun 50%.

   Como tamén escrebín na pasada campaña electoral de 2020 o mito do bo xestor non se ten de pe. Mil camas menos na sanidade galega dende 2009. No 2019 eramos o terceiro territorio do Estado con menos camas hospitalarias (3,14/1000 residentes), sendo a nosa ratio de camas UVI de 5,88/100.000 habitantes, fronte as máis de 13 de Alemaña e 8,2 do conxunto do Estado. Nos servizos sociais non se creou unha soa praza pública de residencias da terceira idade, abandonando o coidado dos nosos maiores dependentes en multinacionais orientadas ao beneficio económico.

   O noso índice de investimento en I+D+i é dos máis baixos da Europa (0,84% PIB). Non existiu política industrial nin existiu crédito público orientado ás nosas empresas nestes trece anos. IGAPE e XESGALICIA foron claramente infrautilizados, mentres entre 2009 e 2014 perdíamos todo o emprego industrial creado entre 2000 e 2008. .

  Núñez Feijóo actuou máis como contábel ou como presidente dunha comunidade de veciños (como ven de escrebir Antón Losada) que a xeito de Presidente dun país. Iso si, amosou ser o o mellor  facéndolle oposición á oposición e botándolle as culpas aos demáis.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.