Rajoy contra os Autónomos- Xoan Antón Pérez Lema

 

 

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE

2014 trouxo malas novas para os autónomos. Principiou a vixencia do réxime de caixa do IVE para aqueles que o escollan, que supostamente cumpriría a promesa electoral do 2011 de que os autónomos e pemes só pagarían o IVE cando o desen cobrado. E non hai tal, porque o sistema é impracticábel, ao vencellar tamén  ás empresas que pagan as facturas. Aturan de bo grao as grandes empresas que a súa peme provedora lles vincule en todas as súas relacións coa mesma? Xa saben a resposta. A opción polo réxime de caixa conleva na práctica o carimbo  de “empresa problemática”. Velaí a inutilidade deste sistema, cando pola Europa adiante había exemplos abondo de sistemas operativos. Das resultas desta mentira, menos dun 8% dos 2,3 millóns de autónomos e pemes que poderían optar por este sistema ( restrinxido aos que facturan menos de 2M€ /ano) poderán usalo.

As pemes (considerando nesta categoría ás empresas de menos de 25 traballadores) tamén sofriron a supresión da norma que lle atribuía ao Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) o  pagamento do 40% das indemnizacións por despedimento obxectivo. E viron como sobía un 22% a cota mínima de cotización á Seguridade Social dos autónomos que operan a medio de sociedades mercantís (case sempre S.L. unipersonais ou de moi poucos socios), penalizando deste xeito a decisión xurídica máis acaída para garantir a separación entre patrimonio empresarial e persoal. Separación imprescindíbel para emprender con mínimas garantías. Ao tempo, os salarios reais minguaban e os impostos empresariais medraban coa implantación da cotización dos bonos para xantar de empresa e outros pagamentos “en especie”.

Rajoy e Montoro, outravolta, deixan en papel mollado as súas supostas medidas pro emprendemento  e ratifican a súa fin de seguir a se financiar con cargo ás pemes e autónomos, canda os asalariados. Mentres, arrumban a precisa reforma do Imposto de Sociedades para suprimirmos as deducións que privilexian á grande empresa (que foi quén de introducir cadansúa dedución por “lobby”). Xusto o grande burato da recadación fiscal que está a pexar o Estado do Benestar.

O PP segue a lle dar as custas aos autónomos e pemes e a  privilexiar ás corporacións do IBEX 35 e demáis beneficiaros do capitalismo castizo do BOE.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.