A España da caspa.

  Abascal e Tamames-Tamames e Abascal- amosaron  no pasado debate parlamentario da moción de censura de Vox unha volta á España da caspa (seica millóns aínda viven nela), mentres o PP de Núñez Feijóo  non foi quen de se distanciar da proposta do extremismo nin votando en contra nin proxectando na opinión pública unha mensaxe clara de afastamento a respecto de semellante nível de casposidade.

  As maiorías sociais na Europa toda entendemos os valores da convivencia plural  e da tolerancia. Sendo plurais as nosas sociedades é ben lóxico que as persoas que son os seus representantes políticos teñan distinta fasquía e xeitos de vestir e de se expresar diferentes. Abascal pensa que hai un só xeito de vestir con dignidade nos Parlamentos, porque lle nega a cualidade da cidadanía a millóns que votamos distinto. Velaí o seu radical afastamento co que sinten e pensan as maiorías. A definición política da españolidade que esas verbas reflicten son propias dunha España monolítica, autoritaria e clasista.

 Pola súa banda, Tamames asumiu as teses anticientíficas do pseudohistoriador Pío Moa para defender que a guerra civil comezou no 1934 e tentar pór no mesmo nível de desprestixio a legalidade republicana e-na Galicia-estatutaria e a xenocida agresión dos rebeldes franquistas. Tamén tentou vencellar indisolúbelmente o réxime do 78´ á mera evolución monárquica do próprio réxime franquista, cando datou a “democracia española” na aprobación da lei de reforma política de 1976 no canto de a vencellar ao proceso complexo de aprobación da Constitiución e dos Estatutos das nacionalidades que a enchen, amplían e a dotan dun fondo sentido plurinacional que agora os namorados do réxime do 78¨ seica refugan.

Reflectiu tamén Tamames a súa adhesión clasista ás peores propostas económicas da dereita española , ao refugar un moi curto SMI de 1082 €/mes que disque “España no se lo puede permitir” e ao propugnar a extensión da sanidade privada no noso sistema prestacional da saúde pública. E como o benestar público sempre vai vencellado ao autogoberno, propugnou ao tempo que esa extensión da sanidade privada habería desenvolverse ao abeiro dunha xestión sanitaria única, recentralizada dende ese Madrid onde queren negociar exclusivamente as grandes empresas de sector. Tamén propugnou esa mesma recentralización na xestión e contidos da educación, que habería ser unilingüe en castelán.

Proxectaron Tamames e Abascal, Abascal e Tamames, unhas sociedades onde mulleres, inmigrantes, colectivos LGTBI, persoas traballadoras e librepensadoras e todas aquelas que antepoñemos a nosa cualidade nacional galega á formal cidadanía española  non haberíamos ter espazo nin voz de noso. Proxectaron unha España da casposidade que rexeita os valores liberais e democráticos da Europa plural de 2023.

 Son millóns en todo o Estado os que apoian a mensaxe clasista, machista, iliberal e antigalega de Tamames e Abascal. O máis grave é que aínda non  ollamos a única reacción posíbel de Núñes Feijóo: rachar de vez con estes inimigos da democracia e da convivencia.

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en A España da caspa.

O REGRESO DAS PANTASMAS FINANCEIRAS

As crises vividas, nos últimos días, por algunhas entidades bancarias europeas e norteamericanas fixéronme lembrar as palabras escritas polo economista John Kenneth Galbraith no outono de 1987 -cando se rexistraba un novo desequilibrio financeiro en Wall Street- enumerando as semellanzas e as diferenzas con aquela histórica desfeita de 1929, preludio dun conxunto de acontecementos que rematarían no estoupido da II Guerra Mundial.

Memoria, cobiza e confianza: velaquí tres referencias terminolóxicas que nos poden permitir un achegamento aos elementos constitutivos das crises financeiras experimentadas nas últimas décadas.

