Pegadas Imborrabeis – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA indignación que percorreu o corpo social galego nos días seguintes ao inesquecíbel 13 de Novembro de 2002 reapareceu once anos despois por mor da sentenza ditada pola Audiencia Provincial coruñesa.

As verdades xudiciais non concordan, necesariamente, coa natureza e o significado dos feitos xulgados. Neste caso, a sentenza non sintoniza coa avaliación e cos sentimentos da maioría da sociedade galega. Por iso, a pesar dos indiscutíbeis e nefastos efectos xurídicos, este episodio non poderá borrar da memoria colectiva o movemento de resposta social de maior envergadura rexistrado na Galiza durante os últimos 35 anos.

Aquel movemento xurdiu como consecuencia dunha suma combinada de frustracións e descontentos.Un dos mais destacados derivaba da comprobación de que a lóxica do beneficio empresarial tiña convertido o tránsito marítimo polo corredor de Fisterra nun foco potencial de destrución dos recursos naturais da plataforma costeira. Outro nacía da constatación de que a burocracia da UE non era quen de garantir o cumprimento das normas de seguridade marítima e seguía mantendo unha rechamante tolerancia ante a evidencia de comportamentos irregulares e prácticas mafiosas de grupos económicos presentes nese negocio.O Prestige fixo visíbeis e, finalmente, críbeis as opinións repetidamente formuladas a respeito da incompatibilidade entre as premisas dominantes do modelo económico vixente e a preservación de moitos recursos naturais.

Constatar que o Estado español non posuía buques anticontaminantes, remolcadores suficientes e competentes ou instrumentos tecnoloxicamente axeitados para combater unha marea daquelas características revelou o alcance real da desconsideración que lles merecía aos inquilinos da Moncloa todo o relacionado co mundo do mar. O Estado non foi quen de acreditar a súa virtualidade como instrumento integrador da identidade nacional galega e tampouco superou a proba da súa utilidade como provedor de benestar e protección ás persoas que financiaban cos seus impostos os distintos aparellos administrativos. A escandalosa ausencia dos recursos públicos foi o resultado final dunha suma de factores heteroxéneos pero contundentes:o medre da privatizacións dos servizos públicos; a inexistencia de planos de actuación para situacións de emerxencia; a espectacular incompetencia exhibida polos xestores públicos encargados do funcionamento dos servizos existentes e a insuperábel descoordenación rexistrada entre as administracións dependentes da Moncloa e de Raxoi. A desaparición do Estado permitiu que emerxeran as enerxías presentes nos sectores mais xenerosos e creativos da sociedade galega e do tecido social doutros territorios ibéricos. Mariñeiros, mariscadoras e voluntariado escreberon unha das páxinas mais dignas da nosa historia e alimentaron coa súa actividade un estoupido mobilizador cuxa masividade constituíu a maior censura que podían esperar os gobernantes de Madrid e de Santiago.    

O episodio do Prestige resultou paradigmático no terreo das responsabilidades políticas. Ninguén presentou a dimisión (a pesar de circunstancias tan insultantes como as actividades cinexéticas de ministros e conselleiros nos primeiros momentos da catástrofe) e todos eles apostaron pola xudicialización do caso, confiando que a demora na instrución favorecese a benevolencia da sentenza. Seguramente por iso, Aznar –nun acto reflexo digno dun tratado de psicoloxía- decidiu ladrar o seu resentimento polas esquinas. Está moi ledo porque pensa que a Audiencia absolveu aos incompetentes xestores públicos que multiplicaron os efectos do desastre. Poren, se consulta as hemerotecas comprobará que nas municipais do 2003 e nas eleccións ao Parlamento galego no 2005, os votantes pasaron factura ao PP:no primeiro caso foi superado pola suma dos votos obtidos polo PSdG e o BNG e no segundo non foi quen de asegurar a continuidade de Fraga na presidencia da Xunta.

Si. A pesar desta lamentábel sentenza xudicial podemos afirmar que na sociedade galega houbo un antes e un despois do 13 de Novembro do 2002.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.