TODO O PODER PARA TRUMP

A lóxica expectación creada arredor das eleccións celebradas este pasado día 5 nos Estados Unidos xa ten un desenlace práctico. Donald Trump regresa á Casa Branca cun poder absoluto: ademais de conseguir a vitoria fronte a Kamala Harris (nesta ocasión, obtendo tamén unha maioría de votos populares), ten asegurado o control da Cámara de Representantes e do Senado e segue mantendo a coñecida maioría de membros do Tribunal Supremo. Xa que logo, os tres poderes que configuran a clásica estrutura dos sistemas democráticos fican nas mans dun político que ten reconvertido o tradicional Partido Republicano norteamericano nunha formación populista (MAGA) configurada ao servizo do seu liderado autoritario.

Para tratar de explicar completamente a vitoria de Trump convén atender aos primeiros datos que se están coñecendo sobre o comportamento que tivo o electorado. Polo que se ve, Harris ficou por debaixo das expectativas de apoio entre as mulleres, as persoas novas e as de orixe latina. Neses tres segmentos Trump medrou a respecto das cifras que tiña acadado hai catro anos, recollendo un sumatorio heteroxéneo de malestares presentes nunha boa parte do corpo social. Sábese, ademais, que houbo una menor participación que no 2020 (uns 20 millóns menos de votantes) e que, previsibelmente, tal circunstancia penalizou primordialmente a Harris por ser a herdeira do desgaste padecido pola Administración Biden (singularmente no ámbito económico, por mor do medre da inflación). E tamén se pode afirmar que Trump non era un descoñecido para a sociedade norteamericana. Ademais da liña seguida durante a súa anterior presidencia, promoveu a invasión golpista do Capitolio rexistrada en xaneiro de 2021, está condenado pola comisión de diversos delitos e fixo unha impúdica exhibición de machismo, negacionismo climático, odio á inmigración e uso reiterado das «fake news» durante a súa prolongada campaña electoral. A conclusión é moi preocupante: o corpo electoral sabía o que lle ofrecía este candidato e, maioritariamente, decidiu darlle a oportunidade de controlar todo o poder político.

Mais alá da análise sobre o comportamento do electorado (por sexo, por idade, por orixe étnica, por nivel de riqueza) é preciso engadir un factor explicativo relevante: os graves erros cometidos polo aparato dirixente do Partido Demócrata e, particularmente, polo presidente Biden. O papel diluído desempeñado por Harris na vicepresidencia, a demora na definición dunha candidatura demócrata e o apoio á política criminal do goberno de Israel puideron desmobilizar a unha parte dos votantes potenciais na conxuntura de máxima igualdade que reflectían a case totalidade dos estudos demoscópicos.

Os resultados desta cita electoral admiten dúas lecturas diferenciadas aínda que complementares: os efectos que poden causar na estrutura política e social norteamericana e os eventuais impactos no resto do mundo.

No interior dos USA, é previsíbel que Trump insista nas políticas que afondan na ruptura dos hipotéticos consensos básicos invocados polos seus antepasados republicanos. A súa é unha lóxica rupturista que asume a máxima polarización como algo naturalmente asociado aos seus obxectivos políticos. O seu mandato vai permitir medir a dimensión e a intensidade dos contrapesos existentes nos tecidos institucional e social norteamericanos. Dominando os tres poderes da arquitectura constitucional (lexislativo, executivo e xudicial) e tendo o apoio explícito e militante de Elon Musk (o multimillonario propietario dunha das operadoras mais influínte no mundo das redes de comunicación), a pregunta está servida: ate que punto serán capaces de neutralizar as derivas antidemocráticas aquelas empresas mediáticas convencionais (na prensa, TV e radio) que manteñen posicións críticas co novo inquilino da Casa Branca?