Galbraith afirmaba que nos mercados onde se negocian recursos financeiros non existe unha memoria solvente que permita aprender dos episodios anteriores para non repetir as prácticas causantes dos desastres precedentes. Esa carencia é consecuencia da preponderancia da cobiza como criterio fundamental na conformación do comportamento das persoas e institucións que participan neses mercados. A pretensión continuada de obter o máximo beneficio, sen limite ético algún, remata por orixinar alteracións importantes na teórica harmonía que debería presidir o funcionamento desa parte do universo económico. Finalmente, o paradoxo fica instalado no corazón do propio sistema: todos os actores que se moven no escenario afirman que a confianza é unha peza básica na estabilidade do capitalismo pero non renuncian a facer o que sexa para maximizar as súas ganancias. O fin xustifica todos os medios. A confianza invocada resulta, ao cabo, unha coartada retórica, sen capacidade para mudar a realidade.

Ao remate desta década vanse cumprir 100 anos dende aquel histórico afundimento da bolsa neoiorquina. A partir dese momento, houbo unha maior coincidencia sobre a necesidade de fixar novas e mellores regulacións dos mercados financeiros. Porén, os sucesivos acontecementos vividos posteriormente demostraron as eivas das normas establecidas e a neglixencia dos organismos encargados da súa efectiva aplicación. Nestes días, relatando as peripecias do «Silicon Valley Bank» e do «Credit Suisse» constatouse a presenza das vellas pantasmas: falta de transparencia na actuación das entidades afectadas, existencia dalgunhas prácticas pouco ortodoxas, excesiva relaxación na aplicación dos controis polos reguladores…A pesar das pretensións invocadas, a realidade é teimuda: o código que guía o comportamento dos operadores financeiros subordina calquera criterio á consecución do maior beneficio no prazo mais curto posíbel.

Estamos asistindo, agora, a unha nova versión do que xa se contemplara no ano 2008: cando as cousas pintan mal no ámbito do negocio bancario, considerase pertinente a intervención das autoridades públicas. As modalidades poden variar: nacionalización total ou parcial das entidades afectadas; facilitar a obtención de recursos líquidos inmediatos a través de préstamos dos bancos centrais; incentivar a adquisición das entidades mais vulnerábeis por outras que presenten mais fortalezas…Cando isto sucede non se escoitan as voces que, habitualmente, rexeitan con moita belixerancia outras propostas de intervención gobernamental nos mercados enerxéticos e alimentarios. A CEOE -ou a CEG- aplauden as medidas que se toman para rescatar bancos pero non queren saber nada sobre as ferramentas que se poderían utilizar para frear o encarecemento dos alimentos, da electricidade ou dos combustíbeis. As incongruencias non rematan aí: apoiase decididamente que UBS -o principal banco suízo- absorba «Credit Suisse» a pesar de que iso vai supor unha notábel perda de emprego e vai reducir substancialmente o nivel de competencia e , xa que logo, prexudicar aos clientes individuais e/ou empresariais. A dupla vara de medir goza de boa saúde entre aqueles que se encargan de elaborar os relatos sobre estas crises que regresan cada certo tempo.

Polo demais, non é realista pensar que este desaxuste financeiro non vai provocar efectos negativos na evolución doutras variábeis económicas (crecemento económico, desemprego, inflación…). Hai 15 anos, afirmábase que a treboada das hipotecas «subprime» non ía saír do recinto norteamericano e xa sabemos o que pasou pouco tempo despois nas economías e nas sociedades do sur de Europa. Non existen garantías de que non se repitan eses fenómenos aínda que sexa con intensidades e características diferentes.

Xesús Veiga

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en O REGRESO DAS PANTASMAS FINANCEIRAS

AS ESQUERDAS ESPAÑOLAS ESQUECEN AS LIBERDADES.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Non foi posíbel. Outravolta PSOE e Unidas Podemos rexeitaron sumar coas forzas da maioría da investidura e fracasou a reforma da lei de seguridade cidadá que derrogaría a “lei mordaza”. Um enxendro lexislativo impsoto pola maioría absolyta do PP no 2015 que limitou substancialmente os dereitos fundamentais de libre expresión, xuntanza e manifestación e máis o de asilo.

  Cómpre lembrarmos dos antecedentes históricos. A enxurrada de reivindicacións sociais, económicas e políticas na rúa dende o 11-M de 2011, que amosou a gravísima crise do chamado pacto da transición que, porén, non xerou graves trastornos da convivencia cívica na rúa. E unha maioría absoluta do PP que decidiu normativizar  ferramentas contrarias á tradición liberal e democrática das democracias europeas para   desincentivar aas demostracións públicas na rúa e a liberdade de expresión fronte aos axentes dos corpos de seguranza.

