Homenaxe nacional a González Mariñas.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Pablo González Mariñas é unha personalidade senlleira na historia política contemporánea de Galicia. Deputado entre 1981 e 1990, voceiro parlamentario de Coalición Galega (1983-1986) e secretario xeral do PNG-PG (1987-1990), foi actor moi relevante da moción de censura de setembro de 1987 e no goberno tripartito (PSdeG-CG-PNG) que se constituiu de seguido foi conselleiro da Presidencia e voceiro do Goberno. Na súa gobernanza priorizou a construción nacional e  institucional deste país, promovendo a lei de coordinación das Deputacións (co seu horizonte posto na provincia única para Galicia) que logo conxelou Fraga Iribarne no 1990.

   Creou tamén a Escola Galega da Administracion Pública para garantir un emprego público eficaz, moderno e formado dende criterios de país e autogoberno e foi o autor da lei da función pública de 1988, que estableceu regras claras para a construción da Administración Pública galega, rachando coa improvisación e parcialidade dos gobernos de Fernández Albor. Deulle un pulo fulcral ao deseño normativo da Valedoría do Pobo e do Consello de Contas  Promoveu tamén a creación da Policía Autonómica, mais o ferreño neocentralismo do PSOE e PP estatais e a frialdade dos socialistas galegos freou esta  iniciativa. As mesmas forzas que conxelaron a Policía de Galicia e frearon a iniciativa da trasferencia de tráfico do vicepresidente Anxo Quintana no 2009-2010.

   González Mariñas combinou o nacionalismo político do PG republicano, no que militara o seu tío Jenaro Marinhas del Valle, cunha modernidade de estilo e mensaxe e unha grande capacidade de empatía negociadora e se decatou axiña de que o galeguismo non podía ficar ausente da tarefa de encher de contido o autogoberno e as institucións autonómicas a medio do desenvolvemento do Estatuto. Un desenvolvemento estatutario ao que lle dedicou moitos esforzos entre 2005 e 2009, cando volveu ser deputado (esta vez polo BNG atendendo o convite que lle fixo entón Anxo Quintana) e traballou de xeito teimudo por un novo Estatuto de Nación, frustrado pola defección do PP dun  Núñez Feijóo que amosaba xa que o seu principal obxectivo non era Galicia senón facer carreira en Madrid.

  Para Mariñas Galicia é a medida das cousas e o referente da súa cosmovisión. E, como moitos outros patriotas, sacrificou un despexado fururo político para ficar sempre no ámbito do galeguismo político, refugando os cantos de serea dos partidos estatais á esquerda e á dereita.

  Velaí, canda o seu contributo como xurista, universitario e autor literario, as razóns polas que dende a sociedade civil se lle fará este venres 8-X unha merecida homenaxe. Porque as nacións que basean a xeito a súa convivencia e acreditan no seu futuro saben recoñecer aos seus construtores.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.