O GALEGO É A LINGUA PROPIA E (CO) OFICIAL.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O profesor de Dº Constitucional  Blanco Valdés ven de rexeitar  nun outro xornal galego o dereito dos territórios autónomos do Estado para esixir determinados coñecementos das línguas oficiais distintas do castelán para o seu acceso ao emprego público. O profesor da USC mesmo afirma que calquera persoa que só coñeza o castelán habería poder  traballar en calquera emprego e lugar do Estado sen que se lle requira coñecemento ningún dunha outra língua oficial.

   Blanco Valdés é unha persoa moi intelixente e instruída, de amplos coñecementos, cun xorne amábel e cordial no trato humano que fai máis doado conlevar a aberta discrepancia que temos amosado por anos no debate público mediático, nomeadamente nos faladoiros da CRTVG. Mais penso que desta volta faise evidente que o profesor Blanco Valdés mudou nestes últimos anos o seu compromiso constitucional para achegalo ás propostas xurdidas de Madrid a prol da España da língua e cultura única, abríndolle deste xeito a porta na Galicia a esta caste de desaqueladas ideas.

   Porque coñece moi ben Blanco Valdés, como sobranceiro xurista, que na Galicia a constitucionalidade alóngase como bloque no noso Estatuto e nas súas leis de desenvolvemento básico, entre elas a Lei de Normalización Lingüística. Xa que logo, o galego é a única língua propia de Galicia consonte co Estatuto e, xa que logo, coa Constitución do Estado. E tamén é  lingua oficial en todo o território do noso País. Isto quere dicir que eu, vostede e todas as persoas residentes na Galicia temos o dereito de falar galego en calquera circunstancia e esixir das entidades privadas todas que nos entendan e, do sector público, que nos atenda en galego.

 Velaí que a tese de Blanco Valdés non sexa compatíbel cos dereitos lingüísticos que ás persoas que residen na Galicia nos recoñece a mesma Constitución que él ten estudado a eito. Na Galicia a sanidade pública galega atende máis do 90% dos actos médicos. Podemos defender o dereito á ignorância da língua galega a respecto dos empregados da sanidade pública galega sen vulnerar non só a Constitución, o Estatuto e as leis, senón o sentido común? Existe algún servizo público que esixa máis empatía e achegamento ás persoas ca o da saúde?

 O problema de moitos opinadores, universitarios e intelectuais do Estado é querer facer pasar por constitucional, presentar como froito dos consensos de 1978 o que non é senón puro supremacismo que descoñece os valores do pluralismo e da democracia liberal de 1978. Mais o que é normal en Madrid non habería selo na Galicia.

 Cando esta caste de discurso se defende no noso País estase a abrir a porta a ese discurso  centralista  que nada ten a ver coa nosa realidade e vida cotiáns, cos problemas do noso benestar e calidade de vida, coas nosas angueiras.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en O GALEGO É A LINGUA PROPIA E (CO) OFICIAL.-Xoan Antón Pérez-Lema*

EÓLICA MARIÑA SÍ. MAIS NON ASÍ.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O 4-M publicouse no BOE o Plan de Ordenamento de Espazos Marítimos (POEM), aprobado polo Goberno do Estado e que reserva para o mar galego o 47% do total  do Estado para a produción de electricidade vía eólica mariña.

         Esta reserva atenta contra as zonas históricas de pesca da frota galega que desenvolve nesas áreas sistemas de pesca sostíbel. Presenta, tamén, uns documentados riscos ambientais a respecto das especies mariñas e aéreas.  E non define compensación ningunha a xeito de avantaxes tarifarias para os consumidores e empresas galegos nin de recadación para a Administración autonómica galega. Pola contra,semella definir espazos para a concesión de grandes parques só explotábeis por grandes empresas multinacionais, sen que a Galicia que os padece poida recibir achega ningunha da súa ubicación e eventual operatividade, o que constitúe, en aqueladas verbas do profesor de Dº Administrativo da UDC Carlos Aymerich, un nidio exemplo de colonialismo enerxético.

