A IMPORTANCIA DO AUTOAPREZO.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O PP de Baiona ven de amosar o seu rexeitamento á actuación de Quico Cadaval en galego facendo parte do programa cultural de verán do concello onde chegou no 1493 a nova do descubrimento de América. De primeiras os populares miñoranos mesmo alcumaron ao galego de dialecto (despois rectificarían diante da enxurrada de críticas recibidas), considerando que a nosa lingua é axeitada para outras épocas do ano, mais non para o verán porque-disque- hai moitas segundas residencias na área ocupadas por persoas do resto do Estado.

            Quico Cadaval é un artista monolingüe en galego nas súas actuacións na Galicia. Baiona é un concello de Galicia e o galego é a lingua propia do mesmo, como tamén do País todo. Moitas persoas galegas, portuguesas ou doutros Estados residen en Baiona na época das férias estivais. Canto ás persoas do resto do Estado que residen nesta época do ano, suponse que están vencelladas á vila e ao concello por vínculos de empatía e afección. É dicir, residen recorrentemente en Baiona todos os veráns porque gostan da contorna, da paisaxe e do clima. Porque gostan da xente de Baiona e da súa gastronomía. Porque gostan da nosa cultura, o que supón gostar (ou polo menos respectar) a nosa lingua. Unha lingua que, ademáis, é medianamente comprensíbel para calquera persoa castelánfalante.

            O turismo é unha actividade económica fulcral na economía galega, de Baiona e de toda a bisbarra miñorana. Mais Baiona non é un parque temático. O turismo intégrase aquí a medio de políticas que poñen en valor os seus recursos ambientais, paisaxísticos e culturais. Quen adoita residir  en Baiona nos veráns entende e valora a nosa lingua e a nosa cultura, como o facía Gonzalo Torrente Ballester parolando nos seus faladoiros de mañá con Carlos Casares ou con D. Paco Fernández del Riego.

            A actitude do PP de Baiona ten, na nosa lingua,  un rechamante adxectivo que a cualifica. Eu sonlles máis de suxeito, verbo e predicado ca de adxectivos e velaí que me limite a dicir que unha tal  actitude proxecta un grandísimo complexo de inferioridade e unha moi potente falla de autoaprezo. Porque co galego estamos no mundo. Co galego somos quen a descrebir calquera proceso ou concepto científico ou  técnico  e a crear calquera produto cultural.

               Ocorre que o PP, deste xeito, despreza centos de milleiros dos seus electores que naceron e se desenvolveron en galego. Despreza o ADN da galeguidade que disque reivindican. Desprezan, como ben cantou Celso Emilio Ferreiro, a fala nai, a fala dos avós que temos mortos.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político  

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.