  O PSOE, canda  IU e Podemos, prometeron  derrogar esta reforma tan axiña lles pose posíbel. Mais a coalición das esquerdas españolas leva xa in office tres anos e dous meses e durante todo este tempo non foron quen a cumprir a súa promesa. E, cando tiñan a posibilidade de facelo ( no Congreso estatal haio poucos días) amosaron o seu medo ás reaccións da dereita española e do corporativismo das organizacións sindicais policiais Jucil e Jupol e rexeitaron incluir na reforma catro contidos fundamentais: i) a prohibición do uso policial das pelotas de goma e doutro perigoso material nas demostracións públicas, ii) a proscrición das devolucións en quente de persoas que tentan atravesar as fronteiras, práctica inhumana que atenta contra do dereito de asilo, iii) suprimirmos a presunción de veracidade do relatorio fáctico dos atestados policiais cara posíbeis xuizos posteriores e iv) a esixencia de que o funcionariado policial xustifique obxectivamente os feitos que motivan as acusacións por faltas de desobediencia ou respecto á autoridade policial.

 Nunha democracia liberal avanzada cómpre interpretar expansivamente as liberdades de expresión e libre xuntanza e demostración na rúa. Os Corpos policíais están para garantir o libre exercicio dos nosos dereitos, nomeadamente dos dereitos fudnamentais e liberdades públicas e, xa que logo, haberían esixir dos Executivos e Lexislativos medios materiais e humanos abondo e normativa acaída para cumprir esta súa finalidade e protexernos, non para limitar os nosos dereitos. Malia todo, é xusto recoñecermos que son ampla maioría as persoas integrantes destes Corpos que saben isto e só unha minoría,  activada dende as dereitas radicais españolas,  a que pide ferramentas propias das policías chinesa, iraniana ou saudíta.

 Mais nesta lexislatura xa non será posíbel. Como tampouco a derrogación da pena de cárcere permamente revisábel ou do delicto de inxurias á Coroa. Velaí un grave fracaso das esquerdas españolas.

*Xoan Antón Pérez-Lema é avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en AS ESQUERDAS ESPAÑOLAS ESQUECEN AS LIBERDADES.-Xoan Antón Pérez-Lema*

A RESACA DA PANDEMIA.-Xesús Veiga*

Cando, no mes de Marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) certificou a existencia dunha pandemia provocada por un virus até entón descoñecido -e do que, por certo, segue sen existir un diagnóstico común suficientemente contrastado sobre a súa orixe-, produciuse unha ruptura notábel na vida social e nos códigos normativos deseñados anteriormente por todos os gobernos e organismos internacionais.

Esta imprevista catástrofe sanitaria provocou danos moi graves na poboación (mortes, afectacións permanentes na saúde, empeoramento das condicións de vida e traballo de millóns de persoas…) e alimentou debates importantes sobre a necesidade de revisar a calidade dos modelos de benestar social existentes e reconsiderar algunhas dinámicas económicas dominantes no sistema mundial.

Tres anos despois do estoupido desta crise, non se pode afirmar que se teñan acometido cabalmente os cambios propostos ou suxeridos durante os meses mais duros da pandemia. Concretamente, no ámbito do Estado español non se ten realizado unha auditoría sistemática que permitira identificar as feblezas -e tamén as fortalezas- detectadas nas actuacións das Administracións públicas concernidas. Hai dous sectores nos que semellantes carencias analíticas resultan mais graves: a situación dos sistemas sanitarios públicos e das redes de atención ás persoas maiores e/ou dependentes.

No caso da sanidade, non se aproveitou a oportunidade do masivo apoio demostrado pola cidadanía aos esforzos desenvolvidos polas equipas humanas nos momentos mais duros da incidencia da COVID e non se adoptaron medidas que mudaran substantivamente as limitacións preexistentes nas estruturas sanitarias.

Recentemente, Amnistía Internacional presentou un informe moi revelador do sucedido nas residencias de maiores ubicadas no territorio español: mais de 35.000 persoas morreron neses centros e non se depuraron, a día de hoxe, as responsabilidades derivadas de tal circunstancia. A case totalidade das investigacións abertas no eido xudicial foron arquivadas e practicamente non se promoveron indagacións exhaustivas no seo das institucións políticas representativas. Para as familias afectadas non existiu a reparación que requiría a dimensión da traxedia vivida. Para o conxunto da sociedade non houbo o imprescindíbel balance crítico que permitira establecer unha nova folla de ruta  para mellorar a prestación deste servizo básico dun Estado de benestar digno de tal nome.