        Ë evidente a necesidade da transición enerxética europea cara un balance enerxético cun nidio predominio das fontes renovábeis. Mais Galicia xa fixo a súa parte, cun 57% de superávit canto á produción enerxética (actual!!) vía fontes renovábeis a respecto dos obxectivos da UE para o 2030. Asemade, o próprio Parlamento Europeo aprobou, o 03.05.2022, unha resolución na que,contrariamente ao lexislado polo Estado, determinaba que os caladoiros históricos e tradicionais específicos dos pescadores  haberían ficar libres de enexías renovábeis mariñas sen que puideran construirse parques eólicos sen se producir consencuencias económicas, sociais e socioculturais negativas para pescadores e produtores acuícolas. Nestes mesmos termos definiuse a maioría parlamentaria estatal no Congreso o 07.06.2022.

     Nesta andaina é chocante a desaquelada opinión de Greenpeace, fronte ao ecoloxismo galego mais coñecedor do ecosistema humano e social das nosas comunidades pesqueiras, ao apoiar esta barbaridade e mesmo pedir a ampliación dos espazos destinados á eólica mariña. Os que tanto fixeron a nível global e mesmo galego, coa súa determinación fronte a planta de ENCE na ría de Pontevedra, non son quen de distinguir entre as artes de arrastre fixo sostíbeis da nosa frota (palangre, nasa ou volanta) a respecto das artes de arrastre móbiles que son as artes da desfeita ecolóxica, como ten recoñecido a eito a autoridade científico-marítima internacional do ICES.

    A transición enerxética non se pode facer sacrificando un sector económico fulcral da Galicia nin facéndolle asumir os custos ambientais, sociais e económicos da mesma. Dar sen recebir, perder sen gañar  é, simplesmente, un xeito de explotación neocolonial.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en EÓLICA MARIÑA SÍ. MAIS NON ASÍ.-Xoan Antón Pérez-Lema*

FRONTERAS.-José María Barja Pérez*

Un dato geográfico difícil de recordar son los países fronterizos con  uno determinado. De hecho ello nos ocurre con los cinco de frontera espa­ñola y no digamos, con los nueve fronterizos con Alemania. Pero la compli­cación existente en África se pone de manifiesto al enumerar la lista de los países del noroeste del continente africano. Una herramienta, que ayuda a recor­dar sus nombres e interrelaciones, es trazar un grafo cuyos nodos re­presenten a cada uno de los países, mientras sus aristas indican con cuales com­parten frontera.

 Precisamente, entre los 20 territorios del noroeste de África (incluido  el insular Cabo Verde), se encuentran el país más extenso del continente (Ar­gelia), el más poblado (Nigeria) y el país no insular más pequeño y me­nos poblado (Gambia). Pero, aunque hoy en día magníficas webs propor­cionan esos datos, aún son apenas conocidos. Como otros, por ejemplo la posición de un país interior, con seis fronteras, como Burkina Faso, conoci­do antes de 1984 como Alto Volta (por sus tres ríos llamados en francés Vol­ta con adjeti­vo Blanco, Negro y Rojo). El nombre de su capital Uagadu­gu procede del francés Ouagadougou, como de origen portugués es el nom­bre de la capital de Benin, Porto Novo.

  • Aunque la capital de Benin es Porto Novo, la sede de su gobierno está en Cotonú, la ciudad más poblada del país. Fue el navegante portugués Eucaristo de Campos el que puso el nombre «Porto-Novo«, por su parecido con la ciudad de Oporto.
  • Se conoce como Sahel una franja de territorios desde Senegal, en la costa del Atlanti­co, pasando por Mauritania, Mali, Burkina Faso, Niger, Nigeria, Chad y Sudan hasta Eri­trea, en la costa del Mar Rojo.
  • Marruecos, además de los 1 941 km de frontera con Argelia y los 1 564 km con Mauri­tania, tiene frontera con España: 8 km en Ceuta y 10,5 km con Melilla.
  • En las comparaciones, más que con cantidades absolutas, las diferencias se explican mejor con ratios. Así Argelia, con un territorio 4,7 veces mayor que el de España, tiene una población casi igual; a su vez Nigeria con un territorio 1,8 veces mayor, tiene una población de 221 millones, 4,69 veces mayor que la española. Gambia con una exten­sión de 10 300 km2 (Asturias 10 603), tiene una población de dos millones y medio de personas (Asturias un millón).
  • El número de países fronterizos con Rusia, el país más extenso del mundo, son 14: Azerbaiyán, Bielorrusia, China, Estonia, Finlandia, Georgia, Kazajistán, Corea del Nor­te, Letonia, Lituania, Mongolia, Noruega, Polonia y Ucrania.
  • En millones de habitantes los continentes se ordenan así: Asia (4 600), África (1 300), América (1 000), Europa (750) y Oceanía (42). Por número de países: África (54 más Sáhara), Europa (43, o 50 añadiendo los euroasiáticos), Asia (41, o 48 con los euroasiáti­cos), América (35) y Oceanía (14).
  • *José María Barja Pérez, ex rector de la UDC
Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en FRONTERAS.-José María Barja Pérez*