No escenario internacional, o trunfo de Trump vai orixinar algunhas consecuencias significativas a curto e medio prazo: apoio total a Netanyahu para que complete a limpeza étnica no territorio palestino; buscar un acordo con Putin para establecer unha saída á intervención militar rusa en Ucraína que supoña unha alteración parcial das actuais fronteiras deste Estado; maior belixerancia económica con China e coa UE, aplicando medidas fiscais que dificulten e/ou encarezan as exportacións de produtos ao territorio norteamericano. A Europa comunitaria vai ter que aturar, a partir de agora, un novo problema: como respostar de xeito unitario a este novo desafío cando existen algúns dirixentes -Orban, Meloni…- que proclaman a súa total sintonía co novo zar de Washington.

Finalmente, a vitoria da ultradereita norteamericana certifica a existencia dunha onda reaccionaria global que vai alimentar ás forzas que profesan un ideario semellante en Latinoamérica e no continente europeo. Dende Bolsonaro e Milei ate Abascal e Le Pen existe un amplo catálogo de aspirantes a espallar este perigoso virus da intolerancia fascista. Se hai 40 anos, Reagan e Thatcher protagonizaron unha involución conservadora, o ciclo actual dáse nun contexto xeopolítico diferente (por exemplo: non hai o bloque «alternativo» encabezado pola URSS) que pode favorecer o agravamento dos seus efectos.

Nos vindeiros anos, as esquerdas van ter un reto de grande envergadura para o que, desgraciadamente, non semellan estar aínda suficientemente preparadas.

Xesús Veiga

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en TODO O PODER PARA TRUMP

O PODER DESTRUTOR DO ESTADO DE ISRAEL

Realizar análises sobre os acontecementos rexistrados dende o 7 de Outubro de 2023 nos territorios de Gaza, de Cisxordania e, mais recentemente, do Líbano, require asumir a incomodidade de formular xuízos explicativos racionais sobre unha inxente acumulación de perdas de vidas humanas e destrución de recursos materiais imprescindíbeis para asegurar a existencia digna de milleiros de persoas.

Falando con rigor, o que está pasando nesa zona xeográfica non é totalmente novidoso aínda que presenta algunhas características non coñecidas anteriormente. O conflito entre o Estado de Israel, Palestina e distintos países árabes ten unha notoria lonxevidade histórica. Como é sabido, un dos puntos de partida dese enfrontamento foi o propio nacemento do Estado israelita -despois do remate da segunda guerra mundial- mediante o desprazamento e marxinación da comunidade palestina.

Durante varias décadas, sucedéronse confrontacións bélicas no contexto da bipolaridade xeopolítica entre os USA e a URSS. Israel contou sempre co apoio loxístico, financeiro e político da grande maioría do bloque occidental e, nalgunhas ocasións, beneficiouse indirectamente da insuficiente unidade protagonizada polos diferentes Estados árabes. A pesar da existencia de varias resolucións adoptadas pola ONU, os gobernantes israelitas non cumpriron consecuentemente co que se estipulaba nos mandatos do organismo que, paradoxalmente, promovera a propia existencia oficial do Estado que presidían.

Coa perspectiva que proporciona o tempo transcorrido, poderían sinalarse algúns dos mais relevantes elementos comúns que se teñen constatado durante todos eses anos: 1) o uso da violencia como ferramenta prioritaria das autoridades de Israel para manter ou mudar unha determinada correlación de forzas naquela contorna xeográfica, subordinando as iniciativas diplomáticas á evolución das accións militares; 2) o apoio básico da Administración norteamericana (encabezada polo Partido Republicano ou polo Demócrata) ás liñas fulcrais adoptadas polos dirixentes israelitas nas distintas fases dos enfrontamentos bélicos; 3) a incapacidade da UE para definir unha política común e autónoma sobre o conflito por mor das importantes diverxencias entre os seus Estados membros; 4) o fracaso da ONU para facer valer o contido das sucesivas relacións aprobadas condenando as violacións da legalidade internacional cometidas polo Estado de Israel.

Dende Outubro do ano pasado foron tomando corpo novas realidades neste vello conflito. Destaquemos algunhas: 1) conformación do goberno mais extremista en Israel cunha actuación práctica guiada por unha lóxica xenocida contra a poboación de Gaza; 2) perda de protagonismo da Autoridade Nacional Palestina (a prolongación histórica da OLP) no deseño da estratexia de confrontación coas políticas de Netanyahu e ratificación de Hamás e Hezbolá como referentes principais da resistencia contra o expansionismo sionista; 3) esmorecemento do papel desempeñado hai 30 ou 40 anos por unha boa parte dos Estados árabes de maior peso específico, e constatación da decisiva influenza da República Islámica de Irán -que está construída sobre unha arquitectura legal que violenta gravemente os dereitos básicos das mulleres- nos grupos armados que combaten nos territorios palestinos e no Líbano.

A dupla circunstancia derivada da práctica desaparición de Iraq, Siria e Libia como Estados consistentes (que, polo demais, carecían dunha adscrición oficial a unha das relixións presentes na rexión) e do grande debilitamento experimentado pola OLP (unha organización laica apoiada, entre outras, por distintas formacións da esquerda occidental) ten favorecido o reforzamento da hexemonía do Estado de Israel. O nivel de impunidade co que está actuando Netanyahu nos últimos meses é consecuencia desa nova correlación de forzas que se engade á tolerancia cómplice das

autoridades norteamericanas, á inhibición de varios países da UE e á impotencia demostrada polos organismos internacionais.

Estamos asistindo a unha insoportábel e obscena demostración do poder destrutor dun Estado cuxos dirixentes creen estar lexitimados pola vontade do seu Deus e pola historia. Non sabemos se as sociedades que están sendo vítimas dese poder fanático van ser quen de parar a deriva actual e conseguir -co apoio solidario de amplos sectores da comunidade internacional- unha nova orde na que podan convivir pacificamente todas as nacións e relixións que habitan aquelas terras.

Xesús Veiga

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en O PODER DESTRUTOR DO ESTADO DE ISRAEL

LA CATASTRÓFICAA POLITICA DE LA CATÁSTROFE.

La enorme tragedia de Valencia y de algunos otros lugares, provocada por un fenómeno meteorológico extraordinario, trajo consigo, una enorme tragedia humana, con efectos inmediatos de muerte, incertidumbre, pérdida de pertenencias, destrucción del paisaje y de las infraestructuras, con el consiguiente oscurecimiento de un futuro, que se torna difícil por imprevisible.

Las imágenes, transmitidas en tiempo real, son bien elocuentes, como expresión de los efectos de lo sucedido. El riesgo de percibirlas como un espectáculo, por reiteradas y aparatosas es algo que está ahí y que deberíamos conjurar, para poder interiorizar con visión humanitaria, el sufrimiento de quienes resultaron involuntarios e incluso trágicos protagonistas.

Pero esta sociedad del espectáculo, necesita de esa inmediatez volátil y cambiante, que mantenga viva la pulsion ávida de lo permanentemente novedoso.

En este contexto y sin que resulte novedoso, el ejercicio del poder institucional, en su manifestación pública, se converte en “escaparate” inevitable de lo que sucede en lo cotidiano, pero amplificado y desmesurado, en consonancia con el tamaño de la tragedia.

Con esta actitud, se da la impresión de que la mas importante dimensión de una tragedia, no es su repercusión humana, sino los aspectos que guardan relación exclusiva con el ejercicio del poder. ¡Tragedia espectacular que difumina la tragedia real!

¿Quiere ello decir, que la gestión de la catástrofe ha de ser ajena a todo control político? En absoluto. Deberán analizarse todos y cada uno de los aspectos de la gestión pública de la crisis, con rigor y minuciosidad extremos, no solo para determinar las responsabilidades de cada quién, sino también para procurar en el futuro, mejorar la eficacia del servicio público que se debe a la ciudadanía.

Pero cada tarea, tiene su tiempo y todavía es el tiempo de la sensibilidad humanitaria, de la solidaridad, de la unidad en la acción y en los objetivos pero sobre todo de centrar la atención en quienes sufren y van a seguir sufriendo las consecuencias de un fenómeno natural que no por inevitable deja de requerir la intervención de la autoridad pública, para minimizar sus efectos.

