CÓMPRE SUBIR OS TIPOS DE XURO?.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Neste mes de agosto tiven a ocasión de partillar co profesor Miguel Anxo Bastos (USC) dous faladoiros da actualidade na Radio Galega conducidos pola xornalista Silvia Pereira. E nas dúas ocasións, canda outros temas de actualidade, xurdiu o das medidas antiinflacionarias. Bastos confía nas medidas clásicas de restrición da liquidez e suba dos tipos de xuro, xa desenvolvidas en xullo polo Banco Central Europeo (BCE) e antes pola Reserva Federal dos USA e os Bancos Centrais suizo e xaponés. Eu, sen negar que existan xa algúns elementos de inflación na demanda post-covid, sigo a pensar que a actual inflación xorde nomeadamente dos graves desaxustes da oferta xerados pola queda produtiva da pandemia.

    Semella que esta miña percepción, que contraría en parte opinións tan alicerzadas como a do profesor Bastos, conecta coa recentísima opinión (24-A) do antigo  economista-xefe  do Banco Mundial o profesor Joseph Stiglitz. Cando hai quen desconta xa para o vindeiro setembro  unha suba de 0,5 pontos do tipo de xuro do BCE (a lle engadir á suba doutro tanto neste último xullo), Stiglitz advirte que pode ser peor o remedio ca a doenza. Advirte que, en realidade, sofrimos unha inflación xerada sobranceiramente polas restricións da oferta de alimentos, compoñentes electrónicos e enerxía, polo que subir os tipos de xuro non atende á raíz do problema e mesmo pode agravalo. As restricións de acceso ao financiamento dificultarían a implementación dos investimentos precisos para resolver eses estrangulamentos da oferta.

 No caso do noso País, Galicia, as restricións crediticias dificultarían o proceso de reindustrialización e reagrarización que precisa a nosa economía e mesmo os investimentos en dixitalización, enerxía e habitabilidade que constitúen obxectivos fulcrais dos Fondos Next Generation da Unión Europea. Co que podemos enfrontar a treboada perfecta dunha inflación sen corrixir (malia a case segura queda substancial do consumo) á que se lle engadiría unha recesión no PIB que xere desemprego, redución da recadación fiscal e, xa que logo, necesidade ulterior de transferencias para pagar máis prestacións e subsidios sociais e  máis  xuros da débeda pública.

 Cómpre, pois, esixir prudencia dos dirixentes do BCE (que non respostan politicamente diante do Parlamento Europeo)  e lembrar, como ten dito o economista galego Marcelino Fernández Mallo, a necesidade cando menos de manter canles privilexiadas de financiamento para eses proxectos estratéxicos de reindustralización, infraestruturas, dixitalización e reagrarización. Porque unha segunda edición do austericidio de 2010-2013 xeraría uns custos non aturábeis  para as clases medias e traballadoras.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.