UNHA AGRESIÓN SIONISTA A GALICIA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 A eurodeputada Ana Miranda (BNG-Alianza Libre Europea) foi expulsada do territorio israelí o martes 21-F despois de aterrar en Tel Aviv facendo parte da delegación oficial  de relacións coa Palestina do Parlamento Europeo , sendo posuidora dunha autorización expresa do Ministerio xudeu de Exteriores, canda as demáis persoas da delegación europea. Porén, o Ministerio do Interior xudeu anulou ilegalmente o acordado polo seu proprio Goberno e impediu o seu ingreso en Israel, deportándoa cara á Unión Europea (UE).

  O Goberno sionista israelí ratificou deste xeito o seu xorne autoritario e a súa falla de respecto polas máis elementais regras do Estado de Dereito e da convivencia diplomática que xurde do Dereito Internacional Público. Porque a expulsión de Ana Miranda non é só unha agresión ao noso País, á Galicia, senón ao conxunto da Unión Europea. Velaí as protestas da propia presidenta do Europarlamento..

   A UE (principal cooperante internacional da Autoridade Nacional Palestina) habería asumir un rol moito máis activo na condena e mesmo illamento internacional do goberno Netanyahu, que integra o seu sionista Likud con outros partidos de extrema dereita, tamén sionistas e/ou ultraortodoxos. Un Goberno que atenta decote contra os dereitos humanos da poboación palestina e mesmo comeza limitar os dereitos da cidadania árabe israelí, mentres tramita unha reforma lexislativa que sometería aos Tribunais de Xustiza ao Executivo e penaría coa pena de morte os ataques palestinos ás forzas israelís.

   Netanyahu sempre foialiado de Trump e fixo o posíbel por desfacer o pacto antinuclear asinado co Irán polo presidente Obama mentres impón unha ferreña neutralidade no conflito ucraíno xerado pola agresión do réxime autoritario de Vladimir Putin.  Que é o outro vello amigo do líder sionista.

    O incidente, en chave de País, lembra que o Parlamento Europeo é un factor de equilíbrio corrector dunha Europa dos Estados que sofre de non poucos déficits democráticos. Malia todo, a actual arquitectura institucional dalle á Eurocámara un moi importante papel de codecisión a respecto da Comisión Europea e do Consello Europeo que habería de se desenvolver en termos de contrabalanceo aos intereses das multinacionais para acadarmos  mais protección ás pemes, ás minorias e ás persoas consumidoras e unha mellor defensa dos valores da igualdade, protección ambiental e  pluralidade territorial e nacional.

     Precisamente eses teñen sido os vectores do traballo que ten desenvolvido decote Ana Miranda ao longo dos seus mais de vinte anos traballando para o noso País no Parlamento Europeo. Dende o seu traballo a prol dos intereses da nosa pesca, gandería ou sector naval, da conexión ferroviária con Portugal e do corredor atlântico ferroviario ao seu rol fulcral na investigación pola Axencia Ferroviaria Europea do accidente do Alvia en Compostela no 2013, que contribuiu que se estea a desenvolver un xuizo minimamente xusto.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en UNHA AGRESIÓN SIONISTA A GALICIA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

UN ANO DESPOIS DA INVASIÓN DE UCRAÍNA.-Xesús Veiga*

Hai un ano, o goberno de Putin tomou a decisión de invadir Ucraína. A grande maioría dos gobernos europeos e dos observadores que analizan, habitualmente, a situación política internacional non tiñan considerado a posibilidade de tal actuación dos dirixentes rusos. No seo da opinión publica e publicada que se move en coordenadas de esquerda, a sorpresa tamén foi moi notoria.