Recuperar vidas salvables, facilitar la vida de los supervivientes, recuperar fallecidos para limitar el duelo, recuperar las infraestructuras vitales; esta debería ser la tarea prioritaria, cooperando, uniendo esfuerzos incluido el de coordinación y ofreciendo a la ciudadanía una imágen creible de que lo verdaderamente importante es la ciudadanía y los problemas que afligen y perturban profundamente a los ciudadanos.

Ya vendrá el tiempo de analizar con visión de conjunto, no solo la gestión de la crisis concreta, sinó las estrategias a medio y largo plazo, que de acuerdo con los datos científicos disponibles, permitan planificar mejor, buscar soluciones paliativas para lo consolidado y mejorar los protocolos y medidas para nuevas probables crisis, pero de momento, queda todavía un largo y doloroso camino, que requiere mas humanidad y menos oportunismo.

Queda recuperar todos los muertos posibles, garantizar la vida de los damnificados, recuperar unas infraestructuras gravemente dañadas, en definitiva, recuperar en los territorios afectados, la anhelada normalidad. Este es el lado humanitario, prioritario para una ciudadanía gravisimamente afectada, que debería serlo también para las autoridades e instituciones públicas.

¿Crítica y búsqueda de responsabilidades en la gestión? Naturalmente, tan profunda y rigurosa, como requiere la dimensión de la tragedia, pero tan alejada del espectáculo, como requiere el sosiego para que los resultados sean fiables y sus consecuencias efectivas.

En este momento, toda utilización espectacular de la tragedia, con acusaciones de trazo grueso e intenciones de baja estofa, representan un desprecio para los seres humanos y un ejemplo indigno de los que se dicien servidores públicos.

Me quedo con los múltiples ejemplos de solidaridad ciudadana y con la actuación abnegada de los diversos cuerpos de funcionarios públicos, que empeñan y comprometen su vida en las tareas humanitarias urgentes.

Lo otro, ya se que es predicar en el desierto, pero es lo que creo.

Jesús Penedo Pallas

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en LA CATASTRÓFICAA POLITICA DE LA CATÁSTROFE.

A OBSESIÓN VENEZOLANA DO PP 

Non se pode descoñecer a crecente importancia das dinámicas que se rexistran no escenario internacional na evolución da situación social e política dunha parte relevante dos Estados actualmente constituídos. Cando se vivía nun mundo basicamente bipolar, a lóxica da confrontación entre o bloque encabezado polos USA e o que pilotaba a URSS diminuía substantivamente a marxe de autonomía das políticas desenvolvidas no seo dos distintos países dun ou doutro bloque. Hai 40 ou 50 anos, todo resultaba mais previsíbel e a grande maioría dos gobernos xa tiñan codificadas as respostas que debían dar aos feitos que acontecían na area internacional. 

O que está sucedendo nas últimas semanas no ámbito do Estado español como consecuencia das eleccións celebradas en Venezuela no pasado mes de Xullo constitúe unha evidente anomalía por canto soborda os limites habituais dos impactos de sucesos exteriores na política interior española. Esta circunstancia excepcional deriva da conxunción de dúas realidades. Unha: a opción tomada polo PP -dende hai anos- en favor da conversión da situación venezolana nun elemento prioritario da estratexia de desgaste daquelas formacións de esquerda que manifestaron distintos graos de simpatía coa «revolución bolivariana» promovida por Hugo Chávez no comezo do presente século. E outra: a negativa do goberno de Nicolás Maduro a publicitar as actas electorais que permitirían certificar o resultado dos comicios. 

A coincidencia desta obsesiva campaña do partido de Feijoo coa ampliación ao Líbano da política de exterminio practicada por Netanyahu en Gaza constitúe unha demostración da fonda hipocrisía coa que actúa esta formación política. Se o comportamento do goberno de Maduro merece o máximo reproche dos dirixentes do PP, por que non condenan o impúdico exercicio de terrorismo que está desenvolvendo o Estado de Israel? Por que é mais grave non publicar as actas electorais en Venezuela que enviar explosivos nos dispositivos de comunicación que utilizan membros dalgunhas organizacións islámicas en territorio libanés? 

No tempo que leva presidindo o PP estatal, Núñez Feijoo ten amosado un volume notábel de silencios e incongruencias no ámbito da política exterior. Un exemplo recente e moi significativo é a carencia dun pronunciamento explícito sobre as súas preferencias nos transcendentais comicios norteamericanos do vindeiro 5 de Novembro: aposta por Kamala Harris ou prefire -como a súa compañeira Ayuso- a vitoria de Trump? A belixerancia actual sobre a situación venezolana non se compadece coa implícita aceptación que practicou no seu momento a respecto das relacións que mantivo un dos seus pais políticos mais sobranceiros -Manuel Fraga- con Fidel Castro e co dirixente libio Gadafi. Como explicaría hoxe aquelas chamativas familiaridades despregadas polo fundador de AP? En realidade, é inútil buscar coherencia nos sucesivos posicionamentos  de Feijoo (nesta materia ou noutras): o «camaleonismo» forma parte intrínseca do seu comportamento político. 

O sucedido nas eleccións venezolanas ten suscitado un certo nivel de polémica no universo situado á esquerda do PSOE. As críticas formulada por algúns destacados dirixentes das esquerdas latinoamericanas (Lula, Petro, Boric e López Obrador) e a reclamación dunha completa transparencia no coñecemento das actas que permitan constatar a verosimilitude dos resultados anunciados por Nicolás Maduro non atoparon comprensión e apoio nalgunhas forzas galegas e estatais que se proclaman defensoras de horizontes de transformación democráticas para as sociedades de América Latina. O apoio acrítico ao goberno de Maduro neste asunto relevante non ten unha xustificación convincente e orixina unha lamentábel perda de credibilidade destas organizacións de cara ao futuro. 

Conseguirá o PP, finalmente, obter o rédito electoral que busca coa utilización da situación en Venezuela? Non se pode afirmar, con seguridade, que acadará en todos os territorios do Estado ese obxectivo insistentemente pretendido. O que se pode afirmar é que está arruinando a súa capacidade para contribuír a unha saída negociada do complicado conflito social e político que se vive naquel pais latinoamericano. 

Xesús Veiga 

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en A OBSESIÓN VENEZOLANA DO PP 

CONTINUIDADE OU CAMBIO NA ACTUACIÓN DO CXPX ? 

A principal novidade que se rexistra no comezo deste curso político radica na definitiva conformación dun Consello Xeral do Poder Xudicial renovado na súa composición e, singularmente, na elección dunha maxistrada como presidenta do organismo. 

Agás na dereita política, mediática e xudicial, existe un diagnóstico compartido a respecto da grave anomalía antidemocrática padecida polo CXPX: foi unha estratexia política deliberada do PP a que provocou o bloqueo, dende hai mais de 5 anos, dos nomeamentos do Consello esixidos pola lexislación vixente. O motivo da negativa do principal partido da oposición semella evidente: a conservación do poder por parte do sector conservador no cumio do poder xudicial para, dese xeito, controlar os nomeamentos previstos nos tribunais, especialmente no Tribunal Supremo. Unha das probas mais contundentes da grave adulteración vivida nos últimos anos tivo lugar cando transcendeu -no mes de Outubro de 2022- a inminencia dun acordo de Feijoo coa dirección socialista sobre esta cuestión: unha portada do xornal «El Mundo» avisando do descontento que tal pacto suscitaba no seo do PP e na dereita xudicial meteu o medo no corpo do máximo dirixente do partido e arruinou a posibilidade que se tiña aberto despois de semanas de negociacións segredas. Escarmentado polo sucedido e incapaz de facer valer o seu teórico liderado, Alberto Núñez agardou a que os resultados das urnas do mes de Xullo de 2023 lle permitisen seguir controlando o CXPX. Ante o fracaso electoral e a presión de xuíces e maxistrados que vían perigar as súas carreiras profesionais pola prolongada paralización do órgano de goberno xudicial, aceitou desbloquear a situación e permitir a formalización dun novo Consello. 

Dúas circunstancias inéditas concorreron na apertura do ano xudicial. Por primeira vez unha muller acada a presidencia do Consello Xeral e do Tribunal Supremo, revelando a evidencia de que nos atopabamos ante un exemplo paradigmático do «teito de cristal»: a presenza maioritaria de xuízas e maxistradas na base da pirámide xerárquica non se correspondía co mantemento dun dominio masculino no cumio da estrutura dirixente. Por outra banda, Isabel Perelló -a nova presidenta- pertence á Asociación «Xuíces e Xuízas pola Democracia», a principal -aínda que minoritaria- referencia progresista na xudicatura e que levaba moito tempo afastada de postos desta relevancia institucional. 

Nas súas primeiras declaracións, a nova presidenta considerou necesario alertar sobre o perigo dun eventual control pretendido polos poderes lexislativo e executivo. Certamente, tal prevención resulta congruente coa filosofía básica que debe presidir o funcionamento dun sistema democrático, moito mais se tal consideración é realizada por unha representante do sector xudicial mais comprometido co fortalecemento dunha democracia de maior calidade. Poren, sería pertinente sinalar, de xeito complementario, o risco dunha inxerencia de sectores xudiciais conservadores na actuación dos restantes poderes do Estado. A historia da última década presenta casos moi ilustrativos desta inaceptábel pretensión: o mais recente foi a celebración de concentracións de maxistrados (mesmo cos seus uniformes protocolarios) na porta dalgunhas Audiencias para expresar a súa oposición ao proxecto de lei de amnistía cando estaba sendo debatido no Congreso dos Deputados. O listado dos casos «anómalos» é mais amplo: o xuíz recentemente xubilado, García Castellón, instruíu diversas causas contra dirixentes de Podemos que ficaron arquivadas por falta de probas solventes. O xuíz Peinado está realizando unha pintoresca e abusiva instrución para tratar de imputar a Begoña Gómez e, de paso, erosionar a Pedro Sánchez. 

Todas estas actuacións xudiciais non terían moito impacto de non mediar a participación activa dunha parte do que se ten denominado «o cuarto poder»: medios de comunicación tradicionais e/ou dixitais que buscan crear un efecto multiplicador sobre sectores da opinión pública que toman por definitivas o que só constitúen dilixencias procesais provisionais. 

O novo CXPX deberá demostrar, nos vindeiros anos, que non se vai repetir o espectáculo vivido cos seus antecesores. Acreditar, ao cabo, que a independencia das persoas integrantes da xudicatura non é unha coartada para xustificar unha interferencia sobre o poder lexislativo que constitúe, como é sabido, o corazón dun sistema democrático. 

Xesús Veiga 

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en CONTINUIDADE OU CAMBIO NA ACTUACIÓN DO CXPX ? 

UN NOVO CICLO POLÍTICO EN CATALUÑA

O resultado das eleccións ao Parlament de Cataluña do pasado 14 de Maio certificou un feito moi relevante: por primeira vez, dende hai mais dunha década, non existe unha maioría de escanos independentistas nesa institución representativa. Xa que logo, o cadro parlamentar derivado das urnas só podía ter dúas saídas: ou existía un acordo entre o PSC, os Comúns e algunha das formacións independentistas mais numerosas (Junts e ERC) ou era necesario acometer a repetición dos comicios no mes de Outubro.

Nas conversas e negociacións rexistradas nas últimas semanas constatouse que Junts só aceitaba a hipótese de que o PSC permitira a investidura de Puigdemont, sacrificando a candidatura de Illa, a cambio do apoio dos deputados e deputadas de Junts no Congreso ao goberno que preside Pedro Sánchez. Ante a inviabilidade dun pacto baseado en semellante proposta, a formación herdeira da vella Convergencia (CDC) apostou por unha repetición electoral que, aproveitando a posición belixerante do Tribunal Supremo contra a aplicación integral da lei de amnistía aprobada no Parlamento estatal, provocase un maior debilitamento de ERC.

A actuación desenvolvida por Puigdemont o día da investidura de Salvador Illa ilustra significativamente sobre a combinación de factores que están operando na política catalá. Partindo da arbitraria e antidemocrática decisión adoptada polos xuíces do Tribunal Supremo encargados de aplicar a lei de amnistía, a máxima cabeza visíbel de Junts deseñou unha estratexia que tiña como obxectivo principal desacreditar o labor dos responsábeis políticos do goberno de ERC encargados da xestión dos Mossos de Esquadra. Incumprindo a súa promesa de participar na sesión de investidura aínda que tivera que pagar o prezo dunha eventual detención, o ex-president da Generalitat demostrou a súa desconexión coa actual realidade social catalá (o número de asistentes ao seu acto foi moi inferior ao que resultaba habitual en convocatorias anteriores) e a súa renuncia a unha política construtiva en favor dunha maior unidade dos distintos segmentos independentistas.

O acordo entre PSC, ERC e Comúns ten propiciado a investidura de Salvador Illa e o comezo dunha nova andaina no goberno da Generalitat despois de sucesivos executivos encabezados, dende o ano 2010, polos nacionalistas Artur Mas, Carles Puigdemont, Quim Torra e Pere Aragonés. Estamos, pois, ante a materialización dun cambio de ciclo: por primeira vez, dende que no ano 1980 comezaron a funcionar as institucións contempladas no Estatut, non hai presenza gobernamental de forzas nacionalistas aínda que si figuran persoas que foron ou son referentes nese espazo político. Nun futuro non moi lonxano podería conformarse un tripartito coa explícita participación de ERC e Comúns. Polo momento hai un compromiso común de carácter programático que pivota, prioritariamente, sobre un novo financiamento público da Generalitat e a posta en práctica de medidas en materia lingüística.

Cando se concreten algúns aspectos pendentes de cuantificación poderán analizarse, con rigor, as consecuencias deste pacto no financiamento das restantes CC.AA. Mentres, resulta indiscutíbel a dimensión política singular do sucedido. Despois de mais dunha década de máxima polarización política en Cataluña por mor da incapacidade para atopar puntos de encontro entre as forzas partidarias e contrarias a un proceso de independencia, hoxe semella que se pode abrir un camiño compartido por sectores de ambos universos. Non haberá, a curto prazo, un referendo decisorio sobre a constitución dunha Cataluña independente pero tampouco existirá un continuísmo puro e duro das políticas practicadas polo PP até o ano 2018.O que latexa no fondo do acordo subscrito por PSC, ERC e Comúns é unha nova lectura do texto constitucional mais congruente co carácter plurinacional do Estado e mais ambiciosa nos contidos do sistema de autogoberno deseñado nesa

norma. Certamente, o ideal sería proceder a unha reforma completa da «lei de leis» pero, hoxe por hoxe, non se dan as condicións políticas requiridas para semellante tarefa.

Antes de que remate este ano, coñeceremos algunhas respostas ás importantes incógnitas que agora mesmo están enriba da mesa: que decisións tomará Junts na súa vindeira Asemblea? Como resolverá ERC as serias divisións internas que padece? Cal será a reacción das organizacións territoriais do PSOE ante o «financiamento singular» pactado en Cataluña?

Onde non existe dúbida é no mundo do PP. Haberá novas versións do «España se rompe» e de «Cataluña nos roba». Da igual que Feijoo afirmara, no ano 2016, que se podería falar dun «concerto» para Cataluña ou que González Pons diga agora que con Junts non terían problemas en pactar «dentro da Constitución». Mentres Ayuso e Abascal segan exercendo de «vixiantes» da ortodoxia, o PP seguirá desconectado da maioría da sociedade catalá agardando por unha vitoria electoral no último minuto ou na prorroga.

Xesús Veiga

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en UN NOVO CICLO POLÍTICO EN CATALUÑA