Conforme nos fomos afastando daquel fatídico 2020, desapareceron do debate público as reflexións sobre a pertinencia de revisar algunhas das dinámicas instaladas no funcionamento do sistema económico ou de cuestionar algúns dos vectores que veñen presidindo o desenvolvemento de sectores moi relevantes do mesmo. Falouse, por exemplo, da comenencia de corrixir aspectos nocivos asociados á deslocalización de determinades actividades produtivas (lémbrense os graves problemas padecidos nos primeiros meses para asegurar o subministro de material sanitario). Tamén se evocou a pertinencia de redefinir os modelos turísticos para reducir as dependencias excesivas e os impactos negativos sobre a sustentabilidade ambiental. As expectativas xeradas naquel momento non tiveron tradución práctica significativa: recuperouse a normalidade pero non a que se anunciaba como «nova» senón a que xa se coñecía antes da pandemia.

As mudanza mais visíbeis que se teñen operado neste período fan referencia ás respostas dadas no escenario da UE. Se na grave conmoción rexistrada a partir da crise financeira iniciada nos USA en 2008 a reacción da Comisión e do BCE foi o chamado «austericidio» (aplicación de fortes medidas de redución do gasto público nos países do sur da Europa comunitaria), nesta ocasión a resposta foi notabelmente diferente: suspensión temporal das regras relativas ao déficit e ao endebedamento das Administracións (anunciase, agora, que serán recuperadas para o 2024) e posta en funcionamento de políticas expansivas do gasto público mediante a provisión de fondos extraordinarios financiados conxuntamente polos órganos da UE. Se a iso engadimos a acción concertada no ámbito da adquisición de vacinas para neutralizar unha parte dos efectos mais destrutivos da pandemia, obteremos a conclusión de que o shock provocado pola COVID permitiu restaurar unha parte da confianza perdida polas poboacións europeas ante as políticas acometidas no pasado recente polas institucións comunitarias. A pesar de todas as limitacións que se podan sinalar e das incógnitas que penduran sobre o futuro, nestes meses demostrouse que era unha falacia aquela pretensión de que só era viábel unha determinada orientación de política económica para enfrontar as crises graves padecidas polas diferentes sociedades da nosa contorna

Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en A RESACA DA PANDEMIA.-Xesús Veiga*

O GALEGO É A LINGUA PROPIA E (CO) OFICIAL.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O profesor de Dº Constitucional  Blanco Valdés ven de rexeitar  nun outro xornal galego o dereito dos territórios autónomos do Estado para esixir determinados coñecementos das línguas oficiais distintas do castelán para o seu acceso ao emprego público. O profesor da USC mesmo afirma que calquera persoa que só coñeza o castelán habería poder  traballar en calquera emprego e lugar do Estado sen que se lle requira coñecemento ningún dunha outra língua oficial.

   Blanco Valdés é unha persoa moi intelixente e instruída, de amplos coñecementos, cun xorne amábel e cordial no trato humano que fai máis doado conlevar a aberta discrepancia que temos amosado por anos no debate público mediático, nomeadamente nos faladoiros da CRTVG. Mais penso que desta volta faise evidente que o profesor Blanco Valdés mudou nestes últimos anos o seu compromiso constitucional para achegalo ás propostas xurdidas de Madrid a prol da España da língua e cultura única, abríndolle deste xeito a porta na Galicia a esta caste de desaqueladas ideas.

   Porque coñece moi ben Blanco Valdés, como sobranceiro xurista, que na Galicia a constitucionalidade alóngase como bloque no noso Estatuto e nas súas leis de desenvolvemento básico, entre elas a Lei de Normalización Lingüística. Xa que logo, o galego é a única língua propia de Galicia consonte co Estatuto e, xa que logo, coa Constitución do Estado. E tamén é  lingua oficial en todo o território do noso País. Isto quere dicir que eu, vostede e todas as persoas residentes na Galicia temos o dereito de falar galego en calquera circunstancia e esixir das entidades privadas todas que nos entendan e, do sector público, que nos atenda en galego.