Cando se constatou a realidade da intervención militar rusa, apareceu un novo prognóstico nas tribunas mediáticas: as accións dos invasores terían un curto percorrido temporal debido á teórica superioridade das forzas colocadas sobre o terreo. A propia Administración norteamericana ratificou semellante previsión mediante un ofrecemento explícito de rescate ao presidente ucraíno -Zelensky- para evitar a súa captura polas tropas rusas. O paso do tempo permitiu comprobar o incumprimento dese cálculo previo: a capacidade de resistencia do exército ucraíno -alimentado pola axuda técnica e financeira dos países occidentais- foi moi superior á que se agardaba e, ao mesmo tempo, a presunta fortaleza do aparato militar do Kremlin non se acreditou no campo de batalla. Existiu, pois, unha curiosa coincidencia entre Putin e Biden: o primeiro calculou que a operación deseñada polo seu Estado Maior tería un éxito inmediato e o segundo -a pesar de que afirmou coñecer con anterioridade a veracidade da intervención- asumiu a inevitabilidade dunha rápida derrota do goberno de Ucraína.

Neste aniversario estase a falar moito da duración do conflito. Hai quen pensa que se vai manter vivo durante un tempo prolongado -a hipótese da cronificación- mentres existen outras opinións que consideran verosímil un acordo de paz -ou, polo menos, un alto o fogo provisorio- nun horizonte temporal relativamente curto. As experiencias históricas rexistradas nas últimas décadas teñen demostrado que existe unha correlación entre as expectativas que se desenvolven no ámbito estritamente militar e as posibilidades dunha negociación que permita acadar un pacto minimamente estábel. Cando as partes enfrontadas chegan á convicción de que non é viábel unha vitoria dos seus respectivos exércitos, gaña peso o escenario da negociación. O caso da guerra de Vietnam foi paradigmático: despois de que, durante anos, os gobernantes dos USA apostaran pola súa vitoria en base á presunta superioridade dos medios humanos e materiais involucrados na guerra tiveron que aceitar a inviabilidade de semellante obxectivo e aturar a importante división creada no seo da sociedade norteamericana. O resultado é ben coñecido: negociación final entre catro partes (USA, Vietnam do Sur, Vietnam do Norte e Vietcong) para asinar o remate da guerra.

Aínda estamos lonxe dunha situación análoga no conflito actual. Os gobernos de Rusia e Ucraína (neste último caso, tutelado polos dirixentes de EE.UU. e da UE) non teñen chegado á conclusión de que a mesa de negociacións é a mellor opción. Desgraciadamente, semella que ambas partes -aínda que sexa con intensidades diferentes- prefiren buscar un maior desgaste militar do adversario para condicionar os termos dun hipotético acordo futuro.

Quen está gañando con esta guerra? Nin Rusia nin Ucraína están en condicións de reclamar tal condición de vencedores. A destrución humana e material causada pola invasión das tropas rusas posúe tal envergadura que anula calquera avaliación desa natureza. Que no corpo social da Federación Rusa exista -segundo indican algúns estudos demoscópicos- unha ampla maioría que apoia a política intervencionista de Putin non avala a lexitimidade xurídica e moral da mesma. Certifica, en todo caso, as graves carencias presentes no sistema económico e político que sucedeu á vella orde que rexía na URSS ate 1991. USA e China aparecen como as potencias menos afectadas polas consecuencias negativas deste conflito e, xa que logo, están reforzando o seu papel no escenario xeopolítico global.

O caso da UE merece unha reflexión específica. A pesar da coñecida dependencia do «amigo americano» en materia militar -vehiculizada a través da OTAN- algúns dos Estados mais relevantes do club europeo -singularmente Alemaña- teñen desenvolvido unha notábel política propia a respecto de Rusia nas tres últimas décadas, centrada especialmente nas relacións económicas. A decisión de Putin arruinou esa estratexia autónoma e colocou aos dirixentes europeos ante a complicada tesitura de aplicar sancións económicas que afectan ás condicións de vida das súas poboacións e alimentan as dinámicas de subordinación a Washington. O presidente ruso calculou que a súa acción militar ía provocar unha división irrecuperábel no bloque occidental. A realidade está demostrando o fracaso desa previsión igual que está certificando o desaxuste das expectativas que manexou Merkel durante moitos anos para manter as relacións preferenciais con Rusia en materia enerxética.

A traxedia que se está a vivir en Ucraína merecería unha resposta contundente nas rúas por parte das organizacións comprometidas coa defensa da paz. Nas cidades rusas non existe a capacidade mobilizadora capaz de vencer o abafante clima represivo creado polas autoridades. Nos territorios europeos occidentais os motivos que explican semellante ausencia son diferentes. Se no ano 2003 a intervención militar en Iraq provocou importantes movementos de protesta, agora rexistranse moitas dificultades para establecer un consenso minimamente sólido sobre as culpabilidades principais que concorren nesta guerra. Hai 20 anos, os USA e a OTAN eran os actores principais do drama e concitaban todas as expresións de rexeitamento que aparecían no corpo social. Agora, o papel determinante que xogan Putin e a Federación Rusa nesta violación do dereito internacional non provoca unha reacción equivalente.