 Velaí que a tese de Blanco Valdés non sexa compatíbel cos dereitos lingüísticos que ás persoas que residen na Galicia nos recoñece a mesma Constitución que él ten estudado a eito. Na Galicia a sanidade pública galega atende máis do 90% dos actos médicos. Podemos defender o dereito á ignorância da língua galega a respecto dos empregados da sanidade pública galega sen vulnerar non só a Constitución, o Estatuto e as leis, senón o sentido común? Existe algún servizo público que esixa máis empatía e achegamento ás persoas ca o da saúde?

 O problema de moitos opinadores, universitarios e intelectuais do Estado é querer facer pasar por constitucional, presentar como froito dos consensos de 1978 o que non é senón puro supremacismo que descoñece os valores do pluralismo e da democracia liberal de 1978. Mais o que é normal en Madrid non habería selo na Galicia.

 Cando esta caste de discurso se defende no noso País estase a abrir a porta a ese discurso  centralista  que nada ten a ver coa nosa realidade e vida cotiáns, cos problemas do noso benestar e calidade de vida, coas nosas angueiras.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en O GALEGO É A LINGUA PROPIA E (CO) OFICIAL.-Xoan Antón Pérez-Lema*

EÓLICA MARIÑA SÍ. MAIS NON ASÍ.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O 4-M publicouse no BOE o Plan de Ordenamento de Espazos Marítimos (POEM), aprobado polo Goberno do Estado e que reserva para o mar galego o 47% do total  do Estado para a produción de electricidade vía eólica mariña.

         Esta reserva atenta contra as zonas históricas de pesca da frota galega que desenvolve nesas áreas sistemas de pesca sostíbel. Presenta, tamén, uns documentados riscos ambientais a respecto das especies mariñas e aéreas.  E non define compensación ningunha a xeito de avantaxes tarifarias para os consumidores e empresas galegos nin de recadación para a Administración autonómica galega. Pola contra,semella definir espazos para a concesión de grandes parques só explotábeis por grandes empresas multinacionais, sen que a Galicia que os padece poida recibir achega ningunha da súa ubicación e eventual operatividade, o que constitúe, en aqueladas verbas do profesor de Dº Administrativo da UDC Carlos Aymerich, un nidio exemplo de colonialismo enerxético.

        Ë evidente a necesidade da transición enerxética europea cara un balance enerxético cun nidio predominio das fontes renovábeis. Mais Galicia xa fixo a súa parte, cun 57% de superávit canto á produción enerxética (actual!!) vía fontes renovábeis a respecto dos obxectivos da UE para o 2030. Asemade, o próprio Parlamento Europeo aprobou, o 03.05.2022, unha resolución na que,contrariamente ao lexislado polo Estado, determinaba que os caladoiros históricos e tradicionais específicos dos pescadores  haberían ficar libres de enexías renovábeis mariñas sen que puideran construirse parques eólicos sen se producir consencuencias económicas, sociais e socioculturais negativas para pescadores e produtores acuícolas. Nestes mesmos termos definiuse a maioría parlamentaria estatal no Congreso o 07.06.2022.

     Nesta andaina é chocante a desaquelada opinión de Greenpeace, fronte ao ecoloxismo galego mais coñecedor do ecosistema humano e social das nosas comunidades pesqueiras, ao apoiar esta barbaridade e mesmo pedir a ampliación dos espazos destinados á eólica mariña. Os que tanto fixeron a nível global e mesmo galego, coa súa determinación fronte a planta de ENCE na ría de Pontevedra, non son quen de distinguir entre as artes de arrastre fixo sostíbeis da nosa frota (palangre, nasa ou volanta) a respecto das artes de arrastre móbiles que son as artes da desfeita ecolóxica, como ten recoñecido a eito a autoridade científico-marítima internacional do ICES.

    A transición enerxética non se pode facer sacrificando un sector económico fulcral da Galicia nin facéndolle asumir os custos ambientais, sociais e económicos da mesma. Dar sen recebir, perder sen gañar  é, simplesmente, un xeito de explotación neocolonial.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en EÓLICA MARIÑA SÍ. MAIS NON ASÍ.-Xoan Antón Pérez-Lema*