Sabemos por experiencia que a lóxica que rexe as relacións internacionais non está baseada no respecto polos valores democráticos senón pola defensa dos intereses dos países e dos grupos que posúen as maiores cotas de poder no sistema mundial. Se nos remontamos a episodios bélicos relevantes ocorridos despois do remate da II Guerra Mundial, o catálogo é moi amplo: Corea, Vietnam, Palestina, Iugoslavia, Afganistán, Iraq, Siria, Libia… e agora Ucraína. A pesar das singularidades indiscutíbeis presentes en cada caso, existiu un denominador común: a legalidade internacional foi ignorada ou violentada para buscar un dominio exterior sobre un territorio ou hipotecar seriamente a súa capacidade de decisión soberana.

Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en UN ANO DESPOIS DA INVASIÓN DE UCRAÍNA.-Xesús Veiga*

SOMOS CIDADANÍA DE SEGUNDA?.-Xoan Antón Pérez-Lema*

”España es Madrid  y Madrid es España”, Díaz Ayuso dixit. A chave territorial do supremacismo castelán, hoxendía convertido no supremacismo dun Madrid que xa papou Castela enteira e vai camiño de papar a península ibérica toda, estrutura a propia fasquía dos valores imperantes nunha política e nunha sociedade, afastándoos dos propios da democracia liberal. Polonia e Hungría, cando non Rusia ou China, non están tan lonxe.

          A comezar polos dereitos fundamentais da persoa como é o voto. Son- somos- neste País e no Estado todo millóns os que votan por forzas non estatais. BNG, PNV, Junts, ERC, EH Bildu, CUP e Compromís quitan o 11%  dos votos e 38 sobre os 350  deputados no Congreso estatal. E seica todas estas son opcións ilexítimas, que non poden sumar para constituir unha maioría, quer de investidura, quer de lexislatura, quer de goberno. Semella que só 312 das 350 contan para investir, lexislar e gobernar. Seica as persoas que os votan non teñnd ereito a formar maiorías de goberno.

        A seguer pola lingua. Sabido é que vivir en galego é imposíbel na Galicia, mais tamén vivir en euskera ou catalán noutros lugares do Estado. Semella que todo o que non sexa castelán omnipresente e obrigatorio (o noso sempre é voluntario e subordinado) é de xente revolta  ou  de mal vivir. Ou, polo menos, de rariños e repunantiños.

        Mentres, deféndese dende o Deep State a ilegal infiltración de polícias en organizacións sociais e cidadás e a espionaxe Pegasus a respecto de avogados e políticos. Continúa a implacábel aplicación do Dereito penal do Inimigo aos soberanistas cataláns, co Supremo interpretando que existe unha malversación agravada, cando non existiu  ese arrequecemento persoal ou a prol de terceiro que o Dereito Internacional e o anovado Código Penal español esixen para esa malversación agravada. Dende o outono de 2018  é continúa a interpretación retorta dos Dereitos Penal e Procesual para perseguir persoas qu con máis ou menos acerto  só fixeron política allea a todo acto de violencia ou intimidación.

          Na Galicia, mentres, sofrimos nidias manifestacións de tratamento colonial (hai e houbo colonias europeas, lembren a Irlanda británica do século XIX, arestora independente e  primeiro país europeo en crecemento económico).no mantemento de estruturas extractivas como a fábrica de ENCE, a enxurrada eólica ou unha  peaxe obrigatoria na nosa fulcral vía de conexión intraterritorial do País, a AP-9, cando as ciudades castelás e andaluzas están unidas entre si por autovías de balde.

         Cando o democrático sería o illamento social e político da extrema dereita de Vox (clara ameaza para os nosos dereitos políticos, culturais e sociais) as grandes media madrileñas, o deep state e as forzas políticas estatais normalizan e branquean á devandita extrema dereita e deslexitiman aos que son diferentes na súa referencia nacional. Como se fosen-fósemos-cidadanía de segunda.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en SOMOS CIDADANÍA DE SEGUNDA?.-Xoan Antón Pérez-